Actualidade / Documento Volver


Santiago, 16 de abril de 2002

Análise do Documento de Bases da Lei de Calidade
 

CIG-Ensino-

cig-ensino-gz@cig-ensino.org



Introdución

A maioria absoluta acadada polo Partido Popular no Parlamento Español conlevou que os proxectos políticos que non foron capaces de aplicar na anterior lexislatura se estexan aprobando agora con toda a carga ideolóxica reaccionária e españolizadora que tanto os caracteriza, como se puxo de manifesto coa modificación das ensinanzas mínimas, coa Lei Orgánica de Universidades, coa Lei de Formación Profesional e agora coa Lei de Calidade, por certo denominación totalmente enganosa e perversa.

O governo vén amosando un procedimento totalmente despótico e autoritário na aplicación do seu proxecto educativo. Escudando-se na maioria absoluta, furta-se todo tipo de debate e xa non falemos de negociación e consenso, cando do que se trata é da modificación de todo o sistema educativo que afecta a toda a cidadania. Ignoran-se as organizacións políticas, os governos autónomos, as organizacións sindicais, as organizacións estudantis, os movementos de renovación pedagóxica, etc. A arrogáncia chega a tais límites que teñen previsto aprobar a Lei en dous meses, sen abrir nengun tipo de debate social, mália a estarmos ante unha contrarreforma que afecta a todo o ensino non universitário.

O Partido Popular marcou-se como prioritário acadar un sistema educativo que reproduza un modelo de Estado recentralizador e uniformizador. Princípios que son o denominador comun que impregna toda a actividade política, sexa no ámbito educativo, cultural, social ou económico. A esta concepción obsesivamente unitária do Estado hai que sumar-lle outras constantes nas que se fundamenta a “contrarreforma”: un sistema educativo clasista, selectivo, privatizador e antidemocrático. Polo tanto, son motivacións estritamente ideolóxicas, favorecedoras das clases sociais con máis recursos, as que motivan esta reforma educativa e non a de pretender mellorar a educación para impedir o fracaso escolar.

Mais debemos ter en conta, ao analisarmos a política educativa do PP, que estas reformas que se están promovendo están inseridas nos princípios de globalización neliberal: demonización do nacionalismo, constrición do gasto social, privatización dos servizos públicos (sanidade, ensino...), idolatrización do mercado, etc. Os sistemas educativos seguen a estar concebidos, en boa medida, para propagar valores asentados na colonización, na inxustiza social, na opresión dos povos, etc. Continuan a ser impermeábeis a princípios democráticos tan elementais como o dereito a coñecer e a aprender no idioma próprio, á soberania para podermos planificar, ordenar e lexislar sobre o ensino en Galiza.

Esta Lei está pensada para modificar diferentes aspectos da LODE (Lei Orgánica do Dereito á Educación), da LOXSE (Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo) e da LOPAGCD (Lei Orgánica de Participación, Avaliación e Governo dos Centros Docentes), os tres pilares sobre os que asentou a política educativa o Partido Socialista. A CIG mantivo unha posición crítica e rexeitou, mesmamente con folgas, estas tres leis, entre outras cuestións porque a LODE supuxo consolidar o financiamento ao ensino privado mediante concertos; a LOXSE non facilitou en Galiza a reforma que o sistema educativo precisaba; a LOPEGCD afondou ainda máis na xerarquización e na limitación da participación democrática dos centros. Pois ben, este modelo educativo, que está moi lonxe do defendido pola CIG, non nos impide observar que o proxecto educativo do PP vai en dirección diametralmente oposta ás nosas propostas e non resolve as deficiéncias que vén amosando o sistema educativo galego. Unha das prioridades do governo do PP basea-se en modificar o actual corpus lexislativo desde unha perspectiva involucionista e uniformizadora. Da leitura do borrador desprende-se que hai cuestións ainda máis negativas que, non estando explicitadas, inducen a pensar que van ser recollidas no articulado posterior.

Pretende-se promulgar unha nova lei, sen ter rematado de aplicar a LOXSE, (sen ter realizado nengunha avaliación do cumprimento dos seus obxectivos, das deficiéncias na sua posta en marcha e das causas que xeneraron os fallos) e cando hai só un ano que se modificaron as ensinanzas mínimas. Todo isto sen recursos nen plano de formación para o profesorado. Somos tan versátiles que tanto podemos impartir unha máteria nova e afin como cambiar de nível educativo sen nengun tipo de actualización nen formación.

Coa Lei de Calidade non se procura corrixir as insuficiéncias e aspectos negativos da LOXSE. Todo o contrário; pon-se en entredito aqueles máis positivos como é o da obrigatoriedade do ensino até os 16 anos e o princípio de comprensividade da ESO. Trata-se dun nível educativo obrigatório, polo que o obxectivo ten que ser non discriminar a ninguén nen cercenar as posibilidades futuras con camiños sen retorno. Non se pode encarreirar un aluno/a aos 12 ou 14 anos, segundo o seu rendimento, cara a FP, Bacharelato, abandono dos estudos ou programas de garantia social, sen posibilidades de retorno. É máis, criarán-se centros de primeira ou de segunda categoria segundo os itinerários que oferten. Os centros privados limitarán-se, probabelmente, a ofrecer somente os itinerários que conduzan á obtención do Bacharelato. Esta proposta de itinerários concibe o ensino como un proceso selectivo e non como unha etapa obrigatória igual para todo o alunado, cando o obxectivo debe ser que todos/as acaden o graduado en Educación Secundária Obrigatória, cos desdobramentos, reforzos, adaptacións curriculares, orientación e a atención individualizada que cumpra.

O fracaso escolar non é o motivo da nova Lei de Calidade. O fundamental é homoxeneizar o sistema educativo de todo o Estado. Só os máis inxénuos poden acreditar que cun ensino máis selectivo e segregador teremos menos fracaso escolar. Alguén pode dar creto a que unha reválida ao remate do Bacharelato ou os diferentes itinerários na ESO van aminorar este problema? Nada se di, porén, sobre as deficiéncias e caréncias actuais do ensino.

A ideoloxia verquida neste borrador asenta-se en valores reaccionários: un ensino competitivo, escluínte, autoritário, elitista, discriminatório e españolizador. Fronte a unha educación que integre os valores de igualdade, de solidariedade, de xustiza social, de asunción da nosa identidade, cultura e idioma própios. Desprécia-se o currículo aberto e flexíbel por ciclos para a ESO. Aposta-se por un ensino baseado en ampliar os contidos conceptuais (son os únicos que se avaliarán con carácter xeral no terceiro ciclo de Primária e no 3º curso de ESO) marxinando os procidementais, actitudinais e transversais.

