Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 2 de novembro de 2001

Discurso españolista hoxe: entre a “doma e castración” e o patrioteirismo constitucional
 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística



Rexurdimento españolista

Nos últimos anos, asistimos a un rexurdir do españolismo, pasados aqueles tempos –os da reforma política, tamén coñecida por alguns como transición– en que os direitos nacionais dos povos e nacións que compoñen o actual Estado español eran defendidos, cando menos no plano teórico, por partidos e organizacións dese espectro político-social que, non sen certas dúbidas, denominamos esquerda; lea-se: PSOE, PCE, UGT, CCOO...

Neste rexurdir virulento do españolismo, está a ter un papel protagónico o partido do Governo do Estado, o PP, que acobilla no seu seo sectores e xentes que xogaron un papel relevante nos tempos do franquismo (sen ir máis lonxe, o próprio re-eleito presidente da Xunta de Galiza, Manuel Fraga Iribarne).

Outro papel protagónico está-lle a corresponder ao Xefe do Estado, quer dicer, ao Rei borbón Juan Carlos I, a quen o próprio Franco nomeou herdeiro do seu triste legado despois dunha feroz ditadura de catro décadas.


Un españolismo esencialista

O españolismo actual resulta ser unha ideoloxia centralista e chovinista que nega sistematicamente o carácter plurinacional, plurilingüístico e pluricultural do Estado español, e que reinventa unha España única, case mítica, que vai en contra da História e da razón. Trata-se, xa que logo, dun españolismo de xorne esencialista, que se refere a un pasado soñado e remete a un presente e un futuro asimilacionista do centro fronte ás periférias.

Obscenamente trampón, o españolismo rampante que nos sacode tenta disfarzar as suas atitudes como as sensatas, as racionais, o normal, fronte ás das nacións sen estado (Galiza, Euscádi e Catalunya), que resultarian as atitudes exaltadas, insolidárias, radicais ou –palabro de moda– excluintes. Quer dicer, demoniza-se o adversário, e nunca pola via argumentativa e racional, senón pola via emotiva e sentimental, tentando (e mesmo conseguindo) criar unha corrente de opinión na própria sociedade española en prol desta chama españolista.

Mais non só iso, senón que se fomenta deliberadamente a percepción dos nacionalismos galego, vasco e catalán como unha ameaza –mesmo violenta– a un status que seica debe ser imutábel: España e a (imperfeita) Constitución de 1978.


Negación da diversidade do Estado

Trata-se do mundo ao revés: os nacionalismos galego, vasco e catalán, que son movimentos emancipadores e que apontan a un mundo diverso e plural –de aí, o seu xorne progresista, alén das forzas motoras de cando un destes nacionalismos–, son reducidos polo españolismo a unha caricatura de si próprios e entendidos como os inimigos da liberdade.

Pola contra, a idea da unidade de España –centralizadora, reaccionária e negadora de princípios democráticos elementais, como o direito da autodeterminación dos povos– apresenta-se polo españolismo como a idea que encarna a liberdade e solidariedade, cando é xusto ao contrário: a España de hoxe, concebida por arquitectos entregados á idea dun reino uniforme e uniformizador, é negadora dunha realidade que se articula na existéncia de diferentes povos, línguas, culturas (en definitiva, nacións).

Esa negación histórica da realidade por parte do españolismo é, como se pode doadamente explicar, a xeradora de movimentos de carácter nacionalista nas nacións galega, vasca e catalá, que se erguen contra da privación de direitos (políticos, lingüísticos, culturais...) a que se ven sometidas.


Duas atitudes básicas na cruzada españolista

Certo é que o españolismo hoxe actuante non é exactamente o mesmo que o que se fomentou na ditadura franquista, ainda que haxa bastantes restos del.

Ao meu ver, hogano o españolismo abala entre duas atitudes principais: a da "doma e castración" das nacións galega, vasca e catalá, atitude mantida pola direita máis reaccionária e certos poderes económicos e mediáticos; e a do "patrioteirismo constitucional", de sectores dun espectro político máis á esquerda, tamén co seu corpo mediático de apoio.

Os partidários da "doma e castración" (co Partido Popular e a monarquia española como pontas de lanza, e con certos sectores do PSOE –Paco Vázquez, Bono, Redondo Terneros...–) están a impulsar de xeito constante un adelgazamento do actual Estado das Autonomias, co obxectivo máis ou menos tácito dunha rexeneración españolista en clave hiper-centralista: nación única, cultura única, idioma único. No fundo, non están lonxe de seren xenófobos, ao acreditaren na superioridade duns indíviduos, povos e culturas sobre outros. Esta corrente de opinión ten o control de case todos os resortes do Estado (alén do próprio Governo e diferentes institucións, conta coa meirande parte dos poderes económicos e mediáticos) e posue un grande calado na sociedade española, sobretodo nos sectores menos críticos co actual estado de cousas.

