Actualidade Volver


Santiago, 26 de febreiro de 2002

Entrevista a Ana Lois, delegada da CIG no Concello de Dozón
“Esta é unha guerra de resisténcia na que a CIG e os traballadores vencerán”

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Ana Lois, delegada da CIG no Concello de Dozón: “Hai unha bulra total ás decisións xudiciais por parte do alcalde. Cada vez que gañamos un proceso, o alcalde o executa de mala gana e toma outra decisión imediatamente que anula de feito a sentenza anterior. Eso nos obriga a recurrir esta nova decisión”.
 
Despois de tres anos de loita e vinte sentenzas xudiciais a favor dos traballadores, o conflito de Dozón está enquistado ante as bulras do alcalde ás decisións xudiciais e a vista gorda do sistema de xustiza ante os abusos reiterados da autoridade municipal.


-¿Cal é situación da loita polos dereitos sindicais e Humanos no Concello de Dozón?

-Neste momento temos vinte sentenzas xudiciais gañadas, tanto no administrativo, como no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, como en Primeira Instancia de Instrucción, na Audiencia Provincial, pero a situación está enquistada. Vai para tres anos xa que estamos con este conflito laboral en Dozón e, a pesar das sentezas a favor dos traballadores, o porteiro segue sen facer a sua función alí, as condicións de traballo son penosas sobre todo neste inverno. O porteiro está nunha silla vella, rexeitada nun coléxio porque non valía, cunha mesa igoal. O máis recente foi que hai duas semanas o alcalde lle taponou os buratos do enchufe para que non poida conectar o radiador que él mesmo leva da sua casa, e tamén lle quitou as bombillas, en fin, que home está morrendo co frío desde as oito menos cuarto da mañán até as tres da tarde.

Na mesma situación estou eu. Non estou nas oficinas xerais do concello, que é donde tiña que estar para desempeñar o meu traballo como funcionária. Estou nun cuartucho que ten simplesmente unha bombilla, me quitaron o ordenador, me quitaron a máquina eléctrica que puxeron cando quitaron o ordenador, cousa lóxica xa que hai tres meses me quitaron a fase de corriente, de tal xeito de que no burato donde estou non hai posibilidade de enchufar nada, nen rádio, nen radiador, nen nada. Non se me da nengún traballo desde hai un ano e pico. Estou sen teléfono. Se me chaman tampouco me pasan as chamadas e teño proibida de feito a entrada nas oficinas do concello, incumprindo a lexislación, xa que eu son a delegada de persoal funcionário do concello e a lei di que os delegados de persoal temos dereito a acceder ás dependéncias. En resumo, a atitude de acoso e derruba segue-se a manter por parte do alcalde.

-¿Por qué non se executan as sentenzas favorábeis aos traballadores?

-Hai unha bulra total ás decisións xudiciais por parte do alcalde. Cada vez que gañamos un proceso, o alcalde o executa de mala gana e toma outra decisión imediatamente que anula de feito a sentenza anterior. Eso nos obriga a recurrir esta nova decisión. O alcalde ordena cada vez novos actos administrativos o que nos obriga a estar permanentemente recurrindo as suas decisións. Entón, gañas un acto, si, pero cria outro e así estamos a tal ponto que xa levamos 20 sentenzas.

-¿Qué fai o sistema xudicial ante este fraude permanente?

-O sistema xudicial non fai nada. Nós solicitamos a execución forzosa das sentenzas, o xulgado saca un auto decindo que hai que executar, o concello volve a recurrir ás voltas legais, deixa pasar o tempo, e o alcalde pasa de todo. Ao final os xuíces din que non ven mala fe, non lle meten multa, e así estamos.

-¿E pola via penal?

Pola via penal houbo xa duas sentenzas. Una delas era un bando inxurioso do alcalde contra os funcionários. Gañase o tema, multa e orde de publicación doutro bando en desagrávio dos funcionários, o alcalde paga a multa pero non se publica o bando por outra interpretación legal. Os xuíces son blandos co alcalde e coa Comisión de Governo.

-¿Quen paga esas multas?

As sentenzas penais son pagadas pola persoa e no administrativo ten que pagar o concello. A estas alturas este conflito lle ten costado ao concello un montón de millóns de pesetas, pero non sabemos canto debido a opacidade das contas do alcalde. Sabemos que as multas se pagaron, incluindo as costas nalgúns casos, máis o gasto de abogados, etc.

Esta é unha guerra de resisténcia, na que vamos a esgotar todas as vias a que haxa lugar e seguiremos loitando contra os atropelos do alcalde de Dozón.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/02/2002