Non hai reforma posíbel sen máis recursos para o ensino público. Para minimizar o fracaso escolar hai que investir para dotar os centros de máis profesorado e máis médios. No Proxecto de Lei nada se di dunha lei de financiación do sistema educativo que corrixa as discriminacións, xa históricas, que sofre o ensino galego, que se remontan ao período das transferéncias en educación e que se agudizaron coa aplicación da LOXSE, o que supuxo, en grande medida non poder actuar con eficácia sobre moitos problemas que ten hoxe o ensino.

A complicidade da Consellaria de Educación en todo este proceso vén sendo total. Tanto o Presidente da Xunta como o Conselleiro de Educación actuan con total vasalaxe e submisión aos mandatos de Madrid, sen importar-lles a usurpación e invasión das nosas competéncias e a sua visión elitista e involucionista do sistema educativo.


O fracaso escolar como pretexto

De maneira demagóxica, pretenden-se disfarzar os verdadeiros obxectivos da contrarreforma coa necesidade de modificar a LOXSE para encarar o fracaso escolar, resolver os problemas de disciplina e conflitividade dos centros (alguns destes argumentos xa foron usados para introducir cámbios impostos na reforma das ensinanzas mínimas, cando o seu obxectivo, como se comprobou ao final, non foi outro que o de homoxeneizar o sistema educativo, usurpando competéncias educativas ás Comunidades Autónomas, cambiando o currículo de História e concebindo un ensino máis memorístico e academicista. Mais non se lexislou nen unha soa medida para diminuir o fracaso escolar). Ninguén nega que estes e outros problemas conviviron e conviven diariamente nos centros escolares. Por iso, pode haber sectores do profesorado que, ante a pasividade e abandono da Consellaria e a desestimación do seu traballo, perciban as propostas do Governo como unha salvación e que teña a esperanza de que se poda librar dese grupo de 30 ou máis alunos/as no que é difícil impartir clase, debido á diversidade deste alunado e á falta de recursos. O problema é se ten a mala sorte de que coa Lei de Calidade lle corresponda impartir clase nun itinerário pensado para os máis “torpes”. A segregación do alunado en diferentes grupos, segundo as capacidades e actitudes, traerá máis desigualdade e marxinalidade para este e frustración no profesorado. Temos que saber que a extensión da escolarización obrigatória até os 16 anos, non significou, a pesar da escaseza de médios e de profesorado, maior fracaso escolar que o que viña habendo no sistema anteriormente. (Sen embargo, a sua extensión significou un avance para o conxunto da sociedade, fundamentalmente para as clases máis desfavorecidas). Coidamos que ninguén acreditará que, sen reducir o número de alunos/as por aula (hoxe, pode sobrepasar 30 se hai repetidores/as, cando seria máis necesária a redución), sen docentes suficientes para levar a cabo un ensino máis personalizado (hoxe, nen sequer se reducen os alunos/as por aula ainda que se escolarice alunado con necesidades educativas especiais), sen reforzar as tutorias, sen medidas encamiñadas a posibilitar a atención á diversidade, sen que se melloren os recuros dos centros, sen o nomeamento do profesorado necesário para garantir os desdobramentos, sen realizar reforzos educativos e cobrir as necesidades educativas especiais, sen garantir a orientación, sen personal específico, sen apoios necesários para a educación compensatória e sen posibilidades de realizar adaptacións curriculares se pode reducir o fracaso escolar e falar de reforma educativa.

Hai países con moita maior conflitividade nas aulas a pesar de vir experimentando, desde hai tempo, agrupamentos mediante itinerários semellantes aos que se estabelecen agora coa Lei de Calidade.



Análise e propostas sobre o Borrador da Lei de Calidade
Estrutura do sistema educativo

Educación infantil

Comprende 2 ciclos:

  • 1º ciclo: Até os 3 anos. Carácter educativo e asistencial. Non dependerá só das administracións educativas. Impartida por profisionais cualificados.

  • 2º ciclo: Voluntária. Non se contempla nen a sua universalidade nen a gratuidade. Ruptura da etapa, o 1º ciclo é educativo e asistencial. As administracións educativas promoverán a iniciación do estudo das línguas estranxeiras e da tecnoloxia de información e comunicación.

Nada se recolle sobre a obriga da administración de ofertar prazas escolares suficientes no 1º ciclo, cando a atención educativa neste ciclo ten unha función social importante: posibilitar a inserción da muller no mundo do traballo remunerado e facer posíbel a igualdade de oportunidades para as clases sociais máis desfavorecidas economicamente. No segundo, supeditará-se a plena escolarización ás posibilidades orzamentais. Non se garante ao ser voluntária, o dereito do alunado aos servizos complementários (comedor e transporte). As propostas da CIG suporian a integración da etapa: 1º e 2º ciclos dependentes da Consellaria de Educación; educación gratuíta e universal para toda a etapa; oferta suficiente de prazas para garantir a demanda no 1º ciclo. Obrigatória no 2º ciclo; material didáctico gratuíto en Educación Infantil; profesorado especialista tanto no 1º como no 2º ciclo e persoal cualificado para toda a etapa.


Educación primária

Adianta-se a aprendizaxe dunha língua estranxeira ao primeiro curso de Primária. Até agora xeneralizaba-se no 3º curso. Recolle a aprendizaxe de novas tecnoloxias da información. As áreas propostas a estudar son: Ciéncia e Sociedade, Educación Física, Formación Histórica e Xeográfica, Língua Española, Língua Estranxeira, Língua Galega, Matemáticas, Educación Musical e Artística. A área de Coñecimento do Médio Natural, Social e Cultural divide-se nas áreas de Ciéncia e Sociedade e Formación Histórica e Xeográfica. Suprime-se o ensino globalizado e integral. Os obxectivos limitan-se unicamente a promover a formación en língua estranxeira e coñecimento de novas tecnoloxias. Para a CIG, a solución pasaria por estruturar a etapa en ciclos: ensino globalizado e integrado por áreas e non por por matérias; dotar de profesorado suficiente para: a atención á diversidade, reforzo educativo, especialidades. Recursos e profesorado suficientes para a impartición de idioma e novas tecnoloxias. Surprende a pouca importáncia que se lle dá a esta etapa, na que se xera moitas veces o fracaso escolar, e sen embargo, non se prevén nengun tipo de mecanismos de reforzo nen de atención individualizada. Non se asume a obriga de realizar diagnósticos precoces. Impón-se dotar de Orientadores e PT todos os centros escolares.


