Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 19 de outubro de 2001

O “efeito dominó” na economia mundial
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



A mais dun mes dos repudiábeis ataques a EE.UU. non hai dúvida xa de que os mesmos desataron toda unha série de prexuizos á economia de Estados Unidos, ao profundar a recesión que estaba en marcha. En efeito, está en proceso unha onda de despedimentos en todo o mundo que se contabiliza xa en mais de 800 mil postos de traballo perdidos en escala planetária, anunciados por empresas como Opel, Reuters, Vodafone, Du Pont, Mitsubishi, liñas aéreas, e multitude de empresas dos meios de comunicación, sector financeiro, industrial e tecnolóxico.

Mais alá dos efeitos directos dos ataques terroristas, o ambiente de terror e incertidume está afectando os investimentos en todo tipo de bens durábeis, pois cando sopran ventos de guerra a xente pospón a compra de toda clase de artigos non esenciais. A isto engade-se o pánico que está a xerar a decena de casos de ántrax que apareceron en várias cidades norteamericanas, o cal empiorou ainda mais o cadro antes descrito.

Mais aló das raias norteamericanas, todas as economias do mundo sofreron -en maior ou menor grau- con eses ataques, comezando porque a metade dos turistas do mundo proveñen de EE.UU. e esa nazón tamén recebe un fluxo considerábel de turistas foráneos, de modo que todas as liñas aéreas doutros paises están actualmente en sérios problemas, esperando-se a quebra de moitas aerolíñas nacionais e a sua fusión coas mais sólidas. Asimesmo, unha merma tan considerábel no turismo mundial, só polo temor a viaxar, está a causar grandes prexuizos a todos os paises que dependen grandemente desa actividade para as suas divisas duras, e sítios moi turísticos como as pirámides exípcias e as ruínas romanas se ven desoladas en espera de que se tranquilice a situación xeopolítica mundial.

Encima do terror causado polos ataques, agora soman-se as distorsións económicas a causa da guerra imperialista iniciada por EE.UU. en Afganistán, que ameaza por se estender a outros paises do Mediano Oriente. Obviamente isto espanta os investimentos e fai aplazar planos de ampliación de todas as empresas ubicadas nesa rexión, con efeitos negativos para todo país ou firma relacionada coa indústria e o comércio desa parte do mundo. Asimesmo, a raiz da globalización do comércio, tamén se reduce o fluxo de mercancias e servizos entre paises, de modo que todo o mundo resultou afectado polas consecuéncias deses bárbaros actos terroristas. Nun planeta tan interconectado, ao sofrer un tremendo golpe a maior economia mundial, todas as demáis prexudican-se en cascada, como nunha fileira de pezas de dominó, máxime cando xa as demáis rexións estaban a sofrer xa os efeitos das recesións norteamericana e xaponesa, e se comezaba a sentir a desaceleración da europea. A isto soman-se-lle as recentes crises pontoais en paises importantes como Arxentina, Turquía e Corea do Sul, que agora van ver mermados os investimentos que esperaban para reactivar as suas economias, pois o énfase financeiro dos paises da OTAN vai ser para a campaña bélica, mentres aplazan planos por estar centrados nos asuntos políticos.

Certamente, o aumento dos gastos militares tamén xenera certa actividade económica, pero ésta se concentra en empresas adicadas á indústria e o comércio de armas e municións, que sempre se benefician das guerras. Outras actividades conexas coa seguranza tamén desfrutan de período de bonanza, pero para reactivar as economias de paises industrializados, que son motores das demáis, haberia que mellorar as vendas de vivendas, automóvis, electrodomésticos e computadoras, rubros que son precisamente os deprimidos nestes momentos debido á incertidume, causada tanto polo medo ao terrorismo como polos anúncios de guerras a esgalla. En consecuéncia, espera-se que as economias do mundo anglosaxón e europeu non medren mais alá dun 1% anual no presente ano, mentres a medra do Xapón pode permanecer negativa por un tempo. As demáis economias do mundo van ter que axustar-se a esas realidades, ao ser tan dependentes do comércio co mundo industrializado e o turismo proveniente de éste.

O mundo do petróleo, en particular, vai ser un dos mais afectados pola diminución do turismo e das vendas, pois case todas as máquinas funcionan grazas aos combustíbeis e lubricantes derivados do ouro negro. Isto prexudica especialmente a paises produtores cuxas economias dependen esencialmente do petróleo, e cuxos presupostos públicos terán que ser axustados debido á nova onda de enfrentamentos, que se espera dure vários anos a xulgar polos anúncios de EE.UU. Isto é ainda mais notábel por canto se espera que o prezo do cru tenderá a baixar a níveis entre 15 e 18 dólares por barril, moi por embaixo dos altos prezos que desfrutou ese rubro nos últimos meses.

Este feito non pode ser amortiguado por unha redución da oferta, segundo a actual política de bandas da OPEP, pois é a demanda a que estará débil e -ademais- hai suficientes proveedores fora dese cartaz para suprir calquera deficiencia no subministro.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/10/2001