Actualidade Volver


Vigo, 23 de abril de 2002

1º de Maio, Dia do Internacionalismo Proletário
Salários dignos, convénios galegos

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Como galegos e galegas, este 1º de Maio ten que servir para reafirmar a nosa reclamación de CONVÉNIOS GALEGOS para corrixir esta diferenza nos nosos salários, sen topes de incrementos que dignifiquen as nosas retribucións. Tamén deben prestar-se como instrumento para combater a precariedade nas contratacións e a infracción dos nosos direitos.
  
Son moitas, demasiadas, as razóns que temos neste 1º de Maio a clase traballadora para mobilizar-nos, e son maiores se sumamos a nosa condición de galegos e galegas a toda agresividade política do Partido Popular en matéria de rendas, de fiscalidade, de reformas laborais, educativas, de pensións e de diminución das prestacións sociais. Tampouco non debemos subtraer-nos nesta data do marco internacional, onde o imperialismo dos EEUU e aliados impoñen o seu domínio e sometimento dos povos, rendendo-nos economicamente ou pola forza das armas.

Nesta lexislatura o Governo Español foi tecendo as medidas próprias dun sistema neoliberal, que por princípios concede ao capital, ás multinacionais, á Banca, todas as vantaxes para precarizar as contratacións, os direitos, os salários. Con esta finalidade aplicaron unha reforma laboral o pasado ano que abarata o despedimento improcedente e que resta garantias á contratación. Unhas medidas contra as que nos mobilizamos a clase obreira galega e que fixo seguramente reconsiderar a este Governo para paralisar posteriormente a reforma que tiñan preparada da negociación dos convénios.

Na mesma dirección, acomete-se unha modificación da Lei de Pensións, que inexplicabelmente conta coa colaboración dunha Central Sindical, e pola que en virtude deste acto, a prexubilación deixa de ser voluntária aos 60 anos, impon-dose a condición de ser despedido previamente para aceder a este dereito e ter 30 anos cotizados, cando antes se requerian 15. Estimula-se asi dando-lle suporte legal á fraude para o despedimento e a renúncia do traballador/a a indemnización, animando as pólizas privadas para negócio dos bancos e aseguradoras. Neste mesmo acordo substantiva-se a redución do desemprego, ao deducir desta prestación o tempo de baixa por enfermidade e acidente.

Na política fiscal reincide o Partido Popular no desprezo pola clase traballadora, aplicando subas desproporcionadas nos impostos indirectos e de consumo que causan máis dano ás economias persoais e familiares máis baixas, ao tempo que nos impostos directos a modificación do IRPF favorece aos ingresos máis altos e as grandes fortunas. Contrariamente na política de rendas, as prestacións sociais (pensións, invalidez, desemprego) decrecen ano a ano en relación á inflación polos incrementos de IPC previsto aplicados polo Governo. Nisto os galegos e galegas as resultamos especialmente prexudicados por dispoñermos dunha renda familiar historicamente inferior nun 22.5% da média do Estado.

No noso caso como galegos e galegas, este 1º de Maio ten que servir para reafirmar a nosa reclamación de CONVÉNIOS GALEGOS para corrixir esta diferenza nos nosos salários, sen topes de incrementos que dignifiquen as nosas retribucións. Tamén deben prestar-se como instrumento para combater a precariedade nas contratacións e a infracción dos nosos direitos.

E nunca mellor data que esta para manifestar a nosa solidariedade co povo palestino, a nosa preocupación ante un xenocídio calculado e permitido polos países ricos e alimentado polo imperialismo americano. Debemos reclamar a fin do asédio israeli e a urxéncia dunha solución que pase polo recoñecimento do direito á Autodeterminación e de Palestina como Estado. Será necesariamente asi, como antes o conquistaron todas as colónias do Imperialismo no Mundo. Neste 1º de Maio o Internacionalismo pasa por Palestina.


1º DE MAIO: VIVA O INTERNACIONALISMO PROLETÁRIO
SALÁRIOS DIGNOS, CONVÉNIOS GALEGOS
NON Á PRECARIEDADE

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/04/2002