Educación secundária

O Ensino Secundário comprende: ESO, Formación Profesional de Grao Médio, Bacharelato.

ESO

A etapa organiza-se exclusivamente en cursos e non en ciclos como era até agora. A organización do currículo modifica-se. Fai-se por matérias en lugar de por áreas: Bioloxia e Xeoloxia, Ciéncias da Natureza, Cultura Clásica, Física e Química, Educación Física, Educación Plástica, Ética, Xeografia e História, Latin, Língua Castelá e Literatura, Línguas Estranxeiras, Matemáticas, Música, Tecnoloxia, Língua Galega e Literatura. Son matérias comuns dos itinerários as seguintes: Bioloxia e Xeoloxia, Cultura Clásica, Educación Física, Ética, Xeografia e História, Língua Española e Literatura, Língua Galega e Literatura, Línguas Estranxeiras e Matemáticas. Surprende que matéria de Ciéncias da Natureza non forma parte das áreas comuns.

Son matérias específicas dos itinerários as seguintes: Ciéncias da Natureza, Física e Química, Educación Plástica, Latin, Música e Tecnoloxia.

No primeiro ciclo (12 anos) xa se poden “constituir grupos de reforzo”. A posibilidade de incorporar-se ao curso ordinário dependerá da progresión do/a aluno/a e será revisada de forma prescritiva ao acabar o curso.

No segundo ciclo organizarán-se itinerários:

  • 3º de ESO: estabelecen-se dous itinerários. A) Itinerário xeral de orientación Técnico-Profisional. B) Itinerário xeral de orientación Científico-Humanística.

  • 4º de ESO: estabelecen-se tres itinerários. A) Itinerário de orientación Tecnolóxica. B) Itinerário de orientación Científica. C) Itinerário de orientación Humanística.

A eleición dos itinerários fará-se ao finalizar o segundo curso, prévio informe da Xunta de Avaliación e do Departamento de Orientación. Será o/a aluno/a, coa família, quen elixa o itinerário. O cuarto curso chamará-se Curso para a Orientación Académica e Profisional Post-obrigatória (COAP). Terá a función de preparar para os estudos post-obrigatórios ou para a vida laboral. Para o alunado que teña máis de 15 anos de idade e que non desexe incorporar-se a nengun itinerário, estabelecerán-se programas de iniciación profisional.

Avaliación e promoción por curso

A avaliación será por curso e por matérias. O alunado que non supere todas as matérias poderá realizar unha proba extraordinária antes de finalizar o curso. Unha vez feita a proba, os/as que suspendan tres ou máis, repetirán curso. Cada curso só se pode repetir unha vez. Unha vez repetido o curso, se non se reúnen os requisitos para pasar ao seguinte, o alunado terá duas opcións: incorporar-se a un grupo de reforzo ou a outro itinerário. O currículo organiza-se por matérias desde 1º de ESO, en lugar de por áreas de coñecimento. A avaliación deixa, na práctica, de ser contínua e integradora. Os obxectivos deben conseguir-se por curso ao suprimir-se os ciclos. Suprime-se a optatividade en toda a etapa. Concebe-se o ensino como un proceso contínuo de selección, xa que o cuarto de ESO está organizado en función doutras metas e non en conseguir os obxectivos da etapa. Estará pensado para realizar unha proba ao final da ESO a modo de reválida? Para a obtención do Título de Graduado en ESO hai que ter superadas todas as asignaturas. Consegue-se sempre que se acaden os obxectivos de etapa, agora estes fixan-se exclusivamente por matéria. O título reflexará a calificación média obtida, o que significa que na prática o título terá diferente validez, segundo a nota. É dicer, desaparece a concepción comprensiva da etapa.

Para a CIG, ao tratar-se dun nível educativo obrigatório, o obxectivo ten que ser non discriminar a ninguén nen cercenar o futuro tan cedo. Non se pode abocar ao alunado aos 12 ou 14 anos (por non ter todos os elementos de decisión suficientes, debido á inmadurez própria da idade) segundo o seu rendimento, cara a FP, Bacharelato, abandono dos estudos ou programas de garantia social sen posibilidades de retorno. Esta proposta de itinerários concebe o ensino como un proceso selectivo e non como unha etapa obrigatória igual para todo o alunado. O obxectivo debe ser que todos/as acaden o graduado en Educación Secundária Obrigatória, cos desdobramentos, reforzos, adaptacións curriculares, agrupamentos flexíbeis, orientación e a atención individualizada que cumpra.

A eleición de itinerários dificilmente pode ser rectificada, ainda que existe a posibilidade legal. Estamos nun camiño sen retorno. É totalmente segregador que aos 12 anos se podan constituir grupos de “reforzo” estábeis sen nen sequer ter un grupo de referéncia. Estes agrupamentos están pensados en función das capacidades ou actitudes do alunado, polo que a sua condena ao grupo dos “torpes” non lle vai servir de estímulo para reintegrar-se a un grupo ordinário. Adianta-se a constitución dos grupos de Garantia Social aos 15 anos, renúncia-se a que unha parte do alunado acade a mínima titulación, o Graduado en Educación Secundária Obrigatória. Deseña-se toda a etapa para os/as máis dotados/as e capacitados/as; aos/ás outros/as condena-se-lles á marxinalidade. Haberá centros de diferentes categorias segundo os itinerários que impartan. Uns impartirán todos os itinerários e outros somente encamiñarán ao alunado cara aos estudos de Bacharelato (orientación científica e/ou orientación humanística). Os centros privados seleccionarán ao alunado para que neles se imparta maioritariamente o itinerário orientado cara ao Bacharelato; a maioria dos centros públicos acollerán fundamentalmente ao alunado que desbote os centros privados.

Condena-se, na prática, a unha parte do alunado, que durante a Primária tivo dificuldade de aprendizaxe, cara a un grupo de reforzo en primeiro de ESO. De feito está-se-lle impedindo acadar o Graduado en Educación Secundária. Son os/as candidatos/as “naturais” para que aos 15 anos sexan integrados/as nun programa de iniciación profisional. Despois, en terceiro de ESO, vén o segundo filtro, con dous novos itinerários (aos que se suman os grupos de reforzo estábeis que, de feito, son un itinerário); un, para os/as que se lles presupón que van ter difícil acadar o Graduado, que serán orientados/as a programas de iniciación profisional ou ao itinerário Técnico-Profisional e o outro orientado para os elixidos/as a acadar o Graduado. En cuarto, aparece un novo itinerário que desglosa o de orientación Científico-Humanística en dous. Non só é unha proposta segregacionista como queda demostrado, senón que se inícia unha especialización moi temperá.

