Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 12 de febreiro de 2002

Arxentina, a “cacerola” como símbolo da xustiza
 

Manuel Mera-

cig.form-sindical@galizacig.com



 Clic para aumentar
Clic para aumentar
Na cacerolada habia xente maior e moza, homes e mulleres, profisionais (avogados e mesmo algun xuiz) e desempregados..., enfin, habia de todo!
 
Un dirixente da Federación Judicial Argentina na provincia de Bos Aires e amigo, Victor Mendivil, convidou-me a un “cacerolazo” que se realizaba fronte aos Tribunais para exixir a renúncia dos membros da Corte Suprema aos que acusan de corruptos. Por suposto, asistin. Ao chegarmos, xa estaban concentradas máis de 1.000 persoas, cunha pontualidade que abraia nun país onde todo se fai meia hora máis tarde, como moi cedo.

En poucos minutos eran perto de 5.000 persoas, que con todo tipo de obxectos contribuían coa sua protesta sonora á concentración. Dician-me que houbera un chisco menos de xente que na última mobilización, que se fai todos os xoves ao serán. Despois de hora e meia diante do edificio dos Tribunais (Xulgados), que por suposto tiñan as súas altas e grosas portas pechas, os concentrados dirixiron-se en manifestación deica o Congreso, que está a uns mil metros aproximadamente, precedidos por un coche cunha megafonia e unha furgoneta funerária simbolizando –supoño- o enterro dos maxistrados da Corte.

Sobre o descrédito da Corte Suprema di Salvador M. Lozada no xornal 'El Diplo' que esta institución é funcional ao inxusto e fracasado réxime que impera dende a ditadura militar de 1976. Asegura no artigo que “o Tribunal Supremo é perfeitamente funcional ao unipartidismo real con fachada de bipartidismo formal” (Xusticialismo e Partido Radical). “Foi e é unha Corte do Poder”, pon como exemplo a sentenza do 22 de xuño de 1987 a respeito da Lei de Obediéncia Debida, que exculpaba os xenocidas, ou a máis recente exculpación do ex-presidente Menem do tráfico de armas.

Na cacerolada habia xente maior e moza, homes e mulleres, profisionais (avogados e mesmo algun xuiz) e desempregados..., enfin, habia de todo! Tamén estaban alí as “Nais de Praza de Maio”, liña fundadora, e outras mulleres cuns cartaces pendurados do pescozo ou portando piruletas nas que denunciaban sentenzas inxustas ou causas nunca resoltas ou arquivadas en circunstáncias estrañas. Axiña chegaron os traballadores da Asociación de Persoal Aeronáutico (APA) cunha pancarta na que lembraban a sentenza inxusta que ditara a Corte no caso de Aerolíneas en 1990... Dalgun xeito a presenza de persoas e grupos exixindo responsabilidades á xustiza por atitudes neglixentes ou inxustas, tanto en matéria de direitos humanos como de temas laborais ou de defensa do património público, amosa até onde chegou o descrédito entre o povo das institucións na Arxentina.


 Clic para aumentar
Habia na protesta, convocada por avogados laboralistas e traballadores xudiciais, unha manchea de pancartas de distintas asembleas de veciños que se achegaron até a concentración.
 
Obxectivos estratéxicos

Na concentración e posterior manifestación habia todo tipo de instrumentos sonoros, dende aquelas persoas que batian unha culler contra unha lata, até as que petaban unha tapa contra un cazo, ou as que sinxelamente batian as mans ou dous paus. Non faltaban –imposíbel na Arxentina!– os bombos que marcaban o ritmo das consignas que, nen por un só intre, se deixaron de berrar cunha forza e teimosia dignas de admiración. As consignas que máis se escoitaron eran pedindo a demisión dos membros da Corte Suprema, mais tamén exixindo unha mudanza política e social no país. Nesta cacerolada, como noutras realizadas nas últimas semana, reflectia-se que xa non se trata só de acadar solucións pontuais (remendos) senón de rematar coa dependencia da nación, a falta de traballo e o empobrecimento das clases populares. Unha das consignas que se berraba procuraba a unidade, unha fronte social máis ampla; era a que facia referéncia a que a cacerolada e os piquetes son unha mesma loita; e amosaba plenamente o sentir dos concentrados e a necesidade prática de unir os desocupados, traballadores e clases médias nesta loita.

