Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 1 de febreiro de 2002

A hora da emigración
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Foi a traxédia arxentina a que puxo no centro do debate social o problema da emigración galega. Na etapa anterior foi a crecente importancia eleitoral do voto emigrante a que colocou o tema no debate político. Unha e outra razón obrigan á definición urxente de políticas de longo alcance para abordar esta asinatura pendente da sociedade galega.

O diagnóstico sobre a situación pola que atravesan unha boa parte dos emigrantes galegos en América está feito. Nas gavetas do Parlamento de Galiza repousa un informe elaborado ao longo dos anos 2000 e 2001 por unha comisión especial criada para coñecer polo miúdo a realidade da emigración. Ainda que os distintos grupos políticos non puderon pór-se dacordo na redacción final do informe -debido á iminéncia das eleicións autonómicas e a interferéncia de factores electorais- o documento recollía xa a urxéncia da situación e un conxunto de suxestións de curto e meio prazo.

O estalo da traxédia argentina puxo en evidéncia a caréncia de políticas globais para abordar o problema da emigración galega. Se ben é plausíbel a atitude solidéria da recén criada Consellería de Emigración co envío de medicamentos, ao igual que as medidas tomadas por algúns concellos de facer envíos de diñeiro a través da FEGAMP ou as accións solidárias tomadas por algunhas organizacións de emigrantes retornados, non pasan de ser paliativos de curto prazo. Por suposto, era necesária esta solidariedade de urxéncia, pero a magnitude do problema obriga a plantexarse cunha ampla visión o problema da emigración galega.

Un problema tan complexo, con tantas aristas e que afecta a tantos ámbitos da intervención institucional, ás organizacións políticas galegas e á mesma sociedade, obriga á definición conxunta de políticas públicas. Atrevemo-nos a suxerir que o problema da emigración poderia ser un tema estrela para incluir no recén criado clima de diálogo institucional que impulsou o Presidente Fraga e que foi ben recebido pola oposición no Parlamento de Galiza. Pero hai algunhas medidas que competen directamente ao Estado español.

O espírito deste escrito é o de pór sobre a mesa algunhas propostas. A primeira consiste na potenciación imediata, via urxéncia parlamentar, das partidas que hoxe xa existen para atender aos emigrantes galegos e españois no exterior. Foi ésta unha solicitude reiterada e unánime dos Conselleiros Xerais da Emigración que se reúnen periodicamente en Madrid. Referemo-nos aos programas 1, 2 e 3 da Dirección Xeral de Ordenación das Migracións do Ministério de Traballo e Asuntos Sociais. Estes programas dirixen-se á axuda asistencial ordinária para emigrantes residentes en Iberoamérica (Programa 1); axudas asistenciais extraordinárias para emigrantes e retornados (Programa 2); e axudas para a cobertura de asistencia sanitária a emigrantes españois residentes no exterior (Programa 3).

Eses programas xa existen e contan con un amplo consenso no Congreso dos Deputados. Pero as dotacións de que dispoñen están esgotadas e impeden atender a emerxéncia criada en Arxentina e as que se aveciñan no futuro (Venezuela, por exemplo). Duplicar ou triplicar as partidas respectivas permitiría dispór de recursos financeiros para atender a emerxéncia sociosanitária actual.

A segunda proposta dirixe-se cara a elaboración de políticas de retorno coa dotación orzamentária axeitada. Hai tamén nesta matéria un conxunto de programas do Ministério do Traballo e Asuntos Sociais referidos a subvencións para retornados, pensións por ancianidade, políticas de reinserción e emprego, etc. As distintas partidas deberian ser tamén potenciadas con urxéncia e para iso só fai falta a boa disposición do governo central e dos representantes políticos.

A terceira proposta dirixe-se a fortalecer a capacidade técnica do dispositivo consular do estado español no exterior. A prensa galega reseñou amplamente as longas colas que se producen nos distintos consulados españois de cidadáns que demandan información ou que introducen trámites de obtención de pasaportes, recuperación de nacionalidade, solicitude de pensións ou tramitación de retorno. A estrutura técnica de moitos consulados está amplamente desbordada, xa que fronte á multiplicación da demanda de servizos consulares se mantén a mesma estrutura de persoal e oficinas de etapas anteriores. Ademais, continuamente recebemos queixas de que o tratamento de moitos funcionários consulares cara os cidadáns españois que demandan servizos non é o mais axeitado nen respetuoso. É urxente o envío de máis persoal consular e criación de oficinas técnicas de apoio para lle dar saída a esta crecente demanda de servizos, xa que se detectou un retorno masivo e desordenado de cidadáns españois que se veñen co posto e trasladan a demanda de servizos ás instituizóns locais, as que pronto se verán tamén desbordadas.

No que toca ás institucións de Galiza, suxerimos que se abra un amplo debate sobre o tema da emigración galega. Tanto o Parlamento como a Consellería de Emigración teñen que xogar un papel chante na articulación do mesmo. No marco do Estatuto de Autonomía de Galiza poden-se decidir moitas políticas e arbitrar mecanismos para comezar a solucionar o problema. A emigración galega constitui un recurso do país e eses galegos teñen direito a que as institucións autonómicas respondan debidamente ás demandas de políticas asistenciais e de retorno, como fixeron no seu momento outros países como Italia, Irlanda, Portugal e Israel. Para mostra un botón: amparado nun instrumento legal coñecido como Lei do Retorno, o estado de Israel acaba de repatriar a 3.000 xudeos arxentinos, que receberán unha asignación de 4.000 dólares por persoa, subsídios como retornados, prioridade na procura de emprego, asignación de vivenda, asisténcia sanitária e educación.

Un bo exemplo a tomar en consideración.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/02/2002