Vai significar reaxustes nas plantillas dos centros. Necesitará-se máis profesorado de Latin e menos de Música, Tecnoloxia, Plástica, Ciéncias da Natureza e de Física e Química, xa que van ser asignaturas específicas dos itinerários.

Para esta etapa precisa-se formación específica do profesorado, reforzo escolar, os desdobramentos necesários, atención á diversidade, diversificación curricular, reforzo das tutorias, máis profesorado, redución de alunos/as por aula, atención individualizada, oferta de matérias optativas, educadores/as sociais e médios didácticos e pedagóxicos, agrupamentos flexíbeis, pero sempre cun grupo de referéncia.

Bacharelato

Comprenderá dous cursos. O alunado poderá permanecer cursando o Bacharelato nos centros ordinários durante catro anos. Contemplan-se 3 modalidades de Bacharelato: Artes, Ciéncias e Tecnoloxia, Humanidades e Ciéncias Sociais. Actualmente contemplan-se 4 modalidades (agrupan-se o de Ciéncias da Natureza e Saúde co de Tecnoloxia). Isto conlevará redución de profesorado nalgunha matéria e variacións curriculares que acaban de ser modificadas.

Cada modalidade organizará-se en matérias comuns e en matérias optativas. As matérias comuns son: Educación Física, Filosofia, História da Filosofia, História de España, Língua Española e Literatura, Língua Galega e Literatura e Língua Estranxeira. Figura como nova matéria a História da Filosofia. Non coñecemos cales serán as optativas. Desaparecen as próprias da modalidade.

Proba Xeral de Bacharelato (Reválida)

Para obter o título de Bacharelato será necesário ter aprobadas todas as matérias e ter superado a reválida. A calificación final do Bacharelato virá dada pola nota média do expediente de Bacharelato e a nota da proba da reválida. Será o governo central quen a regulamente e será externa ao centro. O/A aluno/a disporá de 4 convocatórias para superar a proba.

Para aceder á Universidade ou á Formación Profisional Específica de Grao Superior será necesário o título de Bacharelato.

Prevén-se probas de aceso, xa recollidas na LOU, para aceder a aquelas faculdades que determinen as Universidades. Estabelece-se que a nota que figure na Proba Xeral de Bacharelato (PXB) será, como mínimo, o 60% da nota total de aceso a calquer titulación. O anúncio demagóxico da desaparición da selectividade que supuxo falar de dobre aceso: reválida e aceso a cada faculdade.

Estamos ante unha proposta inaceptábel por diferentes razóns, fundamentalmente, porque está pensada cun obxectivo claro: recortar as competéncias en matéria de educación aos governos autónomos e uniformizar o ensino en todo o Estado. Que mellor para isto que unha reválida a nível de Estado que negue a sua plurinacionalidade e que, no mellor dos casos, os contidos que lles corresponde fixar aos governos autónomos sexan un apéndice sen importáncia? Pero tamén porque a reválida está asentada en critérios contrários á igualdade de oportunidades, elitistas e selectivos. Condiciona os programas do Bacharelato en función dunha proba, inviabiliza a avaliación contínua (o/a aluno/a xoga todo nun exame), desvaloriza o traballo do profesorado, etc. Que vai pasar co alunado que non supere a reválida e que, por conseguinte, non pode nen estudar Formación Profesional de Grao Superior nen aceder á Universidade? Sen lugar a dúbidas, somente o alunado con máis recursos poderá agardar a esgotar as catro convocatórias, o resto engrosará a lista do paro e non terá máis titulación que o Graduado en Educación Secundária. Todo isto sabendo que a orixe sócio-económica do alunado é a máis importante barreira selectiva.

Ensinanza post-secundária
Formación profesional de grao superior

Poderá aceder quen teña o título de Bacharelato. Non aparece recollida a posibilidade de aceder mediante unha proba, como sucedia até agora. Os/As que teñan o título de Técnico poden aceder a ciclos formativos afins mediante unha proba ou mediante un curso.

A pasarela, que estaba concebida como unha via excepcional, pode-se xeneralizar, xa que pode ser a única posibilidade á que están condenados aqueles/as que non superen a Proba Xeral do Bacharelato e, polo tanto, non podan aceder directamente a un ciclo formativo de Grao Superior.



Atención ao alunado con necesidades educativas específicas

Alunado estranxeiro

Prevén-se aulas específicas nos centros ordinários para alunos/as estranxeiros/as en idade escolar que apresenten graves caréncias nas aprendizaxes instrumentais. No Ensino Secundário Obrigatório, para o alunado que apresente graves dificultades de adaptación a este nível estabelecerán-se “programas de aprendizaxe profesional” que conducirán a unha certificación con validez no ámbito laboral. Desde a CIG pensamos que se deben poñer todos os médios necesários para non constituir verdadeiros “guetos”, apostando pola total integración nos centros ordinários con materiais curriculares adaptados e con profesorado con formación específica. A finalidade ten que ser que na ESO consigan rematar a escolaridade acadando os obxectivos da etapa e non articulado nun ensino paralelo e diferente para o alunado estranxeiro.


Alunado con necesidades específicas especiais

Prevén-se aulas aulas especializadas en educación especial nos centros ordinários. A CIG considera un retroceso a volta das aulas de educación especial nos centros ordinários. A solución pasa por dotar os centros co profesorado especialista en PT e AL, cos médios necesários e coas adaptacións curriculares e a disminución de alunos/as por aula en función do nº de alunado con necesidades educativas especiais escolarizado.


Alunado superdotado intelectualmente

Será obxecto de atención especial por parte das administracións educativas. Pensamos que o máis lóxico seria que tivese unha atención específica, pero non especial.



Organización e dirección dos centros docentes públicos

Calendário escolar

Fixa-se un calendário escolar de 175 dias como mínimo. Neste cómputo non se incluirán os dias de exames finais. Con esta disposición está-se invandido unha competéncia que até de agora viña exercendo en exclusiva a Consellaria de Educación.


Órganos de governo e de participación dos centros

Os órganos colexiados (Claustro e Consello Escolar) pasan a ser somente de participación no control e xestión dos centros e deixan de ser órganos de governo.Os órganos de governo son unicamente os órganos unipersoais: Director/a, Xefe/a de Estudos e Secretário/a. Suprime-se a figura de vicedirector. Sustrae-se-lle todo tipo de poder de decisión ao Claustro. Reforza-se ainda máis o governo unipersoal e fai-se menos democrático o funcionamento dos centros. Os claustros conciben-nos como órganos que realizarán reunións de mero trámite, nos que non se van tomar decisións de nengun tipo poque estas van-lle corresponder á Dirección.

