Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 30 de novembro de 2001

Media Academia é razonable
 

X. Antón L. Dobao-

dobao@eresmas.net



Eu non son sospeitoso de "lusista", entendido o termo nesa deturpación histórica a que foi sometido. Vaiamos, logo, por partes. Ou por teses, na vella tradición do pensamento marxista.

1. O galego é unha lingua de seu

Entre moitísimas outras consideracións, porque así o comprendemos os galegos, que queremos ser donos da nosa lingua. Contra tal razón, non hai (sen)razón filolóxica posible, desde que os tempos do positivismo reaccionario deberan estar superados.

2. A ortografía é arbitrio

Correspóndelle á RAG fixar as normas pertinentes, gran logro de Camilo Nogueira xa hai anos, cando a Academia estaba composta polo espectro máis reaccionario, cando nada nin ninguén do ILG nin de nada parecido estaba nela. Conseguiron desposuír ó ILG, legalmente, da capacidade normativa e entregarlla á Academia dirixida por Domingo García Sabell. É historia, e hai que coñecela para poder avaliar os feitos tal e como hoxe se producen. É un logro do nacionalismo. : ) Ese é un feito histórico que explica en parte o ocorrido estes días. Camilo Nogueira ben podería explicar as razóns polas que naquel momento presentou unha proposición no Parlamento Galego para que se desposuíse o ILG de potestade normativa. Quizais se hoxe o ILG mantivese tal potestade non estariamos falando de todo isto. Pero... en fin. É así. A historia hai que coñecela.

3. Galeguismo (de acordeón e churrasco)

Carlos Luís Rodríguez, o francés, Paco Vázquez, Fraga, Sixto Seco (o líder), etc. Este é o galeguismo de churrasco ó que se integran liberrimamente uns cantos académicos enfrontados á razón. Estudiemos o asunto. Non é galeguista aquel que defende a cordialidade da lingua. A lingua non é asunto cordial, é asunto racional e nacional. A cordialidade, é dicir, a lingua entendida como cousa do corazón é a defección das nosas potencialidades culturais, lingüísticas e nacionais e sociais. Isto último, o máis importante.

4. Polo menos media Academia é razoable

E isto é importante. Non estamos os galegos fronte á Academia. Hai media Academia contra a razón. Non cometamos o erro de equiparar académicos de traballo e vontade con académicos de nome e voto dirixido. Este debate non se produciría hai cinco anos. Non falamos, pois, dun problema suscitado pola Academia como institución, senón por un número determinado de académicos (máis papistas có Papa, por certo) dirixidos, sen ningunha dúbida, por intereses partidarios e de elaboración de mecanismos de control. As medallas Castelao hai que pagalas, e páganse contra o galego.

5. Quitar a máscara

No acordo estaban Universidades, ILG, AS-PG... é dicir, o abano interminable de organizacións e xentes que levan anos e anos nun compromiso (en distintos niveis) co idioma, é dicir, coa nación e as súas clases populares. Desenmascarar os opositores, as súas razóns, os seus discursos, o seu (falso) cariño pola lingua é responsabilidade de tódolos que de un modo ou outro nos sentimos comprometidos co noso futuro.

6. ¿E quen veñen sendo estes?

¿Quen veñen sendo, pregunto, para desautorizar unha maioría cualificada SOCIAL E CIENTIFICAMENTE que decide dotarse de común acordo dun instrumento para avanzar? Son NINGUÉN. E, posto que son ninguén, falsificadores da realidade, mentireiros conscientes, ós actores sociais quédanos unha responsabilidade incuestionable.

7. Qué facer

Preguntouno Lenin no seu momento. Tal pregunta é paradigma revolucionario tamén neste momenbto. Eu, humildemente, insisto, non sospeitoso de lusista (son lusista, si, aínda que baixo ningún concepto reintegracionista), non sospeitoso de non defender unha norma independente para o galego, como non o son os académicos do ILG, humildemente, digo, propoñería a acción social necesaria. Vén na tese seguinte.

8. MANIFESTACIÓN

Propoño que, a partir das Ciberirmandades e daquelas organizacións que se sumen á iniciativa, coas que contactemos, se inicie unha campaña de recollida de sinaturas. Unha recollida de sinaturas que empezaría na rede, que seguiría nos ámbitos dos profesionais que teñen algo que ver coa lingua e continuaría na totalidade da base social galega. Habería que elaborar un manifesto e poñelo á aprobación da sociedade civil, das multitudes, un manifesto claro, favorable a toda medida que, coma esta, tomada por filólogos que lle poderían dar centos de milleiros de clases a Ferro Ruibal, Alonso Montero e outros, procure unha situación en que o modo de escribir esta lingua non sexa obxecto de guerras fratricidas absurdas. Propoño, en resumo, que adoptemos a iniciativa de elaborar un documento de apoio á reforma normativa, contra o sector reaccionario da Academia, que o asinemos, que o espallemos por agrupacións e colectivos sociais e políticos e que o enviemos á prensa e á Academia. É a sociedade a dona da lingua, non eles. Propoño iso. Manifestémonos socialmente.

Perdoade tanta extensión para tan pouca cousa.


[Tirado do foro de opinión das CiberIrmandades, novembro de 2001]

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/11/2001