Pola sua banda, os partidários do "patrioteirismo constitucional" (a liña oficial do PSOE, de boa parte da UGT e de CCOO), mália asumiren o Estado das Autonomias, si estabelecen aí todos os límites posíbeis de auto-governo das nacións galega, vasca e catalá. Reivindican unha idea de España, en consonáncia con certo liberalismo e certa progresia, pero sen transcenderen do monolitismo actual. A sua idea da diversidade do Estado español é máis retórica que real e está igualmente lastrada por unha visión centralista e excesivamente uniforme do Estado. De aí que confluan en moitas das suas manifestacións cos outros españolistas, e case nunca cos nacionalistas. Tamén contan con apoios mediáticos importantes e co seguimento de boa parte da intelectualidade española non direistista.

Uns e outros fan da Constitución española de 1978 unha espécie de Bíblia, que non pode ser tocada nen modificada nen abolida (si resulta tocada cando existen outros intereses polo meio: tratado de Maastricht...). É máis, hai-nos que realizan unha leitura reducionista da Constitución que lembran as leituras que, por exemplo, certos fundamentalismos islámicos fan do Corán.

Evidentemente, existen outras atitudes, desde as máis reaccionárias e ultradireitistas ás máis comprensivas cos feitos nacionais de Galiza, Euscádi e Catalunya, mais o seu calado dentro da sociedade española é escaso –sobretodo no que atinxe ás atitudes respeituosas coa pluralidade do Estado–.


O nacionalismo como idea emancipadora

A construción nacional das nacións galega, vasca e catalá non se basea –como comunmente o españolismo tenta transmitir–, nunha ideación ancorada no pasado, de base esencialista e que se remonta nos tempos dos tempos (o que non nega o carácter histórico das reivindicacións nacionalistas).

De feito, a base fundamental dos nosos nacionalismos radica na cidadania, nos indivíduos das respectivas nacións, e na vontade colectiva de constituir-se en suxeitos sociais de pleno direito, quer dicer, de articular unha comunidade que se administre de seu dentro dun mundo aberto, plural e solidário.

Isto é algo que debemos ser quen de transmitir, fronte á perpetuación do clixé anti-nacionalista que persegue o españolismo. E de o transmitir, tanto á cidadania das respectivas nacións (galega, vasca e catalá) como á cidadania española, que está a interiorizar acriticamente o discurso españolista, tan inxusto cos diferentes nacionalismos como manipulador das diversas realidades nacionalidades.

Por exemplo, é triste que calen tan fondamente mensaxes como a imposición do catalán cando, en realidade, se trata dunha nada audaz política lingüística da Generalitat que a penas está a conseguir frear o retroceso nos usos sociais do catalán nunha sociedade en que ainda é evidente a subalternidade da língua própria respeito do español. Ou que se estigmatice a organizacións como o PNV cando o seu sentido táctico está ben lonxe de afondar, polo menos de momento, nun impulso firme da soberania vasca. Ou os contínuos ataques que está a sofrer o nacionalismo galego desde diversas frontes (política, mediática...) en todos os eidos en que actua só polo simples feito de ter un ideário nacionalista, coas suas raíces na cerna deste país.


O españolismo fracasará no seu intento uniformizador

O españolismo está-se a rearmar nos últimos anos. Non é casual que se dean feitos como os seguintes: declaracións da monarquia respeito da superioridade do español sobre as línguas próprias das nacións galega, vasca e catalá ou respeito da unidade do Estado; reforma dos contidos das Humanidades con exaltación do ideal de España; campaña das eleicións vascas en clave España versus Euscádi; regresión na lexislación laboral na dirección de impedir a existéncia de marcos nacionais de relacións laborais; campaña mediática satanizadora dos nacionalismos galego, vasco e catalán; freada e marcha atrás no desenvolvimento autonómico do Estado; etc. Enfin, toda unha série máis ou menos planificada de feitos que atentan gravemente contra unha conceición aberta e plural do Estado español.

Da intelixéncia dos nacionalismos galego, vasco e catalán, da nosa capacidade para contrarrestar a ofensiva españolista, vai depender en bastante medida o noso futuro como nacións diferenciadas. Non nos chega con termos a razón, por máis teimuda que esta sexa, senón que precisamos que esta se impoña.

Teremos que suportar ainda –como xa o estamos a facer– os embates dunha ideoloxia, a españolista, que nos nega unha e outra vez, pero na medida en que sexamos capaces de conectar coas nosas respectivas sociedades e mobilizar consciéncias colectivas ao noso favor, o obxectivo será máis certo e máis próximo.

Velaí o noso reto estratéxico: un futuro de noso. Nen máis (somos anti-imperialistas), nen menos (non nos han dobregar).


Compostela, 30 de outubro de 2001.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/11/2001