Para a CIG, a xestión democrática dos centros pasa por posibilitar a participación do profesorado na vida interna, académica e nas decisións dos centros e por que o Claustro continue sendo un órgano de governo, con maiores competéncias, devolvendo-lle todas as pedagóxicas, e elixindo de xeito democrático os cargos directivos.


Autonomía dos centros

Os centros disporán da necesária autonomia pedagóxica, organizativa e de xestión económica. Permitirá-se que os centros ofrezan proxectos educativos que amplien diferentes ámbitos curriculares: lingüístico, científico humanístico, etc., o que pode significar que se configuren centros de elite. Para a CIG, a autonomia non debera conlevar que alguns centros teñan ingresos atípicos. Preocupa-nos que no ensino público se podan criar diferentes categorias de centros, cando a obriga ten que ser ofertar unha educación de calidade para o conxunto dos cidadáns e cidadás.

A contratación de persoal cualificado (especialistas en xestión de bibliotecas escolares, persoal de apoio para mellorar a convivéncia...) para diferentes funcións nos centros vai estar limitada ás disponibilidades orzamentais É lamentábel que se argumente que unha das razóns para a apresentación desta lei é mellorar a convivéncia nos centros e que, sen embargo, se supedite o nomeamento de persoal de apoio ás disponibilidades orzamentais. A necesidade de persoal cualificado nos centros non pode estar condicionada polos orzamentos, senón polas necesidades. Do contrário, xa se sabe que nunca se dotarán os centros deste persoal. A relación laboral deste persoal debe ser a funcionarial. Necesita-se dotar os centros de novo persoal cualificado, educadores/as sociais, responsábeis de biblioteca, traballadores/as sociais, etc.


Supervisión dos libros de texto

Os libros de texto non necesitarán autorización, o que implica que as editoriais máis poderosas fixarán na prática os contidos, cunha visión centralista e nada respeituosa coa configuración pluricultural e plurilíngüe do Estado Español. Para a CIG, a autorización ten que lle seguir correspondendo á Consellaria de Educación.

Traslada-se-lle á Alta Inspección educativa a función de supervisar os libros de texto, co afán obsesivo de uniformizar e homoxeneizar o sistema educativo de todo o Estado e impedir ás Comunidades Autónomas esta atribución que viñan desempeñando até agora. Trata-se de ter censores e vixiantes do Estado a posíbeis desavenéncias das Comunidades Autónomas á hora de fixar o currículo.


Admisión de alunos/as nos centros sostidos con fundos públicos

Queda aberta a posibilidade de que se considere como un critério máis para a admisión de alunos/as o expediente académico, o que posibilitará a aparición de centros de “elite” para o alunado de mellor expediente. Un reforzamento máis para que os centros concertados podan seleccionar o alunado.


Dirección dos centros

Será necesário estar habilitado provisionalmente para exercer a Dirección. Para realizar os cursos de acreditación, hai que ser previamente seleccionado/a. A habilitación definitiva adquire-se unha vez desempeñada a función directiva durante un período de tres anos, avaliada positivamente. A selección será realizada por unha comisión formada pola Administración Educativa e os órganos colexiados do centro. Nos centros de nova criación os/as Xefes de Estudo e os/as Secretários/as serán nomeados pola Administración. Os/As Directores/as poden estar eximidos de docéncia directa. A Dirección será un mérito para aceder á Inspección Educativa, a outros concursos e para a “carreira docente”. Será retribuída de forma diferenciada. Facilitará-se-lle a presenza no Consello Escolar do Estado dentro do grupo de personalidades de recoñecido prestíxio.

Todo un elenco de atribucións e contrapartidas que os/as imbuen de todo o poder nos centros, que converten a Dirección nunha profesión, nun corpo específico que, nen sequer, vai impartir docéncia, con intereses totalmente diferentes aos do profesorado. Formarán parte do entramado da Administración e non exercerán como portavoces e representantes do centro. O nomeamento por parte da Administración dos directores/as, reforzará o carácter antidemocrático do funcionamento dos centros escolares.

Se hoxe son xa moitos os directores /as son xa os que deciden o camiño polo que marcha os centros, sen prévia información nen acordo do conxunto do profesorado, xa nos podemos imaxinar que no futuro isto irá para pior, xa que agora van-se-lles outorgar os máis absolutos poderes e múltiples prebendas. Os seus intereses nada terán que ver cos do conxunto do profesorado ao converter-se en xerentes da Administración.


Función docente e carreira profesional

Formación inicial

Será necesário para impartir en Educación Secundária, no ensino post-secundário e nas ensinanzas de réxime especial o Título Profesional de Especialización Didáctica. Reforza-se a figura de catedrático ao reservar-lle unha série de prerrogativas: preferéncia para formar os tribunais de oposicións de Secundária, presidentes dos tribunais da reválida, tutores de profesores/as en práticas, dirección de proxectos de innovación, etc. Constitue unha nova xerarquización e división do profesorado, sen nengun tipo de xustificación, xa que se lle reservan competéncias a este colectivo que eran desempeñadas por todo o profesorado do corpo de Secundária ou se lle asignan en exclusiva outras novas. Segue sen contemplar-se a titulación de licenciado/a universitário/a como necesária para aceder á función docente. Non se propón a criación dunha Faculdade de Educación onde os/as futuros/as docentes terian que cursar estudos de carácter pedagóxico, independentemente do nível no que vaian impartir docéncia.

Formación permanente

Estabelece-se a avaliación periódica do profesorado. Os resultados terán efeitos na mobilidade, promoción e complementos de formación. A nosa formación aparece ligada á avaliación, cando ten que se a ser un dereito inerente á nosa profesión. Aparece a posibilidade de novos complementos retributivos ligados á nosa formación, cando as nosas retribucións deben estar á marxe da formación. Non sabemos que se nos vai avaliar, quen nos vai avaliar nen como se nos vai avaliar. A experiéncia di-nos que cando a Inspección ten que informar do profesorado adoita facé-lo, moitas veces, con critérios que nada teñen que ver co traballo desenvolvido. Nen a avaliación do sistema educativo nen a do noso traballo lle pode corresponder á Inspección, que teria que ser a primeira en ser avaliada. A avaliación do profesorado non pode estar exenta das avaliación das condicións en que temos que impartir clases, dos médios dos que dispoñemos, das caréncias dos centros, etc. Primeiro hai que avaliar o sistema educativo. Nengun resultado avaliativo debe supor promoción ou complementos retributivos para o profesorado nen méritos para a mobilidade.

