Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 7 de decembro de 2001

6 de decembro de 2001: 23 anos de corsé constitucional
Rearme españolista: acerca do patriotismo constitucional
 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


"La Constitución de 1978 no es una nueva proclama españolista. Es el mejor vehículo que los españoles nunca tuvieron para serlo con pasión y con razón. Parafraseando al poeta, uno tendría la tentación de decirlo: no la toquéis demasiado, es así, la Constitución. Y España.". Javier Rupérez(1)



Nun artigo anterior, titulado "Discurso españolista hoxe: entre a 'doma e castración' e o patrioteirismo constitucional"(2), facia referéncia á existéncia de duas atitudes básicas no españolismo hoxe actuante: unha, a dos partidários da "doma e castración"(3); e outra, a dos partidários do "patrioteirismo constitucional" (xeito chufón de me referir ao máis propriamente dito "patriotismo constitucional")(4).

Dada a sua raibosa actualidade, interesa-me neste artigo unha análise –mesmo que sexa breve– do "patriotismo constitucional", tanto no que se refere ás suas orixes e significación como á utilización que, nos últimos tempos, se vén facendo del no contexto estatal.


Patriotismo constitucional, disque

Sinala-se, adoito, que o uso da expresión "patriotismo constitucional" ou "patriotismo da Constitución" ten a sua orixe en Dolf Sternberger, mais que a quen se debe a sua actualización e posta ao dia é ao filósofo social-demócrata alemán Jünger Habermas(5). Este entendeu que, tras a experiéncia da apropriación nazi do conceito de nación alemá, cumpria unha anovación no dito conceito que fuxise do horror do nacional-socialismo. Asi, colleu forma o 'Verfassungpatriotismus', é dicer, o "patriotismo constitucional" ou "patriotismo da Constitución".

O que propón Habermas é, en eséncia, unha nova visión do sentimento patriótico alemán, apegado á "dispoñibilidade a identificar-se coa orde política e os princípios constitucionais"(6). Trata-se da reapropriación do orgullo nacional despois do terríbel período histórico marcado polo nazismo do Terceiro Reich (o 'shock de Auschwitz'). E, asi, unha das claves desa reapropriación é o ter superado "duradoiramente o fascismo, estabelecendo un estado de direito e ancorar este nunha cultura política que, mália todo, é máis ou menos liberal"(7). Xa que logo, a fundamentación deste novo patriotismo teria unha base cívica en relación a un ordenamento xurídico-constitucional, polo que factores como, por exemplo, a existéncia de línguas e culturas próprias quedan totalmente á marxe das suas consideracións. O determinante para o filósofo alemán serian, pois, unha série de princípios e valores asociados a unha orde legal (a Constitución) e que os cidadáns e cidadás terian que indefectibelmente compartir.

As críticas que se fan á validez da proposta de "patriotismo constitucional" de Habermas radican, precisamente, na marxinación que fai na sua proposta de elementos que teñen que ver coa identidade (território, história, língua, cultura...), asi como na sua incapacidade para recoñecer e aceitar plenamente a diversidade:

"o 'patriotismo constitucional' non consegue (...) dar unha resposta aos problemas derivados das reivindicacións das identidades etnoculturais, da diversidade e a pluridade dentro dunha mesma organización política, porque a integración social dunha comunidade diferenciada non pode levar-se a termo nunca mediante a asimilación ou a homologación, senón mediante o recoñecimento, a aceitación e a integración social de todas as diferenzas, sen posibilidade de exclusión, marxinación ou inferiorización dalgunha delas."(8).

Desta maneira, para o caso do Estado español e a existéncia no seu seo de diferentes povos, nacións, línguas e culturas, o conceito de "patriotismo constitucional" non parece que poida ordenar esta diversidade de xeito satisfactório, mália que o próprio Habermas si entenda que a Constitución española de 1978 configura un sentido de coesión ao Estado: "Os sentimentos patrióticos xeran-se en relación a unha Constitución que, no contexto da própria história, é interpretada como un auténtico avanzo ou conquista: como o avanzo que selou a supresión da ditadura de Franco e o final definitivo da Guerra Civil, que persistia en estado latente"(9). Das palabras do filósofo alemán parece deducir-se un escaso coñecimento do proceso de reforma política que se viveu no Estado español e do próprio proceso constituinte que desembocou na Constitución española actualmente en vigor.

