Actualidade Volver
Santiago, 12 de febreiro de 2002

Abafante presenza policial na capital de Galiza
Compostela, cidade tomada
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Vista aérea de Santiago
Os acesos á cidade vella e á zona monumental van ser totalmente restrinxidos e non vai estar garantido o direito do povo compostelán á libre circulación e nen moito menos ao uso e desfrute da sua cidade.
  
A realización para os dias 13, 14 e 15 de febreiro do cúmio de Ministros de Interior e Xustiza da Unión Europea está a provocar o despregue na cidade de Santiago de Compostela dunha desorbitada mobilización de efectivos policiais (4.000 segundo a información que se fixo pública –1.000 deles de paisano–).

Alén diso, pretende-se pouco menos que facer da capital galega unha fortaleza, na que non vai estar garantido o direito do povo compostelán á libre circulación e nen moito menos ao uso e desfrute da sua cidade; igualmente, este direito tamén non vai poder ser exercido polos numerosos visitantes que diariamente se achegan a Compostela.

Os acesos á cidade vella e á zona monumental van ser totalmente restrinxidos, nen se van poder estacionar automóbeis nas zonas habituais próximas do casco vello. Mesmo os traballadores e traballadoras do universitário Pazo de San Xerome van ter unhas pequenas "vacacións" por cortesia das forzas da orde.

Xa durante os dias prévios a esta semana se estiveron a realizar por parte das forzas policiais visitas polas casas de militantes e activistas, controis masivos de veículos e unha chea de operacións (helicópteros sobrevoando Compostela...) destinadas a estabelecer un auténtico estado policial na capital galega.

De "paranoico" foi cualificado este desmedido despregue policial polas organizacións convocantes da manifestación que vai ter lugar o vindeiro xoves, 14 de febreiro (CIG, BNG, SLG, CAF, CAE e Galiza Nova), a que previsibelmente vai concentrar maior número de persoas das várias que están previstas, en demanda dunha Europa social, solidária e dos povos, fronte á Europa dos mercadores que é a actual Unión Europea, coa sua moeda única, o euro, como logro ainda nen sequer asumido por todos os países que a conforman.

Mais, tristemente, aqui non acaba todo, senón que comeza, xa que a finalidade deste cúmio de Ministros de Xustiza e Interior da UE non é outra que avanzar en medidas regresivas respeito das liberdades individuais e colectivas dos cidadáns e cidadás dos países da UE, entre as cais cumpre salientar a denominada "euro-orde" (a orde europea de detención e entrega), tal como está a denunciar un manifesto que acaban de facer público unha trintena de persoas que actuan en diferentes ámbitos da sociedade galega, como Isaac Diaz Pardo, Manuel María, Marcial Gondar, Ramón Lôpez-Suevos, Roberto Vidal Bolaño, Xosé Luís Barreiro ou Xusto Beramendi.
 

 
 

  De que teñen medo os señores ministros da UE?
 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística





Compostela, segunda semana de febreiro de 2002. Vaise celebrar unha reunión ao máis alto nivel de Ministros de Xustiza e Interior dos países que conforman a UE.

Unha de cada 25 persoas na cidade é... policía.

De que teñen medo os señores ministros da UE? O pobo galego non enviou os seus avións de guerra contra pobo ningún. O pobo galego non lle dita políticas económicas e sociais a ningún outro país. O pobo galego non deseña unha Europa que só cre nos mercados e non nos pobos e os individuos.

Daquela, de que teñen medo os señores ministros? Eles, que representan os intereses dunha minoría social, que paradoxalmente é maioría en poder (económico, político, cultural...). Eles, que envían os seus avións de guerra contra pobos e cidades indefensas, como o fixeron contra Belgrado. Eles, que ditan políticas neoliberais que deixan a un terzo da humanidade na máis absoluta miseria e exclusión. Eles, que deseñan políticas que condenan o agro e pesca galegos ao seu total esmorecemento.

De que poden ter medo? Só de si propios.



O Milladoiro (Ames), 12 de febreiro de 2002.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/02/2002