É preocupante que o borrador de lei non asuma a formación permanente e contínua do profesorado como un dereito e un deber que a administración debe garantir e, polo tanto, gratuíta, dentro do horário laboral e lectivo e nucleada polos próprios centros.

O afán centralizador do governo chega a propor que se impulsarán critérios homoxéneos para a avaliación voluntária do profesorado, estabelecendo unha certificación homologada con recoñecimento en todo o Estado. O lóxico e normal é que, de existir esta avaliación fose configurada e estabelecida con critérios fixados pola Xunta de Galiza. O noso sistema educativo parte dunha realidade diferente e precisa actuacións tamén distintas, como pode ser o ter actitudes favorábeis para o ensino en galego e desenvolver programas que estendan o coñecimento da nosa realidade social, cultural, histórica, etc.

Cria-se o Instituto Superior de Formación que estabelecerá planos de formación para o profesorado. Desprende-se que terá competéncias para todo o Estado, cando a formación do profesorado lle corresponde á Xunta de Galiza.

Recoñecimento da función docente

A Administración, para recoñecer o noso, labor propón: participar na avaliación escolar ao finalizar a ESO, na xunta de avaliación, na definición da especialización curricular do centro e tamén a protección e asisténcia xurídica ao profesorado naquelas situacións relacionadas co exercício da sua profisión. Podemos estar contentos, pois temos recoñecido, nen máis nen menos, que a posibilidade de participar na avaliación do noso alunado. O recoñecimento do noso traballo ten que vir dado polo dereito a formar-nos en horário lectivo, a mellorar as nosas condicións de traballo (18 horas lectivas como máximo, redución horária para os/as maiores de 55 anos, xubilación anticipada, retribucións xustas, non obrigatoriedade de impartir afins, etc.).


Inspección educativa

Integran-se os dous corpos actuais nun único corpo. Entre outras competéncias vai ter a de deseñar o proceso de avaliación e participar na PGB. Regulan-se como competéncia exclusiva do Estado, as especialidades, estrutura e o funcionamento da Inspección nas Comunidades Autónomas.

Unha disposición que afonda máis no carácter centralizador de todo este borrador.

A función da Inspección Educativa ve-se reforzada, non como dinamizadora, asesora e de apoio á función docente, senón como unha estamento máis da Administración para un control burocrático e ideolóxico.


Alta inspección

Velará polos dereitos lingüísticos do español. Polo ordenamento xeral do sistema educativo en todas modalidades, níveis, etapas, ciclos e especialidades. Comprobará os planos, programas e orientacións pedagóxicas asi como os libros de texto, etc. Outorgan-se-lle tantas competéncias que baleira de contido a Consellaria de Educación, atribuindo-se-lle competéncias que lle corresponden aos governos autónomos e actuando de verdadeiros “gardiáns” do máis absoluto centralismo. O reforzamento desta figura responde a un centralismo anacrónico e enfermizo, negador dos mínimos dereitos que nos corresponden como povo. Non deixa de ser un sarcasmo que se vele polo español cando o galego está agonizando no ensino. Non importa que o alunado non poda exercer o dereito a aprender no idioma próprio de Galiza, nen tan sequer o alunado galego falante.


Avaliación, innovación e investigación do sistema educativo

A Administración Central reserva-se a potestade de avaliar o sistema educativo a través do INECSE (Instituto Nacional de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo). As administracións educativas autonómicas quedan totalmente marxinadas da avaliación. Iso si, están obrigadas a aportar información á Administración Central. O lóxico é que a Consellaria de Educación avalie o sistema educativo desde Galiza. Se se quere realizar unha avaliación do sistema educativo a nível de Estado teria-se que facer conxuntamente entre o Estado e as Comunidades Autónomas.

O centralismo máis ráncio reflite-se ao expresar que a avaliación corrresponde-lle ao Estado, co obxecto de ter “critérios de homoxeneidade”, cando a situación do sistema educativo ten características diferentes nas nacións e autonomias do Estado, a non ser que pretendan suprimir a faculdade que temos as Comunidades con língua própria de fixar o 45% do currículo; polo tanto, a avaliación do ensino en Galiza debe ter características próprias.

En 3º ciclo da Educación Primária e en 3º de ESO levarán-se a cabo avaliacións para coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos e o diagnóstico do funcionamento do sistema educativo. Serán centralizadas (“co obxetivo de que se realicen con critérios de homoxeneidade”) e versarán, entre outras cuestións, sobre expresión oral e escrita, (seguramente do español). A avaliación do sistema educativo só se fixará nas áreas instrumentais “para coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos e sirvan para o diagnóstico do funcionamento do sistema educativo”. Non se avaliarán nen os contidos procedimentais, nen actitudinais e moito menos o estado da galeguización do ensino e o coñecimento do noso idioma. Impide-se unha avaliación integral.

Non se prevé avaliar o contexto do que partimos e se a educación cumpre os obxectivos que supostamente se ten proposto: facer cidadáns e cidadás máis informados/as, críticos/as, capaces de decidir por si mesmos/as e se a educación contribue a superar as desigualdades sociais. A avaliación, ao estar centralizada e uniformada, non vai avaliar se o ensino promove o estudo e coñecimento da nosa realidade ou, pola contra, se a escola continua a ser un axente activo na desgaleguización da nosa sociedade. Calquer avaliación debe contemplar a avaliación das necesidades e caréncias do ensino e a sua calidade, asi como as condicións dos centros, infraestruturas, servizos, recursos, médios e orzamentos.


Dereitos e deberes do alunado

A visión do Estado unitário manifesta-se na consideración como un dereito e deber básico de todo o alunado o coñecimento da Constitución Española, pero nada se di sobre o dereito e deber de coñecer a nosa história, cultura e as próprias institucións da nosa nación.

Pretende-se fomentar a participación do alunado en actividades de voluntariado, co obxecto de que no futuro sexa este o que realice funcións e traballos que deben garantir as adminsitracións mediante a criación dos postos de traballo correspondentes.


Bolsas

Non se contempla a transferéncia á Xunta de Galiza de todo o relativo á adxudicación de bolsas por estudo. Isto supón seguir con critérios de adxudicación pensados para outras realidades xeográficas e económicas que discriminan ao alunado galego.

Abriran-se fórmulas de recoñecimento e respaldo aos mellores expedientes para conceder as bolsas. Estas fórmulas contradin o critério xusto de que as bolsas de estudo deben recaer no alunado de condicións sócio-económicas máis desfavorábeis, e non en función dos expedientes académicos.