Hoxe este mesmo conceito de "patriotismo constitucional" é reivindicado por alguns –entre eles o próprio Habermas(10)– para a criación dun suxeito colectivo conformado polos estados e os cidadáns e cidadás da Unión Europea. E digo ben polos estados, xa que Habermas é partidário dunha sorte de 'eurofederalismo' que teña a sua raiz nos actuais estados, isto é, eludindo a existéncia de entidades estatais plurinacionais na Europa integrada na UE e o encaixe de todas as realidades nacionais no –ainda quimérico– 'estado post-estatal' europeo.


O españolismo traveste-se de constitucionalista

A ideoloxia españolista saíu triunfante do proceso de reforma política que seguiu á morte do ditador Francisco Franco. Mália os tira-puxas habidos, finalmente a Constitución que nacia en 1978 (froito, basicamente, do consenso das diversas mentalidades españolistas, máis reaccionárias ou máis progresistas) garante unha configuración do Estado español abondo centralista(11):

"a nación española tal cal está expresada na Constitución é unha ficción, un invento do nacionalismo español do século XIX, mantido até o presente. // O que en realidade existe é un Estado con hexemonia nacional española (ou castelá), constituído ao xeito de Estado nacional, que aferrolla o resto das nacionalidades, e sobre as cais, segundo épocas, despregou diferentes políticas: desde unha represión e presión asimilacionista de trazos xenocidas, até unha política de reparto controlado do poder e toleráncia e respeito do mal chamado 'feito diferencial' [...] o proxecto de Estado plurinacional nunca foi contemplado desde o poder, e para os que asi o desexaron chega cun século e meio de atraso,tendo perdidas tres grandes ocasións para o conseguir. As duas primeiras á calor das transformacións que trouxeron a proclamación da Primeira e a Segunda República; a terceira, durante a transición do franquismo ao chamado Estado das Autonomías."(12).

Esta ideoloxia españolista tiña (e ten) demasiadas débedas co franquismo e, xa que logo, co nacional-catolicismo que impregnou a vida española durante as catro décadas de ditadura fascista no Estado. De aí que precise dun urxente 'aggiornamento' que, dunha banda, garanta o seu predomínio abafante sobre a sociedade do Estado e, doutra, rache –sequer timidamente– os seus vínculos cun pasado que dificilmente se pode asumir.

Inicialmente, este 'aggiornamento' do que falo vén de sectores progresistas españois, que na orde político-partidária haberia que situar na opción social-liberal con arrinques socialdemocrátas que representa o PSOE. Cumpre aclarar que, ainda que o PSOE historicamente recollia o direito de autodeterminación para as nacións do Estado, iso respondia máis á retórica da época (a superación da ditadura franquista ainda non tiña un rumo certo no leme) que a un interese real por recoñecer de feito as diferentes realidades nacionais. De feito, "o nacionalismo español, por liberal que fose e sexa na sua conceición da nación española, non deixou de rexeitar, implícita ou explicitamente, a idea do carácter plurinacional do Estado español, polo menos con todas as consecuéncias que se derivan da plurinacionalidade dun Estado"(13).

Como resulta evidente, dentro do próprio PSOE as propostas existentes en canto á articulación do Estado, tanto a presente como a futura, son várias e, nalguns casos, mesmo diverxentes. De feito, nada teñen que ver a defensa que fai da proposta federalista(14) o PSC e o seu líder Pascual Maragall coa reafirmación españolista de  Manuel Chaves, José Bono e Juan Carlos Rodríguez Ibarra no documento coñecido como "Declaración de Mérida"(15) ou co fundamentalismo españolista do pseudo-liberal alcalde da Coruña, Francisco Vázquez.

