Actualidade / Artigo Motivos pra preocuparse Manuel Mera- O medre do desemprego en Galiza, malia o aumento do PIB e as altas taxas de gañancias das empresas, reflicte que non sempre os bos dados macroeconómicos se corresponden coa realidade social e laboral existente. Concretamente nos últimos cinco meses o paro rexistrado cresceu en ¡24.876 persoas!, atinxindo os 144.687 desempregados. Se sumamos a esto, a existencia dun 63% de temporalidade nos menores de 30 anos, un 60% das familias que non aforra ren durante o ano, e un 22% das persoas que están por debaixo do nivel de pobreza, os dados amosan unha realidade dual e na que o medre da economía non reflicte máis que parcialmente a situación do país. Mais, sen lugar a dúbidas, o feito que millor fotografía este medre da desigualdade e da contestación social existente ¡é que os ministros da Unión Europea se teñan que xuntar protexidos por máis de 2.000 policías! (algunhas fontes falan de 4.000), nunha cidade pequena como Santiago de Compostela e nun país como Galiza, no que non é de esperar ningún tipo de acto violento. Todo indica, que son uns meios policiais que non procuran evitar atentados terroristas, contra os que son máis efectivos os “servizos de intelixencia e grupos reducidos de ación rápida”. Non, o que se fixo foi ocupar a cidade, coa evidente intención de desanimar calquer protesta, ou que só participaran nas mobilizacións aqueles sectores máis politizados. Evidentemente acadaron este obxectivo só en parte, xa que aínda así foron miles as persoas que se manifestaron por unha Europa máis social, solidaria e que teña como alicerce a todos os povos que abrangue no seu territorio. Cando os governantes se teñen que protexer con miles de policías, cada vez que realizan unha reunión, amosan a súa debilidade así como a falta de consenso popular ás políticas que desenvolven, por máis que despois escenifiquen fotos de familia, xuntanzas cos governos locais ou sexan gabados polos sectores beneficiados polas medidas que toman. Esto foi o que pasou estes días en Compostela, mais que se repite cada vez que se reúnen os organismos da Unión Europea, do Banco Mundial da OMC, etc. nos últimos anos. Na capital de Galiza ademais, da triste escenificación do afastamento que existe entre os governantes da Unión e o povo, temos que sumar a detención de varias persoas sen motivos xustificados, a denuncia de que foron mallados, e os prexuizos que o cumio trouxo pra os comercios e os cidadáns do casco histórico. Son síntomas de autoritarismo. Polo que, se un pensa como se implantou a LOU, como se quer rebaixar as competencias autonómicas, ou como se pretende impor unha nova flexibilización laboral, sobran motivos pra preocuparse ¿non si?
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/02/2002 |