Actualidade / Artigo Santiago, 20 de novembro de 2001
A Académia Galega rexeita introducir modificacións na normativa oficial do galego Impuxeron-se as teses máis imobilistas
A normativa do noso idioma é máis política que nunca, e xa que logo os critérios lingüístico-filolóxicos foron, máis unha vez, arrombados e botados ao caldeiro do lixo. Ao meu ver, a recente maioria absoluta de Fraga Iribarne e o PP en Galiza, están na cerna de que a introdución de cámbios na normativa (unhas mínimas mudanzas respeito do actual texto) batese con tamaña resisténcia. Mália o acordo conseguido entre o Instituto da Língua Galega (ILG) os Departamentos das tres universidades galegas –acordo impulsado pola Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e avalado por un amplísimo número de persoas, organizacións e entidades comprometidas co noso idioma–, o pleno da Real Académia Galega decidiu por maioria, o pasádo sábado, dar-lle as costas a unha modificación da norma oficial do galego. Finalmente, na vontade dos académicos impuxeron-se as teses máis imobilistas, as vinculadas dunha ou outra maneira aos posicionamentos españolistas. Todos os indícios apontan a que a alongada e sinistra sombra do presidente da Xunta de Galiza Fraga Iribarne influíu decisivamente para impedir calquer cámbio nas normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Neste sentido, cumpre tamén lembrar que este asunto foi tema de campaña nas recentes eleicións ao Parlamento galego, cando o alcalde da Coruña Francisco Vázquez e o seu acólito Méndez Romeu (número 1 do PSOE pola província da Coruña) –ambos ben coñecidos polo seu desprezo á língua deste país– manifestaron publicamente o seu rexeitamento a que se modificasen as normas oficiais do galego actualmente vixentes. Non hai dúbida, pois, de que o poder españolista actuante en Galiza foi quen de mover os seus peóns na Académia para abortar un proceso, o da revisión da normativa lingüística, que criara unhas expectativas sociais moi favorábeis en numerosos sectores da sociedade galega. Nen a máis que necesária –e incompleta– anovación da Académia que viña promovendo o actual presidente Francisco Fernández del Riego puido facer posíbel vencer o imobilismo que desde o franquismo vén caracterizando a esta entidade. Asi, é ben ter presente que, mesmo no período posfranquista, baixo a presidéncia de García-Sabell a Académia viviu unha etapa ben moura, escandalosamente virada ás demandas da sociedade galega e totalmente autista ante o estado da cultura e língua galegas, língua que debia impulsar e dignificar. A situación en que queda agora a Académia, tras esta ilóxica decisión, é cando menos absurda. A reafirmación na validez da norma oficial, sen modificacións posíbeis, é un acto feito contra a vontade de cámbio abandeirada polo Instituto da Língua Galega –auténtico redactor e co-asinante da actual normativa oficializada por Decreto do ano 1982– e mais os departamentos de galego das tres universidades, organismos onde se encontran a case totalidade dos mellores especialistas e profisionais con que conta a língua galega. Quer dicer, mentres a autoridade de facto vai por un lado –ILG e as tres universidades–, a autoridade legal –a Real Académia Galega (segundo a disposición adicional da Lei de Normalización Lingüística)– vai por outro. Desatino que só leva a pensar que a normativa do noso idioma é máis política que nunca, e xa que logo os critérios lingüístico-filolóxicos foron, máis unha vez, arrombados e botados ao caldeiro do lixo. Ao meu ver, a recente maioria absoluta de Fraga Iribarne e o PP en Galiza están na cerna de que a introdución de cámbios na normativa (unhas mínimas mudanzas respeito do actual texto) batese con tamaña resisténcia. A partir de agora, abren-se unha chea de interrogantes que non é doado ir respondendo. Por exemplo, cal vai ser a atitude do ILG desde este momento?, cal a dos departamentos de galego das tres universidades?, cal a de todos aqueles que preferiron renunciar á "normativa de mínimos" en prol do necesário consenso? Interrogantes, enfin, que só poden agoirar máis conflitividade a un idioma –mancado socialmente polo descenso na sua utilización e pola presión do español– que non pode adiar por máis tempo afrontar un proceso, real e profundo, de normalización lingüística. E para facer viábel este proceso, cómpre non esquecer que fan falta moitos, moitos esforzos (humanos, económicos, políticos, de ideas...). Por iso, non hai lugar para o desánimo. A Académia Galega segue a sua singradura á valga, lonxe das rotas dunha sociedade que non recoñece e, polo mesmo, que dificilmente a vai recoñecer a ela... E nós, ao noso. Nós, a loitarmos polo presente e o futuro do noso idioma. Polas mil primaveras máis de a nosa língua florecer en Galiza. Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2001.