Para exemplificar isto, é ben recorrer ao programa apresentado polo PSC-Ciutadans pel Canvi ás últimas eleicións catalás, que tiveron lugar no ano 1999, onde se avoga por un "catalanismo federal" e, entre outras propostas, se postula un "federalismo político que parta do recoñecimento das nacionalidades históricas e que faga do Senado a cámara de representación da realidade plurinacional de España", con vistas a "converter o noso estado autonómico nun estado federal". Fronte a isto, os presidentes das tres comunidades autónomas governadas polo PSOE (Andalucia, Castela-A Mancha e Estremadura) no documento citado afirman: "A Constitución mesma, coa sua vocación incluinte e non excluinte, admite todas as posicións que se expresen pacificamente (...) vemos con preocupación as posicións nacionalistas que cuestionan a coesión garantida na Constitución e negan a soberania dos españois no seu conxunto [...] Dentro da unidade política de España, na que a nosa Constitución recoñece os feitos diferenciais, os sistemas particulares de financiamento e as diferentes vias de aceso ao autogoverno, non existe un direito natural, nen prévio nen posterior á Constitución, que poida ser invocado para xustificar priviléxios entre os territórios ou desigualdade entre os españois. Neste senso, todas as comunidades autónomas teñen o direito aos níveis de autogoverno e competéncias a que aspiren dentro do que a Constitución admite".

Até o de agora, a dirección do PSOE limitou-se aprobar, en datas recentes, o documento "Impulso autonómico y fortalecimiento del Estado de las Autonomías", que como ben indica o seu título non é máis que unha aposta pola actual formulación do Estado e case parece un aviso a navegantes para certos sectores da organización, como o liderado por Maragall en Catalunya.

Nos últimos tempos, é habitual que o actual secretário xeral do PSOE –e presumíbel futuro candidato á presidéncia do Governo por este partido–, Rodríguez Zapatero, apele ao "patriotismo constitucional". Fixo-o con frecuéncia co gallo dos pasados comícios vascos, do 13 de maio, nunha das campañas máis tinxidas de españolismo que se lembran, no transcurso da cal os chamamentos á unidade de España e a demonización do nacionalismo vasco foron moeda corrente dia si, dia tamén(16).

Rodríguez Zapatero tamén se referiu a este conceito para cualificar a reacción interna que tivo EEUU, tras os recentes sucesos cos ataques suicidas a território norteamericano: "a leición de patriotismo constitucional que, despois do 11 de setembro, deu Estados Unidos, o povo norteamericano, creo que iso é un elemento para reflexionar (...) Seguro que en España iso, co que vimos desde a transición, non pasaria (...) en EEUU as institucións teñen un grande valor e conceito de país e de apego a valores constitucionais"(17). Unha nova referéncia acaba de facé-la onte, dia 5 de decembro de 2001, no acto que o PSOE celebrou baixo o lema "Palabras para la libertad" para comemorar o vinte e tres aniversário da Constitución española e no que participaron diversos poetas (entre eles, o galego Manuel Rivas).

Estas contínuas referéncias ao "patriotismo constitucional" por parte do líder do PSOE cumpre situá-las na necesidade que desde o liberalismo español se ten por articular un discurso españolista en termos diferentes ao da direita española, ancorado no "nacional-catolicismo" da España franquista. O que se pretende é a modernización dos valores en que se asenta a unidade do Estado, fuxindo de calquer tentación que non tivese as suas raíces nunha orientación cívica. Os límites –inquebrantábeis, polo que parece– dese civismo estarian na Constitución de 1978 e nunha leitura desta ben atenta ao que, de xeito literal, se recolle no artigo 2: "a indisolúbel unidade da Nación española, patria común e indivísibel de todos os españois" ou mesmo no 8, artigo no que se estabelece, como velada ameaza, o papel dun Exército, o español, que "ten como misión garantir a soberania e a independéncia de España, defender a sua integridade territorial e o ordenamento constitucional"(18).

