Actualidade / Artigo Celebrado o 1º Congreso das Nacionalidades e Povos Indíxenas Rafa Villar- Este 1º Congreso das Nacionalidades e Povos Indíxenas centrou as suas discusións e análises arredor das seguintes nove cuestións: 1. Actualización do Proxecto Plurinacional da CONAIE. 2. Situación política, económica e social do país [Ecuador]. 3. Regulamento de funcionamento do Consello de Nacionalidades e Povos Indíxenas. 4. Redefinición dos roles das Institucións Indíxenas, como: a Dirección Nacional de Intercultural Bilingüe, o Consello de Desenvolvimento das Nacionalidades e Povos do Ecuador, o Proxecto de Desenvolvimento dos Povos Indíxenas e Negros do Ecuador e o Fundo Indíxena, entre outros. 5. Descentralización do Estado, poderes locais e circunscricións eleitorais. 6. Política Internacional, en especial o Plano Colómbia e o ALCA. 7. Políticas económicas dos povos indíxenas. 8. O Movimento Pachakutik e o proceso eleitoral. 9. Recursos naturais, meio ambiente, biodiversidade, turismo. Segundo informacións de Marlon Carrión, para o servizo informativo Alai-Amlatina, un "factor determinante durante o desenvolvimento do Congreso foi a actualización, aprobación e apresentación do Proxecto Político da CONAIE [do cal reproducimos embaixo os seus pontos básicos] ante a comunidade nacional e internacional, no camiño da construción dun Estado que abranxa, desenvolva e impulse a multiculturalidade e a plurinacionalidade da nación". O dito Proxecto Político é cualificado pola própria CONAIE como unha proposta alternativa á globalización neoliberal, xa que o Estado Plurinacional e Democrático que se postula ten o seu baseamento na loita "contra a inxustiza social, a explotación económica, a dominación política, a discriminación racial, a violación dos direitos humanos e colectivos, a destrución da natureza e a destrución do meio ambiente". A seguir, reproducimos os Pontos básicos do Proxecto Político de que se dota a CONAIE, asi como a información achegada polo Departamento de Comunicación da dita CONAIE acerca da nova dirección da Confederación. Por último, damos conta dunha entrevista feita a Leónidas Iza, o novo presidente da CONAIE e que sucede no cargo ao presidente saliente Antonio Vargas.
CONAIE. Quito, 8 de octubre de 2001. O obxectivo fundamental e histórico que recolle o noso proxecto é a construción dunha Nova orde social, cun Estado Plurinacional e unha sociedade Pluricultural. Despois de que se estrutura a CONAIE en 1986 e especificamente desde o ano 97 as organizacións viñemos discutindo e analisando sobre a nova forma organizativa como Nacionalidades e Povos do Ecuador, especialmente a partir do VI Congreso Ordinário da CONAIE en novembro de 1999. Neste proceso foron feitos importantes a constitución das rexionais como ECUARUNARI (na Serra), CONFENIAE (na Amazonia) e a CONAICE (na Costa), como espazo de defensa e reivindicación dos nosos direitos colectivos; neste marco, a CONAIE impulsou e conseguiu avanzar coa Reforma Constitucional do Estado e do Convénio 169 da OIT co fin de ir concretando alguns direitos en vários eidos no contexto do Estado Plurinacional e da afirmación e fortalecimento das Nacionalidades e Povos coa sua própria autonomia e autodeterminación en todos os ámbitos culturais e sociais; asi mesmo, avanzou-se no recoñecimento legal do réxime seccional, as Circunscripcións Territoriais e governativas, etc. Neste campo de logros e conquistas dos direitas das Nacionalidades e Povos, a CONAIE vén asumindo un proceso de reestruturación profunda, cuns cámbios, procesos, contidos, modificacións e guia política de acción que están contemplados dentro do Proxecto Político da CONAIE, o mesmo que está a ser actualizado e discutido con todas as rexionais e os seus representantes.