Tamén habia na protesta, convocada por avogados laboralistas e traballadores xudiciais, unha manchea de pancartas de distintas asembleas de veciños que se achegaron até a concentración. A maioria representaban asembleas populares da cidade de Bos Aires, como as de Parque Lezama, ou de Caballito Parque Rivadavia, ou Belgrano Nuñez..., mais tamén algunha reivindicaba o protagonismo das áreas suburbanas, que pertencen administrativamente á província de Bos Aires, como a de “Ramos Mejia”. Ainda tratando-se de presenzas simbólicas das asembleas de viciños ten unha importancia moi grande, xa que indica que se está tecendo na mobilización cotiá unha relación entre bairros, organizacións sociais, e estruturas de base sectoriais ou profisionais.

Ainda que resulte surprendente, non se atopaba unha soa pancarta dos partidos políticos. Hai en todas as caceroladas e asembleas un rexeitamento total á presenza dos partidos. Argumentaba-me Ariel Basteiro, dirixente de APA, neto de galegos e deputado do ARI (el milita no Partido Socialista Democrático), que esta era unha situación producida polo descrédito dos partidos que governaron os últimos anos o país, e que desta destrución do vello estaba nacendo unha nova nación. Partidos que, por certo, sempre venderon programas de esquerda ou progresistas, ateigados de consignas anti-imperialistas, e terminaron deixando en mans de empresas estranxeiras os sectores estratéxicos de produción e os servizos. Partidos que aplicaron ao pé da letra os ditados das institucións internacionais, como o FMI e Banco Mundial, desmantelaron os servizos públicos básicos e sistemas de protección social, e desregularon o mercado laboral.


Participación directa

Podemos dicer, evitando as posturas tanto demasiado optimistas como pesimistas, que as asembleas de viciños non son os soviets da Rúsia pre-revolucionaria, pero si organismos de participación directa do povo, nos que moitos cidadáns van apañar as suas primeiras leicións de política, de compresión da importáncia do poder e de como se constrúe unha alternativa popular. Son un avanzo organizativo importante do povo, que se poden manter no tempo e mesmo ser unha estructura de base a ter en conta polos governos e o poder económico. A súa construción e potenciación deberá ser polo tanto unha tarefa fundamental das organizacións populares, para o cal a fixación de obxectivos e campañas de loita e mobilización son esenciais.

Este proceso encetou, ou cando menos colleu pulo, coa cacerolada do 19 de decembro contra o estado de sítio imposto polo ex-presidente De La Rúa. Esta foi a porta que abriu un marco a este tipo de protagonismo dos de “abaixo”, pero ademais significou deixar atrás os medos que xerou a ditadura co xenocídio de 30.000 militantes e activistas, milleiros de torturados e perseguidos. O dia 19 de decembro, ainda que dende sectores do xusticialismo se planificasen accións para tumbar o radicalismo, na prática abriron-se as portas a unha enxurrada reivindicativa contra un sistema corrupto e entregado a intereses foráneos. Non é casual que moitos dirixentes dos movimentos sociais e analistas entendan que esta foi a data na que rematou unha xeira que principiou coa ditadura, que este é o dia no que comezou a emerxer unha nova Arxentina, que se vai construir no dia a dia non sen avanzos e recuares. Acerca destes temas dician-me Víctor De Gennaro (secretário xeral da Central de Traballadores Arxentinos) e Claudio Lozano (da executiva do mesmo sindicato e economista) que do que se trata é: de arredor das reivindicacións da xente, deste pulo da organización do povo, construir unha alternativa ampla de poder popular con obxectivos concretos para esta etapa, sen ignorar a correlación de forzas interna e externa, e evitando cair no eleitoralismo ou no ultra-esquerdismo.

Ninguén pode negar hoxe que o povo arxentino está nas ruas acotio opondo-se á globalización e o neoliberalismo, que se está a dotar de formas organizativas democráticas collendo o protagonismo político que lle foi roubado hai décadas pola ditadura e as burocrácias, as máfias e o caciquismo. Neste senso a asemblea de veciños e a cacerolada son tanto o seu xeito de organizar-se como a súa “arma” máis emblemática. A cacerola representa tanto a pobreza (non ter que comer) como a resposta sonora e desafiante contra os poderosos. Se cadra algun dia este sexa o símbolo da democrácia, a liberdade e a xustiza, como tamén o foi antes a ferramenta de traballo dos labregos máis pobres, a fouce, para o movimento agrário en Galiza.


Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Migración da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/02/2002