Contodo, nen o PSOE como partido político nen o seu secretário xeral foron quen de desenvolver teoricamente –cando menos, polo de agora– as ideas que subxacen á sua idea de "patriotismo constitucional", debido posibelmente a que se trata dunha proposta recente que ainda precisa dun proceso de elaboración e maduración(19). Neste senso, como se sinala abaixo, o PP parece que lle vai gañar a partida ao PSOE, ao anunciar publicamente que no seu vindeiro Congreso un dos relatórios vai desenvolver-se baixo a epígrafe de "O patriotismo constitucional do século XXI".

Alén diso, o PSOE vén manifestando publicamente a sua desconformidade con que o PP sexa quen capitalice o sentimento patriótico español, no que consideran unha apropriación indebida dun património comun de todos os cidadáns e cidadás españois.


Agora tamén o PP é "patriota constitucionalista"

Na apresentación pública do vindeiro congreso do Partido Popular –que se realizará dos dias 25 ao 27 de xaneiro de 2002–, os seus responsábeis anunciaron que o primeiro dos catro relatórios que se van debater para a sua aprobación abordará a cuestión do "patriotismo constitucional". No resumo que o PP deu a coñecer dos contidos do devandito relatório –intitulado, como se dixo antes, "O patriotismo constitucional do século XXI"– sinala-se: "Podemos estar orgullosos da nosa democrácia e da sua consolidación, dos nosos direitos e liberdades individuais, da nova idea da España plural acuñada nos últimos vinte anos, das nosas institucións, da nosa cultura, en definitiva, de sermos españois. // A nosa Constitución definiu unha comunidade de valores democráticos e cívicos compartidos. España converteu-se, grazas ao marco constitucional que consensuadamente nos demos os Españois; nun referente de liberdade e democrácia. A aceitación deses valores e das regras de xogo son esenciais para unha España plural".

Seguramente, non é casual que os encargados deste relatório sexan María San Gil e Josep Piqué(20) –un curioso tandem para o que se presume un dos temas estrela do XIV Congreso do PP–, dado que unha é outro parecen ser valores en alza da direita española e teñen un papel relevante nos dous territórios onde o nacionalismo está a governar, Euscádi e Catalunya(21).

Ante o anúncio do PP de afrontar teoricamente a sua aposta polo "patriotismo constitucional", non están a faltar voces –fundamentalmente, desde o PSOE– que cuestionan a lexitimidade da forza conservadora para se alzar como defensora da proposta constitucionalista. Segundo unha información aparecida no xornal español 'El País', un membro da Executiva do PSOE declarou ao respeito: "Non pretendemos ter a paternidade do patriotismo constitucional. Sería ridículo. Mais é perigoso que esa idea completamente desvirtuada, sexa utilizada por Aznar e o PP para defenderen un renacimento do patriotismo español máis conservador, ocultando-o tras unha defensa a ultranza da Constitución", para despois concluir: "O patriotismo constitucional, que pode abrir unha via para encontrar solucións de futuro, converteria-se asi no contrário, unha muralla para afianzar distintos nacionalismos"(22).

Nesta mesma información, asinada pola xornalista Soledad Gallego-Díaz, atribue-se-lle –de xeito errado– ao secretário xeral do PSOE, José Luis Rodríguez Zapatero, o ser o primeiro en utilizar a expresión "patriotismo constitucional" na discusión política española. Xa en 1999, o daquela presidente da Comisión de Asuntos Exteriores do Congreso dos Deputados, Javier Rupérez, do PP, publicara un artigo –no mesmo xornal con sede na capital do Estado– que levaba por título "Patriotismo constitucional"(23). Nel, entre outras cousas, o político direitista afirma cousas como o seguinte: "A Constitución española de 1978 é se cadra a primeira na nosa história, a evocación da cal, a sua invocación, se se quer, non só non comporta riscos nen aventuras, senón que, pola contra, serve para definir un preciso e eficaz terreo para as liberdades de todos os españois [...] en contra do que sempre se pensara e mantivera, son os nacionalismos periféricos os que na sua exasperación propícian un renacimento do nacionalismo español e non ao revés".

