Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 14 de decembro de 2001

Chávez radicaliza a revolución bolivariana
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



A patronal venezolana Fedecámaras, reconvertida en instrumento político contra o rexime de Hugo Chávez, paralizou Venezuela o pasado 10 de decembro cun paro patronal apoiado desde os Estados Unidos e estimulado polos partidos políticos do vello rexime desplazados pola revolución bolivariana. Os restos do sindicalismo corrupto da Confederación de Traballadores de Venezuela, vinculados ao partido Acción Democrática, somaron-se a unha folga claramente contrarrevolucionaria que coloca ao rexime bolivariano que governa Venezuela nunha encrucillada. Chávez enfronta agora unha situación límite: de continuar co proceso de profundas reformas políticas, sociais e económicas, sabe que terá en fronte unha coalición de forzas nacionais e internacionais que pulará polo seu derrocamento por vias xudiciais ou extraxudiciais.

O paro patronal tiña que ser exitoso. A razón é simple: os que teñen as chaves das empresas decidiron non abrí-las o dia 10 de decembro, exhortaron aos traballadores a que ficasen na casa ese dia e lles dixeron que non lles descontarían o dia de soldo. Ao mesmo tempo, nos dias prévios esparexeron-se rumores que pintaban unha panorama de violencia, disturbios, e até golpes de estado para o 10 de decembro. En meio dese clima de terror, a povoazón venezolana decidiu ficar na casa e o país estivo realmente paralizado ese dia.

Este paro de actividades, que a burguesía logrou que fose xeral, elevou a temperatura do clima político e agudizou a confrontación de clases en Venezuela. Os directores de Fedecámaras, a federación de empresários mais reaccionários e na sua maioria representantes de empresas relacionadas coas transnacionais, votaron en forma unánime o 19 de novembro pasado para realizar un paro global de actividades por doce horas o 10 de decembro. Na asemblea empresarial do 19 de novembro, o presidente da patronal, Pedro Carmona, despachou-se a gosto cun mitin político contra a "cubanización" de Venezuela, o socialismo rampante que impón Chávez e a defensa histérica da grande propriedade privada. Foi un discurso claramente político e ideolóxico. Ainda que Fedecámaras está a protestar un conxunto de medidas económicas que consideran prexudiciais desde o seu ponto de vista clasista, ficou claro que o paro foi fundamentalmente unha acción política, para lograr a saída de Chávez, a "neutralización" das forzas revolucionárias, e o troco da actual Constitución Bolivariana.

Por ser unha acción política contrarrevolucionaria, e non unha protesta puramente empresarial, outras agrupacións civis das capas meias e alguns falsos "dirixintes" da aristocrácia obreira (CTV) se uniron ao paro. A contrarrevolución, por falta dun programa político de oposición, trata de provocar, a través de sabotaxes, marchas de protesta, colocación de bombas e paros, situacións de desacougo como excusa para declarar unha suposta ingobernabilidade do Estado e pedir fronte ao Tribunal Supremo de Xustiza a saída legal do Presidente Chávez.

O presidente Chávez anunciou un conxunto de reformas o 13 de novembro, nunha alocución presidencial. As leis foron instrumentadas por decreto presidencial, cunha ampla consulta popular e até a sectores opostos ao Presidente Chávez, a incluir Fedecámaras. O mesmo dia do paro, Chávez promulgou as leis en claro desafio a Fedecámaras. A resposta patronal foi imediata: ameazaron coa desobediéncia civil e dixeron que non ian acatar as novas leis.

Este pacote lexislativo consiste en 49 leis distintas, a ser as mais controversiais a Lei de Terras, a Lei de Pesca e a Lei de Hidrocarburos. A Lei de Terras outorga ao Estado o poder de tomar terras privadas e redistribuí-las, naqueles casos en que os proprietários non podan respaldar a posesión das terras cos títulos legais. Esta redistribución inclue tamén terras que sobrepasan 5.000 hectáreas ou se considere que son improductivas. De igoal maneira outorga ao Estado o poder de decidir o uso da terra agrícola para lograr asi unha revolución agrária que garanta o alimento ao povo venezolano. A lei estimula a colectivización da produción agrícola e o cooperativismo.

Chávez sustén que nengun sector do país pode defender o latifundio, en consecuéncia expresou que a través da promulgazón da Lei de Terras "lle chegou a hora aos mais pequenos (campesiños) para avanzar e medrar".


Lei contra o latifundio

A Lei de Terras e Desenvolvimento Rural que promulgou o presidente venezolano, Hugo Chávez, estabeleceu que a terra e a propriedade non son priviléxios duns poucos, se non que deben estar ao servizo de toda a povoazón.

