Actualidade / Artigo Un Estado Palestino único camiño pra paz Manuel Mera- A situación de Palestina, dos territorios ocupados, é unha verdadeira carnicería, na que aos árabes non lle queda máis posibilidade que o sometemento e o sufrimento, ou o terrorismo como saída desesperada, final. A loita armada pola liberación nacional (defensiva) non ten ningunha posibilidade neste contexto, cando o inimigo é tan poderoso; a intifada é reprimida de xeito brutal, e as negociacións políticas só se aceptan polos governantes de Israel dende un interlocutor vencido; non se pode esixir aos palestinos unha actitude máis temperada que a mantida neste contexto, máxime cando se incumpriron unha tras outra por parte de Israel todas as resolucións das Nacións Unidas, co apoio explícito dos Estados Unidos. Unha situación tráxica, que manca a toda a humanidade, tendo en conta que a única posibilidade real de darlle ao problema unha solución pacifica está nas mans tanto do governo de Sharon como da presión que as grandes potencias fagan sobre Israel, encetado polos Estados Unidos, que hoxe por hoxe é o imperio hexemónico. Agora ben, non se pode esperar, diante da morea de intereses económicos e xeoestratexicos unha solución ao problema, mesmo parcial, que parta daqueles aos que favorece un povo palestino sometido e un Israel exercendo de base militar na área. Terán que existir máis motivos que os estrictamente humanitarios, xa que se abondara cos estes xa estaría solucionado o problema fai décadas. Compre polo tanto, que as nacións que non comparten estas políticas imperiais ou non teñen os mesmos intereses na área, así como as organizacións progresistas e democráticas de todo o mundo, sexan máis activas na loita a prol do recoñecemento definitivo dun Estado Palestino. De acadar este obxectivo non seria un trunfo menor. Ante todo, porque en Palestina se negan direitos básicos como o de autodeterminación, ou da igualdade de trato as persoas calquera sexa a súa raza, e ademais, porque se derrotaría ás políticas imperiais nunha área de gran valor estratéxico. En Galiza, os partidos políticos, os sindicatos, as institucións, as organizacións sociais de calquer matiz e tipo, deben sumarse a esta tarefa humanitaria, solidaria. Cada vez que morre un neno palestino, unha muller ou un home, e son moitos ¡moitísimos!, ou estoupa unha bomba causando a morte dalgún xudeu, o mundo é un pouco máis débil, máis pobre, menos mundo... aínda que evitalo tamén está un pouco nas nosas mans. Este é o verdadeiro internacionalismo.
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/03/2002 |