Abundando máis nisto, tamén se poderia citar á presidenta do Senado, a conservadora Esperanza Aguirre, quen no pregón que deu en Ciudad Rodrigo, co gallo do Carnaval del Toro de 2001 –texto que, por outra parte, non ten desperdício en canto ao seu contido–, declaraba: "O noso patriotismo é un patriotismo constitucional, fundamentado no pleno exercício da liberdade dos concidadáns (...) Porque España é o nome da nosa liberdade [...] O patriotismo constitucional que nos une a todos (...) é o polo oposto ao nacionalismo excluinte e estreito (...) Eses valores que consagra a nosa Constitución de 1978 e ese proxecto de vida en comun que nela se nos oferece é a Pátria con maiúsculas de todos os españois (...)".

Anteriormente, o 3 de decembro de 2000 Nuevas Generaciones –as mocidades do PP– fixeran público un documento (coñecido como o "Manifesto de Vitoria) no que reafirmaban a sua fe españolista e pulaban polo "patriotismo constitucional" español. Esta apresentación pública deu-se co gallo dos actos de comemoración e exaltación da Constitución española de 1978 por parte do partido da direita españolista.

O que resulta evidente de todo isto é o peremptório que é para alguns dirixentes do Partido Popular –na liña de tentar ocupar un espazo de centro-reformista que se lle resiste– a articulación dun discurso próprio arredor da sua idea centralista e pouco plural da realidade do Estado español, que se afaste do da direita máis tradicional e entronque, polo mesmo, nunha corrente de pensamento máis moderna, ou que polo menos non remeta directamente ao pasado franquista, pasado que non poucos dos seus dirixentes e base social asumen (comezando polo próprio presidente da Xunta de Galiza, Manuel Fraga Iribarne)(24).


"Patriotismo constitucional"... español

En resumo, o "patriotismo constitucional" español é só un rearme españolista fronte aos nacionalismos emancipadores. Un rearme que pretende basear as suas razóns nun suposto civismo, alicerzado na Constitución española de 1978. Neste sentido, é ben sinalar que a confusión entre "constitución" e "democrácia" por parte do españolismo –unha confusión nada inocente, abofé– deriva delirantemente nunha negación do status democrático de todo aquel que cuestione o texto constitucional español(25).

A orixe do "patriotismo constitucional" para o caso español –orixe recente, como se via–, alén da autoria intelectual que para si reclaman tanto sectores direitistas como socialdemocrátas, hai que a buscar na necesidade de lexitimación do españolismo, lastrado en exceso por un pasado imediato –o franquismo– de non doada asunción por parte de determinados sectores.

Cumpre lembrar, que os valores do españolismo hoxe actuante, mesmo na sua versión menos exacerbada –como pode ser a que representa o "patriotismo constitucionalista"–, asentan non só nas organizacións políticas citadas (PSOE e PP) senón tamén no conxunto de institucións estatais ou para-estatais (comezando pola mesma monarquia borbónica) e nun conxunto de organizacións, entidades, asociacións de todo tipo que, con máis ou menos belixeráncia, se situan fronte ás teses nacionalistas de Galiza, Euscádi e Catalunya. Cabo destas, tamén se achan as forzas económicas máis poderosas que actuan no Estado e as xerarquias da Igrexa católica, a que conta con máis peso no contexto estatal.

Deste conglomerado tamén forman parte sectores da intelectualidade española, sobretodo aqueles que máis aceso teñen á opinión pública, e os diversos grupos mediáticos que controlan a dita opinión pública e que exercen unha abafante presión sobre a sociedade co seu discurso de "pensamento único". Discurso no que o esencialismo españolista –a visión centralizadora do Estado– é base fundamental e primária. En paralelo a isto, o carácter plural do Estado (as diferentes nacións, línguas e culturas que o integran na actualidade) é negado e, portanto, excluído todo pensamento lexitimador desta opción.