A exposición de motivos de dita lei, aprobada polo Consello de Ministros, lembrou que reximes contrários á solidariedade social tais como o latifundio, son condenados pola Constitución da República.

O artigo primeiro determina a eliminación do latifundio como sistema contrário á xustiza, ao interese xeral e á paz social no campo, mentres o segundo declarou afectadas todas as terras públicas e privadas con vocación para a produción agroalimentaria.

Os terrenos de propriedade estatal serán sometidos a un patrón de parcelamento atendendo a determinadas condicións e as terras privadas deberán someter a sua actividade ás necesidades de produción de rubros alimentarios dacordo cos planos estabelecidos polo Executivo nacional.

As actividades agrárias de mecanización, recopilación, transporte, transformación e mercadeo de produtos agrários, dacordo co documento, estabelecerán-se en forma autoxestionária e coxestionária, mediante organizacións cooperativas ou colectivas.

A lei entende por latifundio toda porción de terreno rural, improductiva ou inculta, que exceda de cinco mil hectáreas en terras de sexta e sétima categoria, ou as suas equivaléncias nas mellores zonas rurais.

O Estado organizará o servizo eficiente do crédito agrário e incorporará a dito servizo ás instituizóns bancárias e financeiras públicas ou privadas existintes ou criando outras estatais se fora necesário.

Outro dos artigos recoñeceu o direito á adxudicación de terras a toda persoa apta para o traballo agrário e como elemento novedoso, declarou a preferéncia para as mulleres que sexan cabeza de família, garantindo-lles, ademais, un subsídio pre e post natal por parte do Instituto de Desenvolvimento Rural.

A lei afectou o uso e aproveitamento das augas susceptíbeis de ser usadas con fins de regadio agrário e planos de acuicultura, e estabelece que calquera cidadán poderá denunciar ante a secretaria rexional correspondiente a existéncia de terras improductivas e incultas, determinando-se en tres dias a apertura dunha investigación oficial.

Esa secretaria poderá decretar, en calquera momento da averiguación, a intervención das terras de que se trate, dará un prazo de oito dias ao eventual proprietário para a apresentación de argumentos ao seu favor e posteriormente adoutará-se unha decisión definitiva.

Os proprietários de terrenos privados que se atopen en produción deberán solicitar un certificado de finca produtiva ao Instituto Nacional de Terras, o cal deberá ser renovado cada dous anos, tras a correspondente inspección.

Aquilos que non os teñan en plena produción terán que solicitar un certificado de finca mellorábel, comprometéndose ao melloramento e incorporación dos planos ditados polo Executivo Nacional.

O articulo 72 estabeleceu que se procederá á expropiación de terras privadas necesárias en fundos superiores a 100 hectáreas de extensión para a ordenación sustentábel da produción agroalimentaria, aplicando-se o mesmo procedimento cando exista unha ocupación ilícita por parte do presunto proprietário.


Venezuela retoma a soberania sobre os seus recursos

Outra lei, a Lei de Pesca, amplía a zona de protección custeira de 3 a 6 millas, zona na que non se permite a pesca de arrastre, o cal favorece aos pescadores artesanais e ao equilíbrio ecolóxico mariño e afecta ás grandes empresas pesqueiras internacionais que saquean os ricos caladeiros de atún de Venezuela.

A zona de protección se extende tamén desde a liña da marea alta até 500 metros terra adentro afectando todas as propriedades existentes nesa franxa: vivendas, marinas, hoteles e bens móbeis de todo tipo, que quedan baixo xurisdicción estatal e poden ser afectados por planos de desenvolvimento decididos polo Executivo nacional.

A Lei de Hidrocarburos revirte 20 anos de liberización e privatización antinacionais no sector petroleiro. Dacordo coa nova lei, requere-se maioria estatal en todas as novas "joint ventures" do sector petroleiro e eleva-se a regalía ás compañías petroleiras, a incluir as estranxeiras - de 16,6% a 30% - para poder ampliar e reforzar os programas sociais populares.

As reformas que foron elaboradas polo Governo de Chávez, con axuda de peritos nacionais e internacionais, foron moi criticadas pola burguesía tanto en Venezuela como no exterior. Chávez enfronta agora unha situación límite: de continuar co proceso de profundas reformas políticas, sociais e económicas, sabe que terá en fronte unha coalición de forzas nacionais e internacionais que pulará polo seu derrocamento por vias xudiciais ou extraxudiciais.

