Actualidade / Artigo A segunda volta do Forum Manuel Mera- O primeiro Forum, celebrado como este na cidade gaucha de Porto Alegre no Brasil, Obtivo un gran éxito tanto no número de participantes como pola presenza de persoas sobranceiras no eido internacional, como: Esther Ceceña, Samir Amin, Atilio Boron, Emir Sader, Ignacio Ramonet, Orlando Caputo, Marta Harnecker, Luís Fernández, Francois Houtart ... así como unha morea de dirixentes sindicais e sociais. Durante aquel primeiro evento pra alén das coincidencias na oposición á globalización e ao neoliberalismo económico, non existía unha soa postura ao respeito de cómo enfrontar o modelo imperante e que construír no seu lugar. As alternativas van dende as que apoian o “grupo Le Monde” buscando unha reforma que humanice o modelo, ate aquela pola que apostan multitude de organizacións máis combativas, que propoñen unha importante mudanza tanto nas formas como no contido. Porto Alegre é a capital de Río Grande do Sul, unha urbe que suma coas cidades satélites os tres millóns de persoas e que está governada por un prefeito (alcalde) do Partido do Traballo. Outro tanto acontece no estado, que raia con Uruguai e Arxentina. Sen dúbida Porto Alegre é unha cidade moi coñecida en todo mundo pola posta en practica dende fai unha década do chamado “Orzamento participativo”, que da á povoación unha maior presenza nas decisións e seguimento da xestión municipal. Este xeito de facer as cousas, coa presenza da maioría social, é unha das claves do éxito deste partido de esquerda. Entre as organizacións que van estar no 2º Forum Social Mundial haberá varias galegas, do campo do nacionalismo, que esperan tanto: dar a coñecer a nosa realidade social, cultural e política; como estreitar relacións con forzas equivalentes doutras nacións. Ao primeiro Forum só asistiu o sindicalismo nacionalista, polo que esta ampliación hai que considerala como moi positiva e un xeito de rachar co eurocentrismo que dende fai anos atinxe dun xeito abafante a toda a sociedade galega, algo preocupante se temos en conta o carácter periférico ao respeito de Europa e dependente do noso país. Do 31 de xaneiro ao 5 de febreiro en Porto Alegre, en brasileiro, que é como dicir a nosa propia lingua, o mundo que está emerxendo vai debater, pensar, albiscar un futuro pra todos, sen exclusións.
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/01/2002 |