23 anos de corsé constitucionalista para as nacións oprimidas do Estado

Por último e para lle pór remate a este artigo, quixera amosar a miña coincidéncia coas palabras do abertzale Iñaki Gil de San Vicente cando sinala que "o actual início de debate sobre o 'patriotismo constitucional' é só unha unha forma mistificada e espúria de ocultar as esenciais identidades imperialistas entre o PP e o PSOE á hora de, no contexto mundial vixente, intentar solucionar o negativo impacto que sobre o capitalismo estatal teñen as catro fallas xenético-estruturais de España como espazo simbólico-material de acumulación de capital: débil unidade estato-nacional, atraso estrutural económico e técnico-científico, corrupción conxénita e crise de lexitimidade recorrente". E remata dicendo: "O 'patriotismo constitucional' é, asi, a preparación e xustificación ideolóxicas dunha nova –outra máis, no fundo– "solución" desesperada que o PP aplicará fanaticamente e que o PSOE matiza xa co seu documento de reforma do Senado e de integración das autonomias e rexións sen mudar o sistema constitucional nas suas bases centralistas"(26).

Ao fin e ao cabo, o españolismo, travista-se como se travista, rexe-se polo princípio da asimilación da diferenza (do centro, castellano-español, sobre as periférias, Galiza, Euscádi...) e, xa que logo, devén negador da diversidade do actual Estado español.

Este 6 decembro de 2001 –23º aniversário dese corsé para as nacións oprimidas do Estado que é Constitución española de 1978– é ben lembrarmos o que agocha unha formulación intencionalmente aséptica como a do "patriotismo constitucional" español(27), porque só asi saberemos o que hai detrás do espello en que o españolismo actuante se mira hoxe. Un espello no que os nacionalismos emancipadores de Galiza, Euscádi e Catalunya dificilmente imos reflectir-nos.


O Milladoiro (Ames), 6 de decembro de 2001.

Rafa Villar é escritor e responsábel técnico de Normalización Lingüística da CIG.

 
 

 

Notas:

(1) Fragmento tirado do artigo de Javier Rupérez intitulado "Patriotismo constitucional", publicado no xornal español 'El País', do 28 de xaneiro de 1999. O direitista Javier Rupérez é o actual embaixador español en Estados Unidos. Tras a sua incorporación ao PP en 1999 –procedente do PDP–, ocupou diversos cargos de releváncia na política exterior española. Foi presidente Internacional Democristiá e, como tal, impulsou a expulsión do PNV da dita organización.

(2) Este artigo, do 2 de novembro de 2001, pode-se consultar no sítio web da Confederación Intersindical Galega (CIG); en concreto en: www.galizacig.com/actualidade/200111/rv_discurso_espanholista_hoxe.htm.

(3) Obviamente, co de "doma e castración" fai-se referéncia ás palabras con que o historiador Jerónimo Zurita –primeiro Cronista do Reino de Aragón e secretário da Inquisición–, relataba nos seus 'Anales de la Corona de Aragón' no século XVI o submetimento de Galiza aos Reis Católicos (Fernando II de Aragón e Isabel I de Castela). A data –case simbólica– que se emprega para se referir a este feito é o ano 1486 e ten que ver cunha viaxe dos Reis Católicos a Galiza.

(4) A miña utilización do termo 'patrioteirismo' no canto de 'patriotismo' debe-se á desconfianza que dá o emprego, dun tempo a esta parte, deste conceito no contexto do Estado, se cadra desvirtuado de máis da sua significación orixinária.

(5) Filósofo alemán de raiz marxista –ainda que hoxe está máis próximo das teses da socialdemocrácia–, adcrito á Escola de Francfort. Está considerado como o gran mentor do actual ministro alemán de Exteriores, o 'verde' Joschka Fischer.

(6) Citado da versión en castelán do seu libro 'Identidades nacionales y postnacionales' (1989), editorial Tecnos, Madrid.

