Actualidade / Artigo Santiago, 11 de decembro de 2001 Cavallo executa unha dolarización encuberta mentres confisca os pesos dos arxentinos
Cando pintan bastos na economia, os mais neoliberais abandonan a demagoxia sobre o libre mercado. Domingo Cavallo, gurú do neoliberalismo en América Latina, acaba de confiscar os pesos dos cidadáns, impor impostos ás transaccións bancárias e axuda aos bancos a engordar os seus ingresos mediante as comisións que cobrarán por esas operacións. Pero primeiro permitiu que os grandes capitais fugaran os seus dólares, antes de conxelar a saída de divisas. O governo arxentino logrou deter unha estampida bancária este luns, ao impor novos controlos sobre o retiro de depósitos. Sen embargo, o conxelamento parcial das contas dos arxentinos aumentou o temor de que o país se encamiñe cara a bancarrota. O caos financeiro sente-se perigosamente perto. Case unha quinta parte de todos os depósitos saiu do sistema bancário. Para deter a hemorráxia e previr un colapso bancário, Cavallo ordenou un conxelamento parcial dos depósitos, unha medida drástica e case desesperada que poderia minar ainda mais a fe nos bancos e empurrar a economia cara unha depresión ainda mais profunda ao manter o efectivo fora das mans dos consumidores. O governo anunciou as medidas o fin de semana para evitar unha corrida que ameazaba o sistema financeiro e o réxime cambiário. Na economia arxentina dá-se o feito de que a medida que diminuen as reservas do tesouro, na mesma proporción se deteriora o chamado princípio de convertebilidade, mediante o cal desde hai 10 anos un peso nacional é igual e está respaldado por un dólar estadounidense. Arxentina perdeu case un 20% dos seus depósitos bancários desde xaneiro, producto do temor xeneralizado a que o governo do presidente Fernando de la Rúa devalúe o peso, confisque as contas bancárias, ou declare unha cesación de pagos sobre os seus US$132.000 millóns en déveda. O governo poderia pagar un alto prezo polas medidas do fin de semana, que durarán 90 dias e que tamén estabeleceron novos limites ao envio de efectivo ao exterior. Os economistas din que as próprias políticas do governo desataron a corrida contra os depósitos, en particular unha nova norma destinada a pór un tope ás taxas de interese que se pagan sobre os depósitos bancários. "Estas medidas son para gañar algo de tempo. Non son reformas estructurais ou trocos de longo prazo", cadran a maioria dos analistas económicas que escreben na prensa arxentina. Moitos cadran tamén en que as medidas, que incluen pedir que os novos empréstitos sexan en dólares e baixar as comisions ao mudar pesos a dólares, constituen unha "dolarización de porta traseira" que permite ao ministro de economia, Domingo Cavallo, sortear a oposición política para eliminar o peso e substituí-lo polo dólar. Con todos os incentivos que hai para negociar en dólares, pronto os únicos pesos na economia de Arxentina serán os que hai nos petos da xente. Posto que as medidas ainda permiten que a xente utilice tarxetas de crédito e de débito asi como cheques para realizar pagos, o governo espera que estas medidas forzarán a que a maioria das transaccións pasen a través do sistema bancário, a estimular as anémicas recadacións de impostos do governo federal asi como os ingresos dos bancos, metas que aplauden os sectores mais reaccionários, pero que son profundamente nefastas para as grandes maiorias en meio dunha profunda recesión. En Arxentina estaba moi estendida a prática de realizar as transaccións económicas en efectivo, mesmo o pago de salários. Agora todo o mundo terá que abrir unha conta, o governo cobrará os impostos e os bancos cobrarán as respeitivas comisións bancárias. O que ocorre é que no sistema bancário arxentino as comisións por todo tipo de transacción son abusivas. Cobran por abrir as contas, por retirar o diñeiro, por receber o diñeiro, etc. Os arxentinos viñan esquivando estas leoninas comisions mediante as operacións en efectivo. O caso é que canto mais se debilite a terceira economia de América Latina, mais difícil lle resultará pagar os seus US$132.000 millóns en déveda, o que poderia converter-se na maior cesación de pagos de calquera nazón ou empresa, algo que afectaría ainda mais a economia global. Arxentina debe diñeiro a dúcias de fondos de pensións en Estados Unidos e Europa e ao non pagar-lles poderia pór en marcha unha falta de financiación estranxeira en paises en desenvolvimento como Turquía e Brasil. The Wall Street Journal sinalaba esta semana que moitos no Fondo Monetário Internacional, que axudou a asegurar unha axuda financeira de perto de US$50.000 millóns entre o ano pasado e o actual, crien agora que a Arxentina non lle fica mais opción que a de acabar coa paridade e devaluar o peso. Pero Cavallo di que antes de que iso ocorra seria preferíbel adoutar o dólar como a moeda oficial do país. De feito o ministro pediu que desde o pasado luns todos os novos empréstitos bancários se emitan en dólares. Se finalmente o país adouta o billete verde seria a maior nazón en adoutar unha medida dese calibre até a data, a seguir os pasos de nazóns como Ecuador e O Salvador. Esa alternativa limita os danos financeiros, pero non soluciona os problemas de competitividade nen a solvéncia do estado. A dolarización non é a panacea, pero é a alternativa na que crie Cavallo. Na actualidade, Cavallo está a levar a cabo severos recortes de gastos a nível doméstico e forzando aos bancos acreedores a asumir xigantescas cancelacións de dévedas nos seus empréstitos a Arxentina. A idea é permitir que o governo aforre o suficiente como para equilibrar o seu orzamento, a convencer aos investimentistas e os emprestamistas como o FMI de que o país pronto pisará terreo firme. En efeito, está a apostar a que pode pagar aos acreedores o suficiente como para que volten a estar dispostos a expedir cheques ao país e permitir que Arxentina volte a medrar. Pero iso non está nen moito menos asegurado. O FMI e outros investimentistas ordinários non semellan estar dispostos a voltar a tender a mao a Arxentina, e moito menos mais diñeiro.