Centros sostidos con fundos públicos

A filosofia da Lei está pensada para ampliar e beneficiar o ensino privado concertado. Moitos centros privados concertados van-se convertir en centros de elite e somente impartirán os itinerários orientados cara o Bacharelato. O obxectivo é ir convertendo o ensino público en subsidiário do privado, escolarizando somente aquel alunado que os privados desbotan. No borrador da Lei recolle-se o incremento das subvencións ao ensino privado concertado. Contempla-se incluir partidas orzamentais para incentivar economicamente a función directiva, para programas educativos dos centros e para incremento do profesorado.


Desvalorización do traballo docente

A desconsideración co profesorado queda patente cando se nos impide, mesmamente, o dereito a opinar. Estamos ante unha actitude de desprezo cos/as docentes, que pode axudar a unha maior frustración e desmotivación, ao pretender que sexamos unicamente axentes transmisores de reformas e contrarreformas sen propiciar nengun debate prévio que reflita os males da educación e as actuacións e cámbios necesários para resolvé-los.

Desprende-se do proxecto de lei que o profesorado, unha vez máis, vai sofrer unha nova reconversión. Producirán-se novos desprazamentos, mobilidade xeográfica e supresións. Máis unha vez inícia-se unha “contrarreforma” cando ainda estamos sofrendo as consecuéncias da aplicación da LOXSE (moito profesorado tivo que impartir novas máterias, afins e a outros suprimiu-se-lle o seu posto de traballo ou foron desprazados do seu centro) e as modificacións das ensinanzas mínimas ainda estan sen aplicar na sua totalidade:

  • O Claustro deixa de ser un órgano de governo.

  • Recorta-se-nos a participación na toma de decisións do centro.

  • Limita-se-nos participar na eleición dos cargos directivos asi como a posibilidade de ser candidatos/as.

  • Xerarquiza-se-nos ainda máis: reservan-se-lle certas competéncias exclusivamente para os/as catedráticos e os cargos directivos, á parte das prerrogativas que se lles outorgan (retribuído de forma diferenciada, eximido da docéncia, etc.) serán mérito para os concursos e para aceder a Inspección.

  • A avaliación do noso traballo do profesorado terá consecuéncias económicas, na mobilidade e na promoción (carreira docente).

  • Non se recoñece nen dignifica a nosa profisión ao non mellorar as nosas condicións de traballo nen as retribucións.

  • Desvaloriza-se e desconfia-se do noso traballo ao introducir unha reválida para que o alunado adquira o título de Bacharelato.

  • Non se prevé incremento de profesorado nen de persoal cualificado (orientadores/as, traballadores/as sociais, etc).

  • A Lei vai significar reaxustes nos cadros de persoal dos centros con novas supresións. O profesorado das especialidades de Música, Tecnoloxia, Plástica, Ciéncias da Natureza e de Física e Química vai ter menos carga horária, xa que van ser asignaturas específicas de itinerários e non comuns.

  • O recoñecimento do noso traballo ten que vir dado polo dereito a formar-nos en horário de taballo, a mellorar as nosas condicións de traballo (18 horas lectivas como máximo, redución horária para os/as maiores de 55 anos, xubilación anticipada, retribucións xustas, non obrigatoriedade de impartir afins, etc).



En conclusión estamos diante dun borrador contrário a calidade do ensino por

Antigalego e recentralizador

  • Impide elaborar un sistema educativo próprio para Galiza e a galeguización do ensino.

  • Tralada-se-lle á Alta Inspección a maioria das funcións que lle corresponden ou terian que corresponder-lle á Consellaria de Educación: supervisión dos libros de texto; velar polo ordenamento xeral do sistema educativo en todas as modalidades, níveis, etapas, ciclos e especialidades; comprobar os planos, programas e orientacións pedagóxicas, etc.

  • Baleiran-se de contido as competéncias en educación da Xunta de Galiza. A Alta Inspección e converte-se en gardián das máis absolutas eséncias centralizadoras que invalidarán calquer atisbo de galeguización do ensino. Iso si, “velará polos dereitos lingüísticos do español”. Reaparece a História de España.

  • O governo central “homoxeneizará” en todo o Estado a avaliación do profesorado, estabelecendo unha certificación homologada con recoñecimento en todo o Estado.

  • Cria-se o Instituto Superior de Formación dependente do Estado, que estabelecerá planos de formación para o profesorado de todo o Estado.

  • A Administración Central reserva-se a potestade de avaliar o sistema educativo a través do INECSE (Instituto Nacional de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo).

  • Imposición dunha reválida unificada a nível de Estado para adquirir o Título de Bacharelato.

  • O Estado reserva-se a estrutura, especialidades e funcionamento da inspección educativa.

  • Non se transfire á Xunta de Galiza a adxudicación das bolsas por estudo.

  • Estabelece-se o dereito e deber básico de todo o alunado ao coñecimento da Constitución Española, pero nada se di sobre o dereito e deber de coñecermos a nosa história, cultura e as próprias institucións da nosa nación.

  • Usurpa-se-nos a competéncia de fixar o calendário escolar.

  • A autorización dos libros de texto deixa de corresponder-lle á Consellaria de Educación.


Privatizador

  • Aposta por reforzar o ensino privado con máis subvencións e eximindo-os da obriga de impartir todos os itinerários na ESO.

  • Os centros privados seleccionarán ao alunado para que nestes centros se imparta maioritariamente o itinerário orientado cara o Bacharelato; a maioria dos centros públicos acollerán fundamentalmente ao alunado que desboten os centros privados.

  • Incremento das subvencións ao ensino privado concertado. Contempla-se incluir partidas orzamentais para incentivar economicamente a función directiva, para programas educativos dos centros e para incremento do profesorado.


Segregador e selectivo

  • Prevé-se formar “grupos de reforzo” aos 12 anos para o alunado que apresente problemas de aprendizaxe. Condena-se, na prática, a unha parte do alunado, que durante a Primária tivo dificuldade de aprendizaxe, cara un grupo de reforzo en primeiro de ESO De feito está-se-lle impedindo acadar o Graduado en Educación Secundária.

  • Deseño do sistema educativo non universitário como un contínuo proceso de selección, como unha carreira de obstáculos para que só uns poucos poidan acadar o Título de Graduado en Educación Secudária e moitos menos o Bacharelato para ir á Formación Profesional de Grao Superior ou á Universidade.

  • Crian-se diferentes itinerários en 3º de ESO, segundo as “necesidades e intereses” orientados á Formación Profesional de Grao Médio, ao Bacharelato ou ao mundo laboral que van condicionar totalmente os seus futuros estudos.

