Actualidade / Artigo Santiago, 25 de xaneiro de 2002 Informaron terxiversando as conclusións dun estudo sobre os escolares e o galego Os xornais galegos seguen a disparar contra o idioma próprio
No pasado ano 2000, arredor da comemoración do Dia das Letras, desenvolveu-se en Galiza unha intensa campaña para chamar a atención sobre a case nula utilización do idioma próprio por partes dos meios de comunicación galegos, nomeadamente os xornais, que apenas chegan a un 4% de emprego da língua do país nas suas páxinas. Iso, mália contaren con importantes subvencións, ano tras ano, para supostamente incrementar ese escasísimo uso, incremento que como resulta óbvio non se produce.
No manifesto difundido nesta campaña facia-se a denúncia de que "a escasa presenza do galego nos meios non se corresponde co nível de uso do noso idioma por parte da cidadania", o que resultaba un "dado preocupante que transmite unha realidade que en nada se corresponde coa vitalidade lingüística do noso país". Transcorridos case dous anos, a situación nen mudou nen parece que o vaia facer, e menos cando desde os poderes públicos de Galiza se está a actuar de consentidores da situación, con vistas a impedir calquer avanzo no proceso de normalización lingüística. Pero a cousa non acaba aí, non. Á parte de a case totalidade da prensa galega viver de costas ao idioma do país, tamén está a intervir decididamente en contra do galego, da nosa língua, literatura... en definitiva, do país. Estes días houbo un par de ocasións para o comprobar. Unha delas ten que ver coa leitura nesgada que se fixo dunhas declaracións do parlamentário nacionalista Francisco Rodríguez (catedrático de literatura, por certo) respeito da non inclusión de Cela dentro da literatura galega. Rodríguez foi acusado absolutamente de todo desde os meios –inclusive de "talibán", polo alcalde da Coruña, o "hooligan" Paco Vázquez–, por manifestar algo que a comunidade científica resolveu hai ben anos: Cela é literatura española como Ferrín é literatura galega ou como Lino Novás Calvo (nado tamén en Galiza) é literatura... cubana. Se se segue co razoamento, poderia a prensa galega denunciar que os planos de estudos das universidades non incluen o estudo da obra de Cela na carreira de Filoloxia Galega; nen sequer, a Universidade de Santiago de Compostela, da que este era doutor honoris causa... A segunda mostra de talante cipaio da nosa prensa viña dada o xoves 24 de xaneiro cando, ao se faceren eco dun estudo sobre o galego nos escolares, os xornais galegos –que recollian información de axéncia– facian unha leitura parcial das conclusións e informaban (!) de que co español os nosos nenos e nenas aprendian con máis rapidez que coa língua própria, o galego. Iso eran invariabelmente os titulares en todos eles. Eis unha mostra de tres xornais: 'Voz de Galicia': "Los alumnos aprenden más rápido cuando estudian en castellano que en gallego". 'La Región': "Un estudio entre escolares ourensanos concluye que en castellano aprenden antes". E 'El Correo Gallego': "Una tesis revela que los escolares procesan con más rapidez en castellano que en gallego". Só entrando no corpo da notícia a información collia o sentido que o autor do estudo lle quixo dar e situaba como causa principal do atraso no entendemento e procesamento de mensaxes por partes dos escolares galegos ás diferencias sócio-económicas. Quer dicer, os nenos e nenas galegos non é que aprendan máis rápido por estudaren en castelán, senón que os que teñen como língua materna o español son, xeralmente, os de condición social máis alta e de extracción máis urbana, e, portanto, estes escolares benefícian-se do que todo iso significa: mellores posibilidades económicas, maior nível cultural dos pais, escolas mellor dotadas, etc. Esta constatación xa aparecia nas conclusións do Mapa Sociolingüístico de Galiza, realizado hai uns anos polo extinto Seminário de Sociolingüística da Académia, e que daba a sinalar que o uso do galego é maior na xente de máis idade, de hábitat rural, nas clases socioeconómicas baixas e nas de menor nível de estudo.
De aí que o estudo ao que se facia referéncia nos meios galegos de xeito parcial e interesado –unha tese de doutoramento dun profesor da Universidade de Vigo–, acaba-se por ampliar a mostra de escolares a Zamora, co fin de ver o que acontecia nun contexto no que non aparezan duas línguas conflitos, senón só unha, e o resultado en boa lóxica foi o mesmo: o determinante que é o factor sócio-económico para os nenos e nenas adquiriren máis rapidamente os coñecimentos. Daquela, no caso galego –e cumpre insistir nisto–, o que acontece é a superposición dos factores socio-ecónomicos co factor da língua própria habitual: os escolares con pais con menor renda, que son os do rural, son que é teñen un aceso máis ralentizado aos coñecimentos (debido precisamente ao este status económico); e por outra banda, a grande bolsa de falantes habituais do noso idioma (dos 2/3 de galegos e galegas que confesan te-lo como língua habitual) situa-se entre as clases populares e as zonas máis rurais. Agora ben, partindo disto, é abraiante concluir –como interesadamente se fai desde a prensa galega– que o español posibilita un máis rápido procesamento dos coñecimentos que o galego. A única conclusión posíbel é a marxinación que está a padecer o rural galego, mesmo nalgo tan básico como o exercício do direito a un ensino de calidade. Disparar asi contra a língua do país é un acto xenófobo cando se realiza por parte de xente non galega; cando quen o fai é xente do país só cabe concluir que se trata de persoas mancadas polo estigma do complexo e o auto-ódio. Sen uns meios de comunicación realmente próprios, a solución a isto parece estar ben difícil. O Milladoiro (Ames), 24 de xaneiro de 2002. Dia de San Francisco de Sales, patrono dos xornalistas
Rafa Villar é escritor e responsábel técnico de Normalización Lingüística da CIG.
|