Académia Galega: quen en favor do acordo?, quen en contra?
Segundo diversas fontes, dos 25 académicos con direito a voto, só 20 se manifestaron, ben a favor, ben en contra do acordo. En concreto, 7 académicos apoiaron a proposta de introducir modificacións nas normas do galego e 11 opuxeron-se a tal acordo; houbo ademais 2 abstencións e un académico non emitiu voto nengun.
Entre os partidários do consenso normativo estiveron: Antón Santamarina e Francisco Fernández Rei, ambos profesores da Universidade de Santiago de Compostela e pesos pesados do Instituto da Língua Galega (ILG), entidade que viña sendo a autoridade de facto en matéria de norma do galego. Ademais de Santamarina e Fernández Rei, dá-se por seguro que se manifestou co seu voto en prol do acordo o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín; presumibelmente, os tamén escritores Salvador García-Bodaño e Xohana Torres apoiarian esta tese. Outros dos posíbeis académicos favorábeis ao acordo poderia ser o escritor e presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares. Fronte a eles, unha pírrica maioria contrária ao acordo, liderada por Constantino García e Xesús Ferro Ruibal, máximos reitores do Centro de Investigacións en Humanidades "Ramón Piñeiro" e ambos moi próximos ao PP e ás directrices da Consellaria de Educación da Xunta de Galiza, da que precisamente depende o devandito ente. Cabo deles, a escritora Luz Pozo Garza, tamén vinculada ao dito Centro através da revista literária que dirixe 'Clave Orión'. Máis que posíbeis votos en contra do acordo foron os emitidos por Ramón Lourenzo, filólogo, e Xosé Luís Franco Grande, escritor e avogado. Asi mesmo, votarian en contra Olga Gallego, Francisco X. Río Barxa, Andrés Torres Queiruga e Xaime Illa Couto. Alén destes, é manifesto o voto contrário ás modificacións normativas de Xesus Alonso Montero, catedrático de literatura da Universidade de Santiago e significado defensor do bilingüismo para o noso país. Dá-se por segura a abstención do presidente da Académia, Francisco Fernández del Riego e a non emisión de voto do historiador Antonio Meixide. Do resto dos académicos non resulta doado estabelecer o signo do seu voto. O bibliotecário da Académia, Antonio Gil Merino, ou foi a segunda abstención ou votou en contra. O voto do historiador Xosé Ramón Barreiro –man direita do presidente Del Riego– ou foi favorábel ao acordo ou foi a segunda abstención. Outra grande incógnita é a do lingüista Manuel González González, membro do ILG e con evidentes vínculos con Constantino García e o Centro "Ramón Piñeiro". Os catro académicos que non participaron da xuntanza foron: o ex-presidente e ex-delegado do Governo Domingo García-Sabell, o escritor Xulio F. Ogando Vázquez, o arquitecto Andrés Fernández-Albalat e mais o bispo Araúxo Iglesias. En calquer caso, o aqui dito –no tocante a nomes de académicos en favor e en contra do acordo– é só unha suposición que é ben tomar con certa cautela, por moitos indícios que existan ao respeito. O real, o tristemente real, é a non aprobación do acordo por unha maioria simples de académicos. Só os inimigos do galego poden fregar as mans de contentes. Só eles.