O noso proxecto político, en liñas xerais, contén os princípios e fundamentos políticos, económicos, filosóficos e culturais que serven de guia e orientación para o accionar de todas as nosas Nacionalidades, Povos, Organizacións de base, Comunidades e de todos os sectores sociais. O obxectivo fundamental e histórico que recolle o noso proxecto é a construción dunha Nova orde social, cun Estado Plurinacional e unha sociedade Pluricultural, como unha alternativa fronte ao modelo neoliberal. Para o cumprimento deste obxectivo, a CONAIE e todo o Movimento indíxena necesita reestruturar-se e reformular a fundo a sua visión, misión, obxectivos, metas, actividades, estratéxias, tácticas e alianzas con todos os sectores sociais. Para levar adiante este proceso a CONAIE propuxo un Programa de acción en vários eidos, a saber: 1. Económico.- aqui formulamos a necesidade de construir e fortalecer un novo modelo de desenvolvimento económico que sexa comunitário, solidário, equitativo e redistributivo para toda a sociedade ecuatoriana, especialmente, para os sectores máis marxinados. Este modelo non se sustentará nen terá como base de crecimento a proposta de produción, circulación e acumulación de riqueza en poucas famílias, senón que parte das práticas ancestrais e comunitárias do troco ou intercámbio xusto dos produtos de acordo coas necesidades das Nacionalidades e Povos. Tamén contempla a criación de espazos mixtos entre o capital privado e a iniciativa comunitária, é dicer, a combinación entre os dous modelos económicos. 2. Político.- neste eido, igualmente, propoñemos unha reestruturación xurídica e política do Estado Capitalista, a fin de dar paso ao Estado Plurinacional. Neste senso, todas as institucións de Estado actual deben mudar profundamente, a sua organización, estrutura, roles, procedimentos e os seus respectivos programas, a fin de combater a burocrácia, a corrupción, a ineficiéncia e transformá-lo nunha actividade en función dos intereses do Estado Plurinacional. Outra das accións que vimos desenvolvendo nesta área é o fortalecimento organizativo das Nacionalidades e Povos, partindo das nosas necesidades e aspiracións e tendo en conta o contexto nacional e internacional. Alén destas accións, estamos a desenvolver unha política de alianzas con todos os sectores sociais, especialmente, con aqueles que son explotados e oprimidos, desta maneira buscamos a relación, participación e democratización de todos os sectores no proceso de construción do Novo Estado Plurinacional. Por iso, queremos fortalecer as nosas organizacións de base, a própria CONAIE e a todas as suas institucións, para que poidan estar á altura de enfrentar esta responsabilidade histórica. 3. Identidade e Cultura.- Coidamos que a cultura das nosas Nacionalidades e Povos é a base para o desenvolvimento do novo Estado Plurinacional, por iso, demandamos aos Governos correspondentes o respeito, fortalecimento e revitalización dos nosos valores, costumes, tradicións e vivéncias en todas as áreas ou eidos, é dicer, impulsamos o desenvolvimento da nova sociedade partindo da cosmovisión de cada unha das Nacionalidades e Povos. Tendo en conta estes feitos, entendemos que hai que afondar e desenvolver moito máis a educación, as formas de saúde ancestrais, a administración de xustiza andina, etc., coa finalidade de fortalecer a nosa identidade como Nacionalidades e Povos dos territórios ancestrais. 4. Os desafios e nós do Proxecto Político.- O noso Proxecto Político, alén de fortalezas, contén grandes desafios e problemas que debemos seguir enfrontando e resolvendo para concretar co obxectivo histórico da construción do Estado Plurinacional. Neste senso os desafios son:
O novo Governo da CONAIE e o Consello de Nacionalidades Indíxenas CONAIE. Quito, 14 de octubre de 2001. Despois de catro dias de debate, a CONAIE na mañanciña do sábado 13 de outubro, chegou a constituir o seu primeiro Consenso de Governo e un Novo Consello de Governos, que teñen o mandato de levar adiante as resolucións acordadas, asi como a construción do Proxecto Político durante os tres próximos anos. O novo Consello de Governo, que ten unha función executiva, está constituído por Leónidas Iza, Kichwa de Cotopaxi como Presidente da CONAIE; Tito Poanchir da nacionalidade Shuar, como Vicepresidente; Salvador Quishpe, Kichwa Saraguro como dirixente de Fortalecimento e Política das Nacionalidades e Povos; o compañeiro Mazaquiza, Kichwa Salasaca como dirixente de Relacións Internacionais; a compañeira Margarita Aranda da nacionalidade Shiwiar, como dirixente da Muller e a Família, o compañeiro Blas Chimbo, Kichwa del Napo como dirixente de educación, ciéncia e investigación; a compañeira Celia Tepan, Kichwa Cañari del Azuay, e o compañeiro José Yungan Kichwa dos migrantes de Guayaquil como dirixente de Mocidade e Deportes. O Consello de Nacionalidades que ten unha función de Lexislación, Control, Avaliación e Programación, está constituído por Eva Merino pola Nacionalidade Siona, Aniceto Piaguaje pola Nacionalidade Secoya, Toribio Aguinda pola Nacionalidade Cofan, Nelson Poanchir pola Nacionalidade Shuar, Luis Vargas pola Nacionalidade Achuar, Ramón Gualinga pola Nacionalidade Shiwiar, Bartolo Ushigua pola Nacionalidade Zápara, Ricardo Ninkiwi pola Nacionalidade Huaorani, Pablo Kantikuz Nastacuas pola Nacionalidade Awa, Wilson Añapa pola Nacionalidade Chachi, Eduardo Chiripa pola Nacionalidade Epera, Alfredo Viteri polos Povos da Nacionalidade Kichwa da Amazonía. Polos Povos da Nacionalidade Kichwa da Serra están no Consello de Nacionalidades: Miguel Guatemal polo Povo Karanki, Maria Cañamar polo Povo Otavalo, Arturo Wuaswa polo Povo Kayambi, Belisario Choloquinga polo Povo Panzaleo, Silverio Cocha polo Povo Puruhá, Jose Coles polo Povo Wuaranka, Segunda Sillagana polo Povo Kisapincha, Segunda Masaquiza polo Povo Salasaca, Juan Elias Masabanda polo Povo Chibuleo. Quedan pendentes os delegados polo Povos Kitu Kara, Natabuela, Kañari, Manta Huancavilca e a Nacionalidade Tsa´chila. Este tipo de representación tanto no Consello de Nacionalidades e Povos como no Consello de Governo, procuran ser espazos de representación cualitativa e democrática, a fin de que estas entidades poidan fortalecer o exercício dos seus direitos históricos; xurídico - políticos - territoriais - culturais, que desde 1998 son recoñecidos na Constitución da República.
CONAIE. Quito, 14 de octubre de 2001. Segundo Leónidas Iza, novo presidente da CONAIE, o reinício do diálogo depende da vontade política do Governo. Di que se opoñerán á privatización do sector eléctrico. "Imos participar nas eleicións do 2002, o que non está claro é se apresentaremos candidato presidencial". Cal é a sua proposta principal como novo Presidente da Conaie? Dar-lle unha dirección a todas as instáncias criadas. Loitarei por un estado plurinacional, por fortalecer ás nacionalidades e povos, apresentarei un plano de desenvolvimento, porque a organización até o momento como que se dedicou máis ao asunto político. Como vai a superar a división da Conaie que se evidenciou despois do primeiro congreso de Saco? A nível da Conaie hai unidade total, esta vez foi un asunto moi conxuntural, eleitoral. Non é a primeira vez que se dá este tipo de conflitos. Vou percorrer todas as nacionalidades e povos de base para superar este pequeno problema. Co compañeiro Ricardo Ulcuango quedamos en que calquera que gañe seguirá traballando en calquer función ou escenário en que estea. Por que a Ecuarunari tivo dous candidatos, vosté e Ricardo Ulcuango? Porque non se lograron acordos. Por iso, a Ecuarunari, do sul ao centro do país, apoiou a miña candidatura, e do centro ao norte apoiaron ao compañeiro Ricardo. Iso non pode ver-se como unha ruptura, é un asunto conxuntural. O apoio que vosté recebeu da Confeniae pode interpretar-se como o apoio de Antonio Vargas? Non, o apoio é como Confeniae, que me apoiou ao cento por cento. Nós como Cotopaxi apoiamos sempre os compañeiros do Consello de Governo, que presidiu Antonio Vargas. En todas as actividades e mobilizacións permanentemente estivemos activos e como froito diso a Amazonia decidiu apoiar a miña candidatura. Blanca Chancoso di que Vargas o apoiou a vosté para ter o apoio da Conaie e postular-se como candidato nas eleicións do 2002? Iso son faladorias. É natural que unha persoa aspire a ser algo, pero definitivamente el (Vargas) non está pechado por ser un candidato. Non son títere de ninguén, son leal e tan disciplinado dentro da miña organización (Panzaleo) e non vou estar suxeito a presión de nada. Ademais, en dous meses imos consultar ás bases se participamos ou non nas eleicións presidenciais. Esa foi unha das resolucións do congreso. Ulcuango representa a liña dura, radical da Conaie, e vosté a moderada e conciliadora? Nós, a nível político, tivemos os mesmos conceitos e en todo coincidimos. Esta vez tocou-nos ser contrincantes. Non penso que Ricardo sexa tan radical, nós radicalizamo-noss nas cousas que hai que defender. Da miña parte non haberá transaccións fáceis. Son unha persoa que gosta do diálogo, pero transparente, que dea resultados. Iso é o que propoño. Vosté dará o paso para reiniciar os diálogos co Governo? Eu gosto dos diálogos sempre que haxa avanzos, para iso é importante que as partes teñan vontade. Se non hai vontade política, nen resultados, é preferíbel cortar o diálogo, porque non podemos divagar. O Governo demostrou que non tivo vontade política nas negociacións, non se avanzou maior cousa; iso fai-nos dubidar para poder tomar unha decisión de reiniciá-los. Ese tema está suxeito a unha resolución? Axiña imos ter unha asemblea do Consello de Governo e do Consello de Nacionalidades, para decidir se se contínua co diálogo ou non. O futuro político de Antonio Vargas verá-se afectado por unha fiscalización á sua administración? Coido que non; vemos que as cousas son transparentes, pero vou propoñer unha auditoría para que as cousas queden claras. Non se viu que malversase fundos nen moito menos. Nese senso, penso que non vai haber problemas. Daquela, vosté pensa que Antonio Vargas actuou con transparéncia? El cumpriu a sua misión. O problema de Antonio Vargas foi confiar moito no asunto das sinaturas (para a consulta popular). Este foi un dos grandes problemas que xurdiu dentro da Conaie, que logrou superar-se. Alén diso, non hai outra obxección á sua xestión. En calquer dignidade un queima-se e hai xente de má fé que fai comentários que non son reais. Non podemos viver das faladorias e as trolas. Cara a onde irá a Conaie baixo a sua presidéncia, haberá novas levantamentos? Todo depende do Governo, eu polo menos non quereria un levantamento. Pero se as circunstáncias asi o determinan e ao ritmo que van as cousas, non se desbota esa acción. Mentres o povo morre de fame, queren privatizar as áreas estratéxicas, o sector eléctrico. O actual governo, apesar de que o 95 por cento da povoación non está de acordo coa privatización, porén, quer implementar iso. Tristemente, acostumaron-se a que cando hai unha mobilización ou un paro, non entenden ren. Seria ben chegar a acordos, despois non haberá necesidade dunha mobilización. A Conaie vai responder ás demandas das bases ou ás aspiracións políticas dos seus dirixentes? Penso que até este momento respondeu ás peticións que fixeron as bases, tamén estivemos a traballar no aspecto político e de igual forma respondeu para que o movimento Pachakutik siga adiante. A Conaie está preparada para participar en procesos eleitorais? Nós xa entramos na contenda eleitoral. Imos continuar, non imos deixar de participar, o que non está claro é se imos ir con candidato próprio á Presidéncia da República ou non. Vosté pensa que a Conaie debe participar con candidato próprio no 2002? Persoalmente, coido que si é posíbel. A Conaie ten a organización e forza suficientes para chegar ao poder? As forzas son suficientes e non hai dúbida de que podemos chegar. Vostés van insistir na tese da revogación do mandato? Ainda non hai unha axenda, non gostaria de antecipar nada sobre ese ponto. O ministro de Benestar Social, Luis Maldonado, ten o apoio da Conaie? El foi designado polos seus próprios méritos, asi o dixo el e o Presidente da República. Non houbo unha resolución da Conaie. Imos ver o que pasa. A presenza de Luis Maldonado no Gabinete é un apoio da Conaie ao governo de Gustavo Noboa? O compañeiro Luis Maldonado foi pola sua conta, se fose posto por nós, seria unha representación da Conaie no Governo, mais non é asi. Como ve vosté a xestión do Governo, que cámbios debe facer? No que atinxe ao diálogo non se avanzou moito, porque non houbo vontade política do Governo. A reforma política foi apresentada ao Congreso sen consultar os sectores do país. Imos apresentar a nosa própria reforma. Hai que debater os temas. Iso de facer as cousas sós, sen consultar, coido que está mal. Iso se cadra pode ser a causa de que se produza un levantamento. Penso que nese senso o Governo está a actuar dunha maneira ditatorial. Vostés dialogarán con outros sectores para lograr unha concertación nacional? Imos iniciar o diálogo con todos os sectores da sociedade ecuatoriana para concertar e chegar a acordos e as resolucións faremos-llas chegar ao Presidente da República. Que debe esperar o Governo de Conaie durante a sua presidéncia? O país e o Governo saben da nosa forza, temos a suficiente organización como para mobilizar as bases. Nese senso, imos propoñer várias cousas, se non hai vontade para as escoitar non dependerá de nós. Pachakutik será un partido político? Non, esa non foi a idea, seguirá como un movimento, ali non hai afiliados, senón vontade de quen libremente estea de acordo en participar. A Conaie fortalecerá-se na Costa? Si, imos tratar de fortalecé-la aí, esa é un dos meus postulados, porque na Costa temos unha debilidade, que non é o caso da Amazonia e a Serra.
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/10/2001 |