Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 28 de decembro de 2001

O acordo entre os sindicatos estatais e a patronal prexudicará os salários dos traballadores galegos
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



O Acordo Interconfederal para a negociación colectiva do 2002, asinado antes do nadal por CCOO, UGT e a patronal española, prexudicará os salários galegos que perderán mais poder de compra e se distanciarán mais da meia estatal.

A Confederación Intersindical Galega rexeita este acordo por considerar que ao afrontar cada negociación colectiva desde un mesmo índice porcentual de incremento salarial uniforme para todo o Estado "provocou que nestes últimos 25 anos as retribucións dos galegos e das galegas descenderan até un 18,4% por debaixo da meia estatal".

Segundo Antolín Alcántara, secretário confederal de Negociación Colectiva da CIG, "as consecuéncias desta política salarial dos sindicatos estatais na Galiza afectan a maiores a todas as prestacións derivadas do salário, como a invalidez, as indenizacións, paro e pensións. No caso das pensións, a diferenza é xa de menos 22,5% sobre a meia do Estado".

Para a CIG, a argumentación dada para xustificar este pacto, como é a do presunto mantemento do emprego, non pasa de ser unha falácia recurrente, xa que nos últimos anos, coas sucesivas reformas laborais con redución da indenización por despedimento, con mais flexibilidade e precariedade na contratación e cunha moderación salarial crónica, o paro permanece tres pontos por riba da meia estatal, no caso galego.

Alcántara sustén que a moderación salarial "non influe na calidade do emprego, e esta mesma secuéncia a vivemos en Galiza donde as porcentaxes de contratación eventual ou temporal son sempre superiores ás da meia do Estado".

A maiores, desde a CIG se sinala que esta mesma retórica de contención salarial non serviu nunca en Galiza para conter a inflación. "A evolución do IPC galego coa media do Estado mantén unha simetría que contrasta precisamente coa evolución dos salários", aponta Antolín Alcántara.

Os sindicatos estatais e a patronal utilizan o argumento da recesión como unha das supostas xustificacións da contención salarial. Desde a CIG se responde que se trata doutra mistificación, xa que o alcance da recesión ainda é descoñecido e por outra banda, Alcántara sinala que "ese mesmo celo habería que reclamá-lo para a mellora dos salários durante pasado ciclo expansivo do que se beneficiou o capital nos últimos anos".

Para a CIG é gravísimo que quedaran en entredito no acordo as cláusulas de revisión salarial, posto que non existe mandato obrigatório para a sua aplicación. Serán por tanto as mesas negociadoras as que deban pactá-las, o que aponta a que serán moitos os setores que non garantirán nen sequer incrementos salariais semellantes ao IPC real.

Por outra banda, ao circuncribirse só aos aspectos salariais da negociación colectiva, o acordo non conten nengun compromiso que avance na regulamentación de direitos ou garantias das modalidades de contratación afectadas pola reforma laboral.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/12/2001