Actualidade Volver


Santiago, 8 de marzo de 2002

Elvira Patiño insta a loitar contra a precariedade laboral da muller
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Prestacións dignas para unha maternidade sen atrancos.
 
A Secretaria da Muller da CIG emprazou aos responsábeis políticos a combatir a precariedade laboral e o desemprego da muller por entender que dificulta a conciliación do traballo coa vida familiar. Este é un dos obxectivos que centrará a celebración do Dia da Muller Traballadora baixo o lema de "Prestacións dignas para unha maternidade sen obstáculos".

A secretária nacional da Muller da CIG, Elvira Patiño, lamentou en rolda de prensa que a actual lei de conciliación da vida laboral e familiar "estexa acompañada por unha discriminación, posto que se se lles reducen as horas de traballo e tamén se lles paga menos". Ao respecto, criticou que no estado español "lexislen homes cuestións que afectan ás mulleres" e que ademais se siga a liña de "meter á muller na casa" en vez de contribuir á sua inserzón laboral.

Patiño aludeu ao rexeitamento esta semana no Parlamento galego dunha proposizón non de lei do BNG para modificar a devandita lei. Os populares esgrimiron que teria un custe "inasumíbel" e que o incremento "exaxerado" das medidas proteccionistas da muller pode entorpecer a sua inserzón no mercado de traballo.

Non obstante, segundo asegurou a economista do Gabinete Técnico da CIG Natividade López Gromaz, existen estudos sobre esta cuestión na Unión Europea (UE) que contradin as afirmacións do PP e que demostran que "un emprego de calidade implica un incremento da natalidade".

Por este motivo, e con motivo do Dia da Muller Traballadora, a CIG propón criar medidas específicas para reducir o número de paradas, -en Galicia situa-se no 18,7 por cento da povoazón activa feminina-, e para loitar contra a precariedade laboral -ao longo do ano 2001 asinaron-se unha meia de tres contratos por muller-.

Asimesmo, o sindicato avoga por fomentar os direitos de paternidade entre os homes, promover servizos sociais de atenzón a persoas dependentes e a gratuidade das escolas infantis para as famílias onde os proxenitores gañen menos do salário mínimo, entre outras medidas propostas a partir do estudo sobre a situación laboral da muller elaborado polo seu Gabinete Técnico.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/03/2002