(7) Da versión en castelán do seu libro 'Identidades nacionales y postnacionales' (1989).

(8) Tirado do artigo de María José Fariñas Dulce, da Universidade Carlos III de Madrid, intitulado "Ciudadanía 'universal' versus ciudadanía 'fragmentada", en 'Cuadernos Electrónicos de Filosofía del Derecho, núm. 2, marzo de 1999.

(9) En entrevista para o xornal catalán 'La Vanguardia', do 21 de xullo de 2000.

(10) "(...) temos que ampliar esta forma abstracta de solidariedade cidadá estatal alén das fronteiras do Estado nacional deica abranxer toda a Unión Europea, para que ao final os suecos se sintan responsábeis cos portugueses e os gregos cos dinamarqueses, do mesmo xeito que hoxe se senten responsábeis respeito aos seus próprios compatriotas". En entrevista para o xornal catalán 'La Vanguardia', do 21 de xullo de 2000.

(11) Esta configuración centralista ainda é maior despois do amago de golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981, que entre outras consecuéncias trae unha regresión hiper-centralista do futuro Estado das Autonomias. Ademais disto, a asunción do direitista Partido Popular do Governo do Estado non fai senón afondar na involución anti-soberanista do españolismo respeito das nacións galega, vasca e catalá.

(12) Tirado do artigo "Cuestión nacional y modelo de Estado... ¿español?", de Joxe Iriarte 'Bikila', no número 45 da revista española 'Viento Sur', xullo de 1999.

(13) Tirado do artigo "Exacerbación y reformulación del nacionalismo español", de Juan Trías Vejarano da revista española 'Viento Sur', número 57, de xuño de 2001. (A tradución para o galego deste artigo pode-se ver no sítio web da Confederación Intersindical Galega (CIG). A referéncia concreta é a que segue: www.galizacig.com/actualidade/200109/
vientosur_exacerbacion_nacionalismo_espanhol.htm
).

(14) Segundo unha información aparecida no xornal catalán 'Avui', do dia 18 de setembro de 2001, os socialistas cataláns acaban de elaborar unha proposta detallada para reformar tanto a Constitución española como o Estatuto catalán, proposta que ten como obxectivo un maior autogoverno para Catalunya e un articulación do Estado que siga un modelo federal asimétrico.

(15) Cumpre lembrar que a devandita Declaración de Mérida asinaro-na o presidente de Andalucia, Manuel Chaves, Castela-A Mancha, José Bono, e Estremadura, Juan Carlos Rodríguez Ibarra, o 6 de outubro de 1998 e viña a ser unha resposta ás propostas nacionalistas plasmadas na Declaración de Barcelona e no Pacto de Lizarra-Garazi.

(16) PSOE e PP artellaron esta campaña eleitoral na homologación dos seus dous proxectos cun único fin: derrotar o nacionalismo vasco. Autodenomiron-se a si próprios como os "constitucionalistas" e foron numerosas as veces en que, desde un e outro partido, se salientou que a opción de voto a PSOE e PP tiña a mesma validez.

(17) Entrevista no xornal español 'El País', do 30 de setembro de 2001.

(18) Nun artigo titulado "A propósito del 'problema español'. Naciones. Constitución y Autodeterminación", alguén tan pouco suspeitoso de nacionalismo como Jaime Pastor –procedente da esquerda alternativa e membro da dirección de Izquierda Unida (IU)– lembra os contidos deste articulado e engade: "Con isto estabelecia-se unha relación xerárquica entre identidades nacionais e negaba-se toda posibilidade de exercício do direito á autodeterminación e á independéncia". Publicado no número 42 da revista 'Viento Sur', febreiro de 1999.

