Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 8 de febreiro de 2002

A crise arxentina ao borde do caos total
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



O xurdimento dun sério conflito de poderes de marcada raíz política coloca hoxe a Argentina mais perto que nunca do caos institucional en meio da severa crise política, económica, financeira e social que atravesa.

Cando todo indicaba que o governo completaba un plano económico como eixo central da sua estratéxia para lograr asistencia exterior e se dispoñía a unha flexibilización das restriccións aos depósitos bancários, un fallo da Corte Suprema botou todo pola borda e tensou a situación a extremos altamente perigosos.

O máximo tribunal declarou inconstitucional o chamado "corralito" financeiro, é dicer, os controles que manteñen imobilizados parcialmente os fondos dos aforristas nos bancos.

O ditamen produciu-se precisamente o dia en que o presidente arxentino, Eduardo Duhalde, cumpría un mes no cargo e xusto antes dunha comparecencia na cal o mandatário tiña previsto informar sobre o seu proxecto de reforma política no país.

Duhalde non ocultou a sua surpresa ante o brusco movimento da Corte, cualificou de moi grave o fallo, o cal -destacou- se produciu "casualmente" 48 horas despois de que o Congreso Nacional decidiu iniciar-lle xuízo político aos ministros do máximo tribunal.

Os comentários da opinión pública susteñen que a manobra dos maxistrados constitui un verdadeiro golpe institucional, "un manotazo de afogado duns xuices vingando-se das cacerolas e do xuízo político".

Versións divulgadas pola prensa arxentina susteñen que o fallo xudicial "é o ponto de partida para un plano auspiciado por dous ou tres bancos estranxeiros que buscan a liberación do corralito e a caída en cadea da maoría dos outros bancos".

Así, os poucos que sobrevivan, reforzados con dólares aportados polas suas casas matrices, absorberían ao resto e o resuldado sería a profundación da crise e unha nova concentración do sistema financeiro. Por suposto, as análises apontan aos grandes bancos españois que ameazaron recentemente a Duhalde con retirarse do país nun intento por condicionar as políticas económicas do governo.

Como figura politica dirixinte detrás desa presunta estratéxia se menciona ao ex presidente Menem, inimigo declarado do actual governante e defensor a ultranza da dolarización en Arxentina. O pantasma do golpe de estado volve a rondar pola sociedade arxentina, xa que a manobra do menemismo paralisa ao governo e leva ao caos institucional.

Duhalde dicía: "importa-me un comino que se caia un banco ou dous. O que me importa é cuidar os aforros da xente" e recordou que en moitos países, cando os bancos non poden pagar, deben ser liquidados, e "os que cobran soen ser os advogados e uns poucos acomodados".

Para os observadores, son moi reducidas as alternativas do governo nesta situación e o único camiño que semella transitábel é o da política, o cal parte do xa proposto xuízo político contra os membros do máximo tribunal, quen, en conxunto, son branco de 28 solicitudes de remoción.

Se se inicia ese proceso, os ministros da Corte deben ser supendidos das suas funcións e suplantados, até a sanción definitiva, polos chamados conxuíces, quen poden variar o ditamen de inconstitucionalidade do corralito.

Nese sentido, Sergio Acevedo, presidente da Comision de Xuízo Político da Cámara de Deputados, a mesma encarregada do eventual procesamento dos maxistrados, declarou que "o fallo constitui un acto de absoluta irresponsabilidade".

"Os maxistrados que o avalaron non buscan outra cousa que arrastrar aos tres poderes do Estado, afondar a crise política e social que vive o país e levá-la até as últimas consecuencias", opinou.

Para Acevedo, "esta Corte non se caracteriza polo seu apego ao direito nen á defensa das garantías constitucionais... Xamais tivo un compromiso democrático, nen coa xente nen coa história".
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/02/2002