A operación de acoso e derruba contra Hugo Chávez, o presidente latinoamericano que ostenta o maior apoio popular xamais logrado en comícios democráticos, está en pleno desenvolvimento. A feroz oposición contra Chávez é executada por un puñado de famílias enriquecidas durante a IV República (o réxime anterior) en cuxas mans están os principais meios de comunicación: televisoras privadas, periódicos e emisoras de rádio. Desde os meios de comunicación privados difunden-se mentiras descaradas, meias verdades, esparexen-se rumores de golpe e dá-se-lle desproporcionado protagonismo a dirixentes políticos do antigo réxime que magoas teñen un respaldo electoral testemuñal. Chávez só pode responder con periódicas cadeas de rádio e televisión a través das cais envia a sua mensaxe á imensa maioria dunha povoazón empobrecida ao longo de décadas de saqueo e corrupción e que mantén a esperanza de que o herdeiro de Bolívar faga o milagre e quite ao país da crise.


Chávez e Allende

O paralelismo entre Chávez e Allende é tema de conversación nos círculos políticos venezolanos. Pero as diferenzas saltan á vista. Allende chegou ao poder con magoas un tércio dos votos, era minoria no Congreso, a democrácia cristiá chilena blocaba a labor do governo e nos cuarteis se fraguaba a conspiración golpista co apoio da CIA e o Departamento de Estado de Nixon. En troco, Chávez recolleu o 60% do apoio electoral, varreu aos partidos da oposición, ten unha clara maioria na Asamblea Nacional e goza de grande apoio nos cuarteis e entre as masas.

Sen embargo, Chávez se enfrenta á oposición do governo de Bush. En Venezuela, Bush utiliza aos sectores mais reaccionários da igrexa católica e o mundo empresarial para estimular a oposición militar contra Chávez. Un grupo de xenerales e almirantes retirados, sen influéncia real nos cuarteis, e vinculados ao antigo réxime, receben amplio espazo nos meios de comunicación para difundir consignas desestabilizadoras e tentar confundir á povoazón. Para os sectores vinculados ao Polo Patriótico (fronte amplio que contribuiu á vitória de Chávez) non hai dúvida de que na política de Bush está xa decidida unha guerra prolongada e oculta destinada a depor a Chávez. Segundo fontes venezolanas, alguns sectores do governo norteamericano quererian desenvolver un enfrentamento precipitado e aberto contra Chávez, pero un antigo embaixador norteamericano en Venezuela (Otto Reich), vinculado á máfia cubana de Miami, e con grande influéncia no Departamento de Estado recomendou traballar de forma paulatina, a gañar posicións, a acumular forzas e estimulando disensións para o derrocar cando as condicións políticas sexan mais favorábeis, é dicer, cando se podan movilizar sectores sociais desencantados coa lentitude do réxime venezolano para realizar o seu programa social.

Chávez resulta odioso para o goberno de Bush en virtude da sua ousada e independente política internacional. EEUU mantén a sua política de isolar ás FARC e presiona a Chávez para que corte a sua relazón coa guerrilla colombiana e feche as raias. Pero tamén quer debilitar a política nacionalista de Chávez. Chávez decideu aprofundar as relazóns con China, con Rúsia, con Cuba, con Iraq e redimensionou a política petroleira de Venezuela na OPEP. Venezuela encabeza agora a OPEP, freou en seco a privatización da indústria petroleira e lideriza a política de defensa dos prezos do petróleo que se abandonara no antigo réxime. Chávez peta no corazón da política estratéxica de Estados Unidos e se alía cos tradicionais inimigos do governo de Estados Unidos. O último incidente deste enfrontamento foi a chamada a Washington en novembro da embaixadora norteamericana en Venezuela con motivo das declaracións de Chávez desmarcándose da guerra imperialista que desenvolve Estados Unidos en Afganistán.

Como consecuéncia de iso, a ofensiva propagandística contra Chávez é groseira. Os meios de comunicación norteamericanos non falan do presidente eleito en Venezuela, se non do "réxime do ex golpista", tratan a pobreza do povo venezolano como se fose unha criación de Chávez e non a herdanza de corenta anos de antigo réxime ou a consecuéncia das políticas imperialistas de saqueo que sofreu Venezuela ao longo de décadas. EEUU decidiu contra Chávez unha política de debilitamento e desgaste primeiro, para provocar despois unha crise de governo e forzar o troco, en vez da confrontación militar aberta. O paro do 10 de decembro constitue unha escalada e un fito nestaestratéxia desestabilizadora.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/12/2001