Actualidade Volver


Vigo, 1 de marzo de 2002

A CIG convoca mobilizacións en oito cidades o 7 de marzo
Contra os recortes salariais, as rebaixas das prestacións e as subidas de impostos

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Na Galiza, convénios xustos, emprego digno.
 
Cando se cumpren trinta anos das Folgas do 72 en Ferrol e Vigo e daquel 10 de Marzo coas víctimas da dictadura que reclamaban precisamente a negociación dos convenios en Galiza, estase a producir un grave retroceso nos dereitos e mais nos salarios da clase traballadora, especialmente da galega, como consecuencia desa política arbitrada polo Partido Popular e amparada na súa maioría absoluta no Parlamento Español.


O goberno fixa un IPC previsto fraudulento que reduce cada ano as pensións, prestacións e os incrementos salariais dos convenios

Para este ano 2002, como xa aconteceu en anos anteriores, o Goberno fixa un IPC previsto do 2%, sabendo de antemán que non se cumprirá. Pero desta maneira incrementa menos as pensións, sobe menos o Salario Mínimo Interprofesional e, polo tanto, todas as prestacións que dependen deste concepto, como poden ser os topes do desemprego ou o dereito a percibir a axuda familiar. As pensións perden todos os anos poder adquisitivo porque soben menos que o IPC real.

Esta medida afecta tamén ao incremento de salarios de todos os traballadores e traballadoras, porque os convenios negócianse sobre o IPC previsto e moitos non dispoñen de cláusula de revisión salarial, quedando especialmente afectados nestes últimos anos os empregados públicos.


Pola contra, este goberno aplica unha subida importante nos impostos indirectos e nas retencións de Facenda

O Goberno aplica unha subida desproporcionada superior ao 15% en servicios que afectan a toda a poboación e en prexuízo dos que menos ingresos teñen; grava as peaxes, os transportes e o gas, e a maiores modifica as retencións do IRPF, retirando as fraccións das nóminas, o que posibilita que por percibir un euro máis nos ingresos previstos do ano se teña que pagar unha media de 20.000 pta. máis. Nesta modificación tamén saen prexudicadas as familias con fillos, así como aquelas unidades familiares nas que non traballa o cónxuxe, xa que non o teñen en conta para os efectos de deducción e descontos. En definitiva, impóñense máis impostos aos que menos teñen.


Reducen as prestacións de desemprego e limitan as pensións de xubilación

A principios de ano, o Goberno reduciu por lei as prestacións de desemprego servíndose da súa maioría absoluta. Con esta nova lei, todo aquel traballador ou traballadora que finalice contrato ou sexa despedido e durante este tempo estea en situación de IT (baixa por enfermidade ou accidente), descontaráselle este período do desemprego. Imaxinemos un caso de accidente laboral no que a persoa tarda un ano en recuperarse: perderá todo este tempo na prestación.

Nas xubilacións, e co acordo asinado polo Goberno e CCOO, atrásase a idade de prexubilación ata os 61 anos e empeoran tamén as condicións de acceso para ter este dereito, esixíndose agora ter 30 anos cotizados e ser despedido previamente. Ata o dito acordo requiríanse 15 anos cotizados e facíase mediante solicitude voluntaria.

Tras todo o ata aquí exposto, aínda resulta máis incomprensible que os sindicatos do estado asinen un acordo de contención salarial coa Patronal para os convenios deste ano sobre a base do IPC previsto (2%), o que para nós, os galegos, ten unhas consecuencias inda peores e discriminatorias. Os salarios galegos son inferiores nun 22% á media dos salarios do estado: con estes acordos de porcentaxes, ao termos salarios menores, os nosos incrementos serán máis baixos e crecerá a diferencia. Por estas razóns tamén son máis baixas as nosas pensións de xubilación e invalidez, o desemprego, as baixas, etc. En definitiva, de todos estes datos despréndese que dende Madrid teñen moi pouco respecto por Galiza.

A todas estas medidas e a outras, como poden ser a Reforma Laboral do pasado ano, na que se reducen as indemnizacións por despedimento ou se precarizan máis as modalidades de contrato, debemos dicir ¡¡¡BASTA!!!. Da mesma maneira que Galiza foi o único lugar que contestou a Reforma Laboral cunha Folga Xeral, agora debemos mobilizarnos contra estas subidas de impostos e estes recortes de salarios. Trinta anos despois do 10 de Marzo do 72 debemos esixirlle ao Goberno Español que ten que mudar esta política, claramente a favor das multinacionais e bancos, e contra a Clase Traballadora.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2002