(19) Algun intento disto desde as fileiras do socialiberalismo español pode ver-se en: Juan Carlos Velasco Arroyo: "Los contextos del patriotismo constitucional" no núm. 24 de 'Cuadernos de Alzate', ano 2001. (Os 'Cuadernos de Alzate' –que curiosamente levan a epígrafe de 'Revista vasca de la cultura y las ideas'– están editados pola Fundación Pablo Iglesias (vinculada ao PSOE), radicada na capital do Estado. A dirección da revista exerce-a J.J. Solozábal e segue unha liña de ataque aos diferentes nacionalismos emancipadores do Estado, nomeadamente ao nacionalismo vasco). Outra formulación desde postulados non direitistas en: José María Morales: "Patriotismo constitucional: sobre el significado de la lealtad política en el republicanismo", no núm. 20 de 'Isegoría (Revista de Filosofía Moral y Política)', maio de 1999.

(20) María San Gil é a primeira tenente alcalde do concello de Donostia, presidenta do PP de Gipúscoa e membro da Executiva nacional do PP. Pola sua parte, Josep Piqué é o actual Ministro de Exteriores e membro da Executiva nacional do PP; asi mesmo, foi director xeral de Indústria da Generalitat de Catalunya; no seu currículum oculto figura a sua militáncia xuvenil no comunista PSUC.

(21) Á pergunta dun xornalista "Que é para María San Gil o 'patriotismo constitucional'?", a presidenta do Partido Popular de Guipúscoa –como se dixo, co-reponsábel de desenvolver o relatório do PP relativo a esta matéria– dá a seguinte e abraiante resposta: "Non son unha experta en conceitos teóricos e a miña intención é achegar o ponto de vista dunha vasca non nacionalista que vive moi marcada por un governo nacionalista e que, mália isto, non ten nengun complexo en dicer que é española e que é vasca. Segundo a miña opinión, este é un relatório de sentimentos e de realidades e non de táctica política e trata-se de dicer como se sente un español no século XXI na España que ten e eu coido que está moi orgullo de o ser e que pode mirarlles aos ollos a outros europeos sen se avergoñar nada". Entrevista no xornal español 'Abc', do 12 de novembro de 2001.

(22) 'El País', 4 de novembro de 2001.

(23) Do devandito artigo están extractadas as liñas que se reproducen, de xeito literal, ao comezo deste.

(24) Para un achegamento ao pasado político de Fraga Iribarne, resulta de interese a leitura do libro 'Retrato de un fascista', da autoria do xornalista galego Gustavo Luca e publicado pola editora vasca "Kale Gorria" (1ª edición, outubro de 2001).

(25) As pasadas eleicións vascas, celebradas o 13 de maio de 2001, son a mellor mostra disto: os autodenominados "constitucionalistas" (PP e PSOE) arremetian contra todo o nacionalismo vasco por igual, independentemente do seu cuestionamento ou non da violéncia. Outra mostra pode-se ver no denominado "Acordo polas Liberdades e contra o terrorismo", asinado polo PP e o PSOE en decembro de 2000, e a campaña mediática argallada no seu redor co fin de cuestionar todo nacionalismo existente.

(26) Tirado do artigo "Contexto y coyuntura en el estado español", con data do 19 de novembro de 2001, do sítio web da Basque Red Net:
www.basque-red.net/cas/revol/gilo/cyc.htm.

(27) José Ignacio Lacasta-Zabala, catedrático de Filosofia do Direito da Universidade de Zaragoza, apostila: "No seo da intelectualidade española oposta aos nacionalismos periférico se produciu un retroceso cultural, un repregue conservador (...) Este renacido e nada orixinal orteguismo, máis consciente nuns e máis inconsciente noutros, pero produto da carraxe anti-separatista e da preguiza reflexixva, deu en aflorar estes últimos anos sob capa de nacionalismo español, ainda que de cuño –na aqui adoptada dirección habermasiana– ben pouco constitucional (...)". En "Tiempos difíciles para el 'patriotismo constitucional' español" ('Cuadernos Electrónicos de Filosofía del Derecho, núm. 2, marzo de 1999). (De Lacasta-Zabala a editorial galega Laiovento publicou recentemente o libro intitulado 'España uniforme', Santiago de Compostela, 2001).

* [N. do Autor: As traducións que aparecen no texto son miñas].

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/12/2001