O informe do Consello Galego de Relacións Laborais evidéncia que se amplia a distáncia entre Galiza e España
O Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) ven a pór as cousas no seu sítio logo da sarta de mentiras que se difundiron desde a Xunta na campaña eleitoral sobre a situación da economia galega e a converxéncia co estado español. No seu informe sobre o ano 2000, o CGRL constata que o proceso de converxéncia de Galiza co estado español está estancado. No ano 2000 a distáncia que separa a riqueza galega coa meia española se ampliou. O CGRL considera que esa situación é producto da crise do sector pesqueiro e do sector gadeiro. O sector primário galego tivo un decrecimento do 3% no ano 2000 como consecuencia da crise das "vacas tolas" e do fin do acordo pesqueiro con Marruecos. Mentres tanto, ese mesmo sector agro-pesqueiro medraba no estado español un 2,5%. O informe do CGRL tamén recolle que mentres a economia estatal medraba un 4,76%, a galega o facia ao 4,34% durante o 2000. O estudo do CGRL conclue que esa situación de estancamento ven de lonxe, xa que desde 1995 non hai evolución positiva en Galiza en relación á converxéncia coa meia do estado español, mantendo-se Galiza un 13 ou 14 por cento por embaixo do meio estatal. O informe tamén recolle o feito de que a economia galega se foi desacelerando ao longo do ano 2000. A taxa galega de xerazón de emprego se ubicou por embaixo da estatal (3,6% fronte a 4,1%). E no último quinquénio a situación foi pior, xa que mentres no Estado o emprego medrou nun 20%, en Galiza sòlo o fixo un 8%. O informe do CGRL precisa tamén que mais dun tércio da povoazón galega empregada padece un contrato temporal, cifra que triplica a meia europea. Ademais un 53% dos desempregados galegos leva mais dun ano no paro, mentres no Estado son o 45%. Ao referer-se ás pensións, o informe do CGRL sinala que a meia galega é inferior en 12.300 pesetas á meia estatal, producto por suposto dos mais baixos salários que se cobran en Galiza en relazón á meia estatal. Encanto ás pensións, o informe sinala que ainda que aumentou en Galiza o número de cotizantes á seguridade social, a taxa galega se situa en 1,32 activos por pensionista, mentres que a estatal é de 1,98 activos por pensionista.
A economia de EEUU baixa mais do previsto
A economia de EEUU tivo no terceiro trimestre unha medra negativa do 1,1 por cento, unha cifra maior da calculada hai unhas semanas e que pon de manifesto o grave da crise que atravesa o país. A cifra revisada á baixa explica-se polo maior déficit comercial e a disminución dos inventários das empresas. O gasto dos consumidores representa dous tércios do PIB estadounidense e no terceiro trimestre medrou ao seu ritmo mais lento en mais de oito anos. Este gasto, que atinxira a sua taxa anual de medra mais alta con un 5,9 por cento nos primeiros meses do ano pasado, se atopa agora no seu nível mais baixo desde 1993. Desde comezo de ano, cando as taxas de interese se achaban no seu nível mais alto desde 1991, a Reserva Federal aprobou dez reducións das taxas, que agora se atopan no seu nível mais baixo desde 1961. O abaratamento do crédito só serviu para que os consumidores manteñan un ritmo cauteloso de gastos e moitos analistas esperan que a Reserva aprobe outro recorte dos tipos na sua xuntanza do 11 de decembro. A medra da economia estadounidense no terceiro trimestre foi a mais débil en mais dunha década. O portavoz da Casa Branca, Fleischer, recoñeceu que o presidente George W. Bush "está moi preocupado polos dados que mostran unha redución da actividade económica e non crie que sexa posíbel que o Senado conclua a sua sesión sen aprobar o pacote de estímulo económico". A Cámara de Representantes, onde os republicanos teñen maioria, aprobou un plano de estímulo económico que se orienta, principalmente, cara as reducións de impostos das empresas. Pero no Senado, os demócratas, que teñen maioria, insisten en que haxa mais recursos para o alivio imediato ás persoas que perderon os seus empregos debido aos ataques terroristoa do 11 de setembro e outros traballadores afectados pola desaceleración da economia.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/12/2001 |