Actualidade Volver


Vigo, 19 de abril de 2002

Compostela, Cespa en folga, ¡acordo xa!
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Os parques son propriedade do Concello de Santiago de Compostela aínda que o noso traballo o fagamos para a empresa CESPA ao estar o servizo privatizado. O Concello ten que tomar cartas no asunto, xa que en definitiva é o responsábel último da prestación deste servizo á cidadanía.
 
Os 52 traballadores e traballadoras da empresa CESPA que atende os xardíns de Santiago de Compostela están en paro dende o día 18 de marzo.


Os xardineiros e xardineiras de CESPA, SA levamos xa máis de 25 días de folga indefinida. As nosas demandas son moderadas e xustas e foi a negativa da empresa a ter unha negociación sería a que nos obrigou a comezar esta folga. en todo caso, somos os traballadores e traballadoras as que sofrimos a peor parte xa que levamos todo este tempo sen cobrar.

As nosas reivindicacións resúmense nunha suba dun 2% por enriba do IPC, rebaixa nas horas de traballo -que consideramos abusivas o día de hoxe- o establecemento dunha terceira paga extra e o recoñecemento das categorías profisionais que realmente realizamos. En conxunto non supoñen unha plataforma excesiva, nen abusiva que xustifiquen a negativa da parte empresarial a negociar un acordo, sobretodo cando lévamos 7 anos sen plantexar unha suba.

Consideramos que o coidado e mantemento dos parques é un dos servizos máis valorados pola cidadanía e nós somos os primeiros perxudicados polo deterioro da súa imaxe. Os parques son propriedade do Concello de Santiago de Compostela aínda que o noso traballo o fagamos para a empresa CESPA ao estar o servizo privatizado. O Concello ten que tomar cartas no asunto, xa que en definitiva é o responsábel último da prestación deste servizo á cidadanía. Moi ao contrario, o alcalde Xosé Bugallo e Carlos Nieves -concelleiro de Trafico e Seguridade Cidadá- pretenden converter o conflicto nun problema de orde pública, e lonxe de facer unha laboura mediadora levan días ordenando limpezas que rompen o direito de folga, criminalizando na prensa aso traballadores e traballadoras. O último exemplo foi a brutal carga da policía local cando nos atopábamos encadeados ás portas do Concello. En ningún momento impedimos o paso nen pretendimos entrar -