Proposta* de modificacións das Normas Ortográfícas e Morfolóxicas da Lingua Galega (*Aceitada polo Instituto da Língua Galega (ILG) e os departamentos de Galego das tres universidades)
| 1. | O alfabeto | | | Os nomes das letras <q> e <h> pasan a ser que e agá. | | 2. | A acentuación | | 2.7.4. | Outros casos | | | Limítase a acentuación de interrogativos que introducen interrogativas indirectas a aqueles casos en que son precisos para evitar anfiboloxías. | | 3. | O guión | | | Suprímese o epígrafe 3.2 (o guión co alomorfo lo(s), la(s)). O seu contido trasládase en forma resumida para o capítulo 13 (o artigo). | | 6. | Os signos de interrogación e admiración | | | O seu emprego é obrigatorio ao final do enunciado e recomendado ao seu inicio para evitar ambigüidades e facer máis doada a lectura. | | 7. | Grupos consonánticos | | 7.4. | Grupos –ct- e -cc- | | | Suprímese a primeira consoante cando precede as vogais i e u (condución, conflito...). Con todo, mantense nalgúns tecnicismos e palabras cultas de escasa frecuencia (deíctico, dúctil...). A consoante implosiva vocaliza en i nos casos de reitor (reitorado, reitoral) e seita (pero sectario, sectarismo). | | 8. | Sufixos e terminacións | | 8.1. | –ancia, -encia... | | | Mantense Galicia como "denominación oficial do país e forma maioritaria na expresión oral e escrita moderna". Galiza considérase forma galega, documentada na época medieval e recuperada no galego contemporáneo. Amplíase a relación de voces con –zo, -za: diferenza, espazo, estanza ('estrofa'), graza, licenza, nacenza, novizo, perseveranza, presenza, querenza, sentenza, servizo e terzo. | | 8.7. | –ble | | | Considéranse admisibles tanto –ble como –bel. No texto das Normas emprégase –ble. | | 8.8. | –eo, -eu e –ao, -au | | | Engádense chapeu, romeu e xubileu á relación de palabras en –eu. Engádense bacallau e pau á relación de palabras en –au. | | 8.11. | –us, -um | | | Engádense ímpeto e tribo á relación de palabras en –o. | | 8.14. | –án / –á, –ano / –ana | | 8.15. | –án / –ana. | | | Acomódanse ao esquema –án / -á as seguintes formas: afgán, alazán, alemán, barregán, bosquimán, capitán, catalán, ermitán, escribán, gardián, musulmán, rufián, sancristán, sultán e truán. Admítense as variantes locais –ao / -á e -án / -án nos xentilicios correspondentes (burelao / burelá, muradán / muradán...). A terminación –án / -ana queda así reservada para caracterizadores pexorativos (bocalán...). | | 8.16. | –ón / –oa, -ona | | | O esquema –ón / -ona queda reservado para formacións aumentativas (homón, mullerona...) e para deverbais pexorativos (abusón, abusona...). Nos demais casos, -ón / -oa (anfitrión / anfitrioa, león, leoa...). | | 8.18. | –dade, -tade | | 8.19. | –edade, -idade | | | Pasan a –dade: faculdade, dificuldade e puberdade. | | 8.20. | –aría / -ería | | | Dáselle preferencia á solución tradicional –aría, aínda que se admite tamén a solución –ería. | | 13. | O artigo | | 13.1. | O artigo determinado | | | O alomorfo –lo pasa a ser de uso obrigatorio só despois da preposición por e do adverbio u. Nos demais casos a súa representación é facultativa. No texto das Normas só se emprega nos casos en que é obrigado. | | 13.1.2. | Contraccións | | | O encontro da preposición a co artigo pódese representar graficamente como ao ou ó. O texto nas Normas escríbese con ao. | | 14. | Pronomes | | 14.3. | Demostrativos | | | Elimínanse esto, eso e aquelo como formas neutras. | | 14.5. | Relativos... | | | Engádese o relativo posesivo cuxo. | | 15. | Numerais | | 15.1. | Cardinais | | | Deglutínanse os numerais entre vinte e trinta: vinte e un, vinte e dous... | | 15.3. | Multiplicativos | | | Elimínanse triple e cuádruple. | | 16. | Verbo | | 16.1. | Paradigmas regulares | | | Prescríbese a acentuación proparoxítona na P4 e P5 dos pretéritos de subxuntivo (andásemos, andásedes...). | | 16.3.13. | Oír / ouvir | | | Admítese ouvir ao lado de oír. | | 17. | Adverbios e locucións adverbiais | | 17.1. | De lugar | | | Engádense á lista alén e aquén. | | 17.2. | De tempo | | | Aglutínanse acotío, decontado, decontino, decotío, deseguida, deseguido, enseguida. Elimínase entonces. |
|