  • Deseña-se toda a etapa para os/as máis dotados/as e capacitados/as; aos/ás outros/as condena-se-lles á marxinalidade para que só unha parte do alunado acade a mínima titulación, o Graduado en Educación Secundária Obrigatória.

  • Haberá centros de diferentes categorias segundo os itinerários que impartan. Uns impartirán todos os itinerários e outros somente encamiñarán ao alunado cara os estudos de Bacharelato (orientación Científica e/ou orientación Humanística).

  • Lexisla-se un sistema educativo paraledo para os emigrantes mediante programas de “aprendizaxe profesional”.

  • Retoman-se as aulas específicas de educación especial nos centros escolares para o alunado con necesidades educativas especiais.

  • Para obter o título de Bacharelato para aceder á Universidade ou á Formación Profisional Específica de Grao Superior será necesário ter superado a reválida.

  • Aceso específico para aceder a diferentes faculdades.

  • Cuarto de ESO pasa a denominar-se Curso para a Orientacón Académica e Profesional Post-obrigatória e está organizado en función doutras metas e non en conseguir os obxectivos da etapa. Seguranmente estará deseñado para que actue como un curso-reválida. ¿??

  • O Título de Graduado en Educación Secundária Obrigatória reflexará as calificacións medias obtidas, o que significa que na prática o título terá diferente validez, segundo a nota que se teña.

  • Para obter o título de Graduado en Educación Secundária Obrigatória necesitan-se ter todas as máterias aprobadas.


Reacionário e antidemocrático

  • Non se abriu nengun debate social, nen se consensuou coas CCAA nen se negociou coas organizacións sindicais, políticas, estudiantis, etc.
  • Desaparecen os obxectivos procedimentais e actitudinais.
  • Suprime-se a concepción do ensino como un proceso de aprendizaxe integral.
  • O primeiro ciclo de Infantil pasa a ser asistencial en lugar de educativo.
  • A avaliación do sistema educativo só se fixará nas áreas instrumentais “para coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos que sirvan para o diagnóstico do funcionamento do sistema educativo”.
  • Impón-se unha xestión dos centros antidemocrática.
  • O claustro de profesores deixa de ser órgano de governo e sustrae-se-lle todo o poder de decisión.
  • Concentra-se todo o poder no director/a que xunto co secretário/a e xefe/a de estudos constituen os únicos órganos de governo.
  • Os órganos de governo non son elixidos nen polo Claustro nen polo Consello Escolar.


Elitista

  • Constitución de grupos segundo as capacidades e actitudes.

  • Contrarreforma concebida e deseñada non para toda a sociedade, senón para o alunado máis favorecido.

  • Arbitra-se unha aténcion especial ao alunado superdotado.

  • O expediente académico formará parte dos critérios para a admisión de alunos/as nos centros.

  • Recoñecerá-se respaldará-se aos mellores expedientes para conceder as becas.

  • Posibilidade de diferentes tipos de centros segundo a especialidade curricular.


Xerarquizador

  • Segue sen contemplar-se a titulación de licenciado/a universitário/a como necesária para aceder á función docente.

  • Detraen-se-lle competéncias ao conxunto do profesorado para asignar-llas aos catedráticos/as. Vinculan-se parte das nosas retribución á formación.

  • Pretende-se-nos estratificar segundo o resultado da avaliación do noso traballo e isto terá repercusións na mobilidade,” promoción dentro da carreira docente”e nas retribucións.



Calquer reforma educativa debe sustentar-se nos seguintes princípios

  • Nun ensino galego, público, gratuíto, laico e democrático.

  • A Lei de Calidade debe ser o resultado do consenso entre as Comunidades Autónomas e o Governo Central, unha vez realizado un amplo debate social, tendo en conta as OOSS, MRPs, etc.

  • Debe partir da realidade plurinacional do Estado español e o dereito á galeguización do ensino. Ensinanzas dirixidas a coñecer e estudar a nosa história, e a nosa realidade cultural, económica, social, etc.

  • O governo galego debe ter competéncia para configurar un sistema educativo próprio para Galiza. Non ao recorte das competéncias que hoxe temos transferidas.

  • Considerar o ensino como un obxectivo prioritário, coa sua financiamento correspondente.

  • Defensa inequívoca do ensino público e non ás subvencións ao ensino privado. Debe-se abordar unha planificación tendente á desaparición das subvencións ao ensino privado.

  • Obrigatoriedade do ensino desde os 3 anos e oferta suficiente de prazas para o ciclo de 0 a 3 anos.

  • Libros de texto gratuítos. Universalización dos servizos complementários e actividades extraescolares no ensino obrigatório e Infantil.

  • Dignificación da profesión docente: mellores condicións de traballo (18 horas lectivas como máximo, non impartición de afins, redución horária a partir dos 55 anos, xubilación anticipada en condicións dignas, etc.), sistema retributivo que, baixo o princípio de “a igual traballo, igual salário”, tenda a rematar coas diferenzas salariais entre o profesorado e conleve mellorar as nosas retribucións. Saúde laboral: recoñecimento das enfermidades profisionais.

  • Plano de formación que abarque a todo o profesorado: dereito á actualización e formación permanente dentro do horário lectivo e laboral. Gratuíto. Formación no próprios centros. Programas específicos por áreas e níveis, nomeadamente, para o profesorado de ESO.

  • Titulación de licenciatura universitária para aceder á función docente, co obxectivo de camiñar cara o corpo único de ensinantes e rematar coa xerarquización e división do profesorado.

  • Recursos humanos suficientes nos centros: novos cadros de persoal, (dotación de especialistas e orientadores/as e do profesorado suficiente para reforzar a tutoria, realizar un ensino individualizado e personalizado, reforzos educativos, diversificación curricular, para realizar desdobres e para a atención á diversidade). Dotación aos centros doutros profesionais: educadores/as sociais, coidadores/as, persoal administrativo, traballadores/as sociais, etc.

  • Resolver a situación de precariedade laboral do profesorado interino e substituto mediante un compromiso de estabilidade e o aceso diferenciado á función pública.

  • Xestión democrática dos centros: o Claustro será un órgano de governo e terá plenas competéncias pedagóxicas e de xestión. Eleición democrática de todos os cargos directivos.

  • Redución de alunos/as por aula. En Infantil, máximo 15 e en Primária e ESO, máximo de 20.

  • Plano específico para a escola rural, que garanta a escolarización neste médio co mesmo nível de servizos que no resto dos centros.

  • Dotación a todos os centros dos recursos materiais, didácticos e pedagóxicos necesários.


Santiago, 21 de marzo de 2002.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/04/2002