Actualidade  Santiago, 23 de novembro de 2001
CIG-Ensino rexeita a decisión da Real Academia Galega por non asumir a normativa de concórdia Esta foi consensuada polos departamentos de galego das tres universidades galegas, o Instituto da Língua Galega e a AS-PG
CIG-Ensino, organización sindical maioritária no ensino e defensora dunha normativa de concórdia, quere amosar a sua indignación polo rexeitamento da Real Académia Galega ao acordo normativo da nosa língua que consensuadamente propuxeran os departamentos de galego das tres universidades galegas, o Instituto da Língua Galega e a AS-PG. A institución académica situa-se á marxe da sociedade ao non atender as demandas de consenso que se viñan facendo desde diferentes sectores da nosa sociedade e ao desautorizar a unha comisión científica formada por lingüistas das Universidades de Santiago, Vigo e A Coruña e do ILG. Desde a CIG-Ensino non podemos deixar de manifestar a nosa decepción e sorpresa por esta decisión da Académia. Valoramos o acordo rexeitado como positivo e entendemos que, de seguro, suporia un paso adiante na normalización da nosa língua ao eliminar o atranco que supón a existéncia de diferentes solucións normativas, nomeadamente no ensino. Pero tamén porque concentraria todos os esforzos na normalización, ao desaparecer un obstáculo que dispersa este obxectivo vital para o sistema educativo. A decisión da RAG supón un retroceso xa que bota por terra o traballo de moitos meses e o importante esforzo de consenso que levaron a cabo as institucións que participaron na elaboración do acordo. As reformas estaban suficientemente avaladas do punto de vista lingüístico, mesmo polos membros da Académia que participaron no proceso, polo que as razóns do rexeitamento parecen máis ben responder a outro tipo de motivacións ben diferentes das lingüísticas. Somente interferéncias políticas partidárias (Sr. Fraga, Sr. Francisco Vázquez, Sr. Currás) poden explicar o máis absoluto conservadurismo perante unha proposta necesária e que redundaria en investir todos os esforzos na normalización da nosa língua. Non deixa de ser sarcástico que fosen os votos dos que usan o idioma somente como algo ritual os que fixeran imposíbel a aprobación do acordo elaborado por filólogos de recoñecido prestíxio. A RAG, coa sua decisión, evidéncia unha actitude contrária á normalización lingüística e un posicionamento sectário por non sancionar un acordo admitido por todas as entidades científicas, sociais, políticas, sindicais que teñen unha prática de compromiso coa nosa língua. Estamos ante un fracaso da RAG e non dos promotores e artífices da proposta de concórdia, que amosaron que os acordos, ainda que de mínimos, no campo da normativa, son posíbeis se hai vontade de acadá-los e non de impoñé-los. Vergonzosas e impróprias son as declaracións do Conselleiro de Educación, que confunde os desexos coa realidade, ao manifestar que non habia demanda de chegar a unha normativa de concórdia. O Conselleiro comporta-se cinicamente ao querer ignorar, deste xeito, as voces dos promotores das reformas: as tres universidades, o ILG e a AS-PG, asi como de editoriais, movementos de renovación pedagóxica, organizacións sindicais e diferentes entidades defensoras do noso idioma. A CIG-Ensino vai emprender unha série de accións encamiñadas a reclamar da Académia que retome o tema (resolucións dos Departamentos de Língua e das Equipas de Normalización dos centros de ensino, etc). De non reconsiderar a sua postura, unha vez máis, estariamos ante unha Institución que a única función que exerce con eficácia é a de paralizar iniciativas pensadas para avanzar no uso social do noso idioma. Santiago, 21 de novembro de 2001. Anxo Louzao Rodríguez, secretário nacional de CIG-Ensino.
|