Actualidade / Artigo Santiago, 22 de febreiro de 2002 Apresenta-se a segunda edición do Atlas das Línguas en Perigo de Desaparición O galego, unha das 3.000 línguas do mundo ameazadas, segundo a Unesco
Tantos anos de política asimilacionista por parte das elites de poder españolas xeraron unhas atitudes e comportamentos lingüísticos no povo galego de desleixo cara ao idioma. A sua transmisión xeración tras xeración está a ver-se crebada, ante o ollar aloulado duns poderes públicos galegos que nen son quen de garantir que se cumpran as cativas previsións legais de protección do galego no ensino.
"Os Estados non se están a extinguir, senón que uns poucos Estados capitalistas están destruindo as culturas e as línguas da maioria dos Estados empobrecidos, e sobretodo das nacións oprimidas e sen Estado próprio" (I. Gil de San Vicente).
| |  | | No último século deu-se un importante recuar do galego como idioma de uso normal no país, na medida en que as estruturas do Estado se fixeron máis fortes (os corenta anos de franquismo son o maior expoñente disto) e o galego nen está presente cando se xeneraliza o ensino obrigatório nen cando irrompen os meios de comunicación de masas, ademais de estar alleo nos intercámbios económicos e na vida pública de xeito non traumático, até hai apenas un par de décadas. | | | Este 21 de febreiro, coincidindo co Dia Internacional da Língua Materna, a Unesco vai apresentar publicamente en Paris a segunda edición do Atlas das Línguas en Perigo de Desaparición, que vén anovar os dados dunha primeira edición de 1996. Os redactores do dito Atlas situan en 3.000 –das perto de 6.000 existentes– as línguas que, por unha ou outra razón, ven ameazada a sua pervivéncia neste limiar de século. Desas 3.000, meio cento son línguas con presenza en Europa.No que atinxe ao Estado español, o estudo considera que o aranés (ocitano falado no val de Arán), aragonés e asturiano corren bastante perigo de desaparecer e que tanto o galego como o vasco (que tamén se fala en território xurisdicional do Estado francés) están en perigo, fronte á posición da língua catalá que está a ser progresivamente reforzada (non acontece asi fóra do Principat e, senón, vexa-se a situación nas Illes Balears e no País Valenciá). Entre outras consideracións, nos avanzos que se coñecen do Atlas sinala-se que o risco de desaparición dunha língua non depende tanto dos falantes que teña e si máis do contacto con outra máis agresiva e economicamente máis poderosa, razón que explica bastante ben e de xeito sintético a situación do idioma galego, que ainda sendo o idioma maioritário da povoación do país está a ver-se minorizado pola presión e imposición histórica do español. Este proceso de minorización do galego –que tecnicamente se dá en chamar de "substitución lingüística"– non é nen moito menos irreversíbel, senón que cunha política e planificación lingüísticas que teñan como obxectivo a necesária hexemonia do galego (a sua completa normalización de usos) o noso idioma terá máis que garantida a sua supervivéncia. Obviamente, a razón principal da situación actual do galego é a sua falta de "Estado próprio", xa que o seu submetimento ao Reino de Castela –co conseguinte substitución das elites galegas polas foráneas xa desde a Idade Média– significou tamén ter que suportar a agresiva política imperial española, expansionista e uniformizadora en todos os eidos e por suposto tamén no lingüístico. Durante os últimos cinco séculos, Galiza padeceu esta política asimilacionista e, mália iso, o idioma seguiu o seu curso como língua veicular de comunicación e identidade dos galegos e galegas, ainda que a sua evolución sofrese a inconveniéncia do agresivo contacto co idioma español, no seu intento por suplantar a língua própria, e de aí que se dese unha certa "contaminación" castelanista que, asi mesmo, provocou un progresivo afastamento real das 'falas galegas do Sul' (o portugués). No último século deu-se un importante recuar do galego como idioma de uso normal no país, na medida en que as estruturas do Estado se fixeron máis fortes (os corenta anos de franquismo son o maior expoñente disto) e o galego nen está presente cando se xeneraliza o ensino obrigatório nen cando irrompen os meios de comunicación de masas, ademais de estar alleo nos intercámbios económicos e na vida pública de xeito non traumático, até hai apenas un par de décadas. Sen vida xurídica nen administrativa, sen ensino, sen igrexa, sen relacións comerciais, sen imaxe pública e sen un estado próprio que velara por el, o idioma galego resistiu como língua do povo, das clases populares e de extracción rural, até a actual regulación lingüística, que a situa como unha língua de segunda fronte á –eterna falácia– da "língua comun", o español, tal é o que consagra Constitución de 1978 e as normas legais derivadas desta que afectan ao noso país (nomeadamente, o Estatuto de Autonomia e a Lei de Normalización Lingüística). Xa que logo, non pode estrañar que o galego se desangre como língua normal de uso entre a povoación galega. Tantos anos de política asimilacionista por parte das elites de poder españolas xeraron unhas atitudes e comportamentos lingüísticos no povo galego de desleixo cara ao idioma. A sua transmisión xeración tras xeración está a ver-se crebada, ante o ollar aloulado duns poderes públicos galegos que nen son quen de garantir que se cumpran as cativas previsións legais de protección do galego no ensino. Isto é o que rexistraron os expertos que deron en elaborar a segunda edición do Atlas das Línguas en Perigo de Extinción, responsabilidade da Unesco. Por certo que é ben lembrar que perante este mesmo organismo internacional –con motivo do ingreso nel da España franquista– un grupo de intelectuais galegos fixeran pública unha denuncia por mor da "perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol". Era o ano 1954, e o actual presidente da Xunta de Galiza, Manuel Fraga Iribarne, xa viña ocupando cargos de responsabilidade no réxime fascista (daquela, adscrito ao Ministério de Educación). Pasou xa case un século e o galego segue a estar ameazado; se cadra, máis, pois o cámbio de réxime tampouco garantiu que o galego sexa unha língua con "Estado próprio" (á fin e ao cabo, a Autonomia non é máis que un estado lilipituense que non garante a soberania da nosa nación). Garantir a sua pervivéncia e o seu futuro como língua nacional de Galiza vai depender, sen dúbida, da capacidade do nacionalismo galego de ser hexemónico na nosa sociedade e do conxunto de accións que desde xa se vaian definindo e articulando co horizonte posto na normalización plena do noso idioma. Nese sentido, avalarmos e non combatermos o discurso do poder en torno ás bondades do "bilingüismo harmónico" seria sinxelamente precipitar-nos ao baleiro da perda definitiva do idioma galego. E como atinadamente sinala a Unesco no seu Atlas lingüístico, "a perda dunha língua é unha redución e empobrecimento da suma total do pensamento e o saber da humanidade que se expresa através da linguaxe". Nen máis, nen menos. Non hai nada perdido. Ainda. O Milladoiro (Ames), 21 de febreiro de 2002.
Rafa Villar é escritor e responsábel técnico de Normalización Lingüística da CIG.
|