Actualidade Volver


Vigo, 21 de decembro de 2001

Preocupación pola situación na República Arxentina
A CIG esixe que se derogue o estado de sitio e que se remate coa represión sobre os sectores populares
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



Mediante o estado de sitio e unha dura represión sobre os manifestantes que converxían sobre o centro da cidade, o desprestixiado governo intentou unha vez máis frear as esixencias do povo arxentino para que se faga unha política económica e social distinta, favorábel ao país e ás clases populares, así como a dimisión de De La Rúa.

A esta altura fálase de 20 persoas mortas, 3 delas na represión contra as protestas na Praza de Maio, así como de 182 persoas feridas de distinta consideración, das que 11 tiveron que ser internadas nos hospitais.

Así mesmo a CIG manifesta a súa solidariedade co povo arxentino, coa central sindical CTA, e con todas aquelas organizacións populares que loitan pola soberanía e a xustiza social.


A primeira hora da mañá do xoves 20 de decembro a CIG enviou este comunicado aos meios de información en Galiza:


“A CIG mira con preocupación a situación na República Arxentina, país no que viven uns 300.000 galegos/as e varios millóns de descendentes.

A Confederación Intersindical Galega quere amosar a súa preocupación pola grave situación social existente na Arxentina, a nación de América na que reside o maior número de galegos alén mar, así como varios millóns de descendentes. Que o país coa renda per-cápita máis alta da América Latina, rico en materias primas e cunha man de obra moi cualificada, teña hoxe unha das porcentaxes de pobreza e desregulación laboral máis altas do continente non é unha casualidade, senón producto das políticas neoliberais e da sumisión aos dictados de organismos internacionais como son o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial, favorecedores dos intereses das grandes empresas transnacionais. Eles foron os que presionaron para privatizar as empresas estratéxicas, para reducir os servizos básicos, pra priorizar o pago da débeda, mesmo a costa dunha queda do crecemento e do emprego.

Nos últimos anos as diferencias sociais medraron dun xeito espectacular, e unha parte moi grande da povoación foise fundindo na máis arrepiante das miserias, entre eles non poucos galegos de nacemento. De pouco serveu unha vida de traballo, as pensións perderon todo valor e os servizos sociais básicos carecen de calquer posibilidade asistencial real. Mentres se deterioran as condicións de vida da maioría da povoación e os servizos básicos, a PIB concentrouse en sectores sociais moi estreitos, nas grandes empresas estranxeiras e no pago da débeda externa. Súmase a esta política a prol dos poderosos, a dolarización que lles restou competitividade á economía ao respeito dos principais socios comerciais.

Os asaltos aos supermercados e comercios por parte de persoas que buscan algo que comer, as ducias de mortos e os centos de feridos. O enfrontamento entre sectores da povoación por mor desta situación de pobreza e desesperación, sen que o Governo faga ren por dar unha solución ao tema, amosan a súa incapacidade e as fortes ataduras das que é refén. A Arxentina ten saídas a estes problemas, pode, e ten medios económicos, para, como propón a Central de Traballadores Arxentinos, a CTA, redistribuir a riqueza, aumentar deste xeito o consumo e o emprego. Trátase, como apoiaron 2 millóns 7 centos mil arxentinos (no recente referendo convocado pola Fronte Nacional Contra a Pobreza), de aportar un seguro de emprego para cada xefe/a de famila sen traballo de 380 pesos. Trátase de rematar coa paridade co dólar, de rachar coas dependencias exteriores.

Dende a CIG queremos facerlle chegar o noso apoio a esta iniciativa da CTA e máis á Fronte Nacional Contra a Pobreza, porque coidamos que é unha medida solidaria, que permite desenvolver a economía. Desexamos manifestar a nosa solidariedade con todos os arxentinos e os galegos que están pasando por intres tan graves”.


Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Migración da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/12/2001