Actualidade / Artigo Santiago, 30 de novembro de 2001 O Plano de Reconversión aprobado pola UE senténcia á frota do banco canario-saharaiano
Galicia e Andalucía foron as duas autonomias do Estado español que mais sofreron os contínuos recortes no sector pesqueiro impostos pola Unión Europea coa cumplicidade do goberno do PP. Os dados relativos ao segundo trimestre do ano da Enquisa de Povoazón Activa (EPA) sinalan que Galicia pasou dos 35.700 traballadores rexistrados no sector pesqueiro no primeiro trimestre do ano 2000 aos 33.200 do segundo trimestre de 2001, ou sexa, 2.500 empregos menos, un 7%. En Andalucía a caída foi do 23,4% no mesmo período. Pero a revisión dos dados nun período mais longo fala mais claramente da gravidade da situación que atravesa o sector pesqueiro galego. Pasou de 52.900 empregos rexistrados en 1989 a case 36.000 en decembro do 2000, o que representa unha caída do 32% en 12 anos. As maiorias absolutas de Fraga foron mortais para a pesca galega. Pero a traxédia continua. O famoso plano de reconversión que acaba de aprobar a Unión Europea para a frota do banco canário-sahariano será a estocada final para este importante sector pesqueiro galego. Mentres Paulino Prata, conselleiro de Pesca da Xunta de Andalucía, calificou de estafa o plano da UE, pois, ao seu xuízo, a letra pequena que lle acompaña fai inviábel a aplicación das medidas sociais, os responsábeis da Xunta non fan senon aplaudir as medidas. Os Quince atinxiron esta semana un acordo que no papel se traduce nun investimento de 416 millóns de euros (69.000 millóns de pesetas) en tres anos para o conxunto do Estado. Destas axudas beneficiarian-se os armadores de 400 barcos e os seus 4.300 mariñeiros, que mesmo poderian perceber 60.000 euros (uns 10 millóns de pesetas) se crian unha empresa. Pero as condicións fixadas para tal subvención son impracticábeis. Ademais, as indústrias de terra e os barcos mais novos fican excluídos. O plano de reconversión tamén recolle unha partida de 125 millóns de euros (21.000 millóns de pesetas) para reactivar a economia nas bisbarras mais afectadas, cuxos detalles se descoñecen. Galicia é a única comunidade autónoma que asinou un acordo co ministério para investir, por cofinanciación ao 50%, 54 millóns de euros (9.000 millóns de pesetas) en proxectos industriais para a bisbarra de O Morrazo. Pero o regulamento aprobado polo Consello non incorpora case nengunha das emendas aprobadas pola Eurocámara. Tanto é asi que non haberá subvencións para as empresas de terra afectadas nen para aquilos buques que teñan menos de cinco anos de antiguidade. O futuro da frota do banco canário sahariano está xa sentenciado. O de renegociar un novo acordo con Marrocos é praticamente imposíbel. Nos próximos anos, as bisbarras galegas afectadas sofrerán nas suas carnes e sen volta atrás as consecuéncias da política pesqueira da UE e o PP.
As matérias primas, barómetro para a recesión
Durante meses, os prezos dos bens básicos foron un indicador informal dos problemas da economia, ao predicer a desaceleración económica moito antes que outros indicadores mais coñecidos. Os metais industriais, como o cobre, por exemplo, viñeron desplomándose durante todo o ano, a estar os futuros do cobre un 20% ao baixo no que vai do ano, mentres que o petróleo caiu un 29% este ano e o gas natural perdeu un 72% porque a producción empresarial se freou até ficar paralisada. Asi que, ao estar Estados Unidos ofícialmente en recesión, que din os mercados de bens básicos sobre as perspeitivas dunha recuperación? Os bens básicos son a matéria prima da medra na economia. Tal e como foron as cousas, toda esa parola sobre que o reponte económico está á volta da esquina, en xaneiro ou moi perto, é enganosa, porque as economias non mudan o seu curso nun abrir e pechar de ollos. Obviamente, o fin da recesión dependerá moito de factores alleos ás matérias primas, especialmente o éxito da guerra imperialista e o seu efeito sobre o consumo. Pero para coñecer mais pistas sobre o momento en que chegará a recuperación, os intermediários de bens básicos din aos investimentistas que empresten especial atenzón ao que denominan mercado de metais básicos. O comportamento destes mercados semellou-se moito ao que mostraron durante a recesión de meados dos 70. Naquel entón, a medida que a escasez de enerxia dirixia a economia cara a recesión, os futuros do cobre cairon de US$1,30 a libra a US$0,55; entón recuperaron-se cando os prezos da enerxia desceron e o consumo voltou a repontar. Ainda que certamente non houbo unha escalada nos prezos da enerxia nesta ocasión, a tendéncia baixista na fábricación de automóvis e outros usos chante do cobre tivo un efeito similar. Outros metais básicos, a incluir o zinco e o estaño, tamén sofreron condicións de mercado semellantes e os prezos, en xeral, cairon. Esta tendéncia freou-se nas últimas semanas (particularmente no mercado do alumínio, que repontou despois dun longo descenso), pero os analistas din que os bens básicos continuan con inclinacións baixistas. O petróleo cru, que viu os seus prezos cair un 25% desde o 11 de setembro, está agora a rondar os US18 por barril, pero probabelmente receberá un empurrón cando os produtores anuncien o previsto recorte de producción. O colapso no prezo do cru a perto de US$10 por barril en 1998 por pouco provocou unilateralmente o que foi o descenso anual mais recente no Índice Bridge-CRB que agrupa a 17 matérias primas. Este ano, esa cesta de prezos de matérias primas vai camiño de descer de novo e esta vez a caída pode ser ainda maior. No que vai de ano, o índice rexistra unha baixa do 16,8%, ubicándose nos 189,53 pontos. Outro índice de matérias primas, o Dow Jones-AIG, tivo resultados mesmo piores, con unha caída do 21,1% até os 89,33 no que vai do ano. Os 14 sectores que o compoñen rexistraron descensos.
EEUU está en recesión desde marzo pasado
A economia de Estados Unidos entrou en recesión en marzo deste ano, segundo anunciou ofícialmente este luns o National Bureau of Economic Research (NBER), a secretaria de investigacións económicas encarregada de oficializar as crises cíclicas neste país. Esa secretaria é unha entidade privada autorizada a dar con carácter oficial os dados dos ciclos económicos dentro dos que se move a economia do país, incluídos os períodos de crise. Daba-se por descontado que o NBER consideraria que a recesión da economia norteamericana se iniciou en marzo deste ano, moito antes do verán e dos atentados contra obxectivos civis e militares do 11 de setembro en Washington e Nova York. A instituizón basea a sua definición de crise recesiva na evolución de catro indicadores económicos mensuais: producción industrial, emprego, comércio ao por maior e ao detal, e ingresos de fogares. Polo tanto, os parámetros desa secretaria diferen dunha definición mais común que utilizan moitos economistas para determinar unha recesión, que é o reporte de dous trimestres consecutivos de medra económica negativa. Existen outras definicións, como por exemplo, aquela segundo a cal unha economia está en recesión se sofre unha caída vertical brusca e non se recupera dela, como é o caso de Estados Unidos cando caiu o ano pasado de 5,1 % de medra no segundo trimestre a 1,0 no último e ainda non se recuperou. É a primeira recesión que afecta a Estados Unidos desde a reportada en 1990/91, a cal pon fin a unha década de expansión económica, o período mais longo de medra sen inflación desde a Segunda Guerra Mundial.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/11/2001 |