Actualidade Volver


Santiago, 5 de febreiro de 2002

A Consellaria de Educación debe proibir as antenas de telefonia móbil a carón dos centros de ensino
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



A Consellaria de educación debe proibir a colocación de antenas de telefonia móbil a carón dos centros de ensino ademais de facer un estudo que analice a repercusión negativa na saude de ditas antenas e o posíbel incumprimento da normativa.

Sabemos que calquer tipo de radiación resulta perigosa en función da intensidade e mais do tempo que estexamos sometidos a ela. Polo tanto, resulta evidente, que non deberian emprazar-se as antenas de telefonia móbil á beira dos centros de ensino. A comunidade escolar ocupa os mesmos lugares durante cinco ou seis horas diárias.

Non debemos esquecer que estamos diante dun negócio multimillonário e que, polo tanto, as multinacionais non están interesadas en que a opinión pública se mobilice ante esta situación xa que isto traduciria-se nunha redución dos benefícios. Lembremos que as primeiras antenas de telefonia montaban-se en torretas mecánicas nas aforas dos núcleos habitados, pero para abaratar custos as compañias de telefonia empezaron a usar os lousados dos edifícios, aforrando desta forma vários metros de estrutura e un tendido eléctrico.

Resulta significativo que as numerosas investigacións feitas acheguen diferentes resultados, o que leva a alguns expertos a propor límites de exposición moi dispares dependendo destes.

Tendo en conta isto, caberia preguntar-se a razón de que o Governo Galego (e polo tanto a Consellaria de Educación) non aplique o Princípio de Precaución -incluído no Tratado da Comunidade Europea- e que ten carácter vinculante para os Estados membros estabelecendo que en caso de dúbida da inocuidade dun proceso, deben evitar-se os riscos. Como se sabe xa son vários os casos de centros de ensino onde está a xurdir a polémica pola proximidade de antenas (Ordes, Fornelos, Pontevedra...) Esta polémica tivo a sua orixe no coñecido suceso de Valladolid onde se deu a coincidéncia entre vários casos de cancro infantil e a presenza de antenas de telefonia nos centros de ensino dos afectados.

A CIG- Ensino considera irresponsábel a postura da Consellaria xa que, a aplicación do Princípio de Precaución antes citado debe ser activa, sen agardar á obtención de resultados definitivos, cando existan indícios de risco sobre a saúde.

Unha vez máis a Consellaria mostra a sua falta de previsión e eficácia por non ter elaborado un estudo para coñecer a distáncia están ubicadas as antenas de telefonia dos Centros escolares, pero tamén porque non procura nin propícia a elaboración dunha normativa própria que garanta a auséncia de risco nos Centros de Ensino. Que intereses son prioritários para a Consellaria de Educación, os das multinacionais ou os da Comunidade Educativa?

Tendo en conta a preocupación que este tema está suscitando na Galiza e os indícios de risco consideramos urxente que a Consellaria de Educación encargue un estudo a respeito da telefonia móbil que asegure o cumprimento da Normativa Europea e que tome as medidas oportunas para retirar aquelas antenas que non cumpran co regulamento estabelecido.


Compostela, 4 de debreiro de 2002.

Anxo Louzao Rodríguez, eecretário nacional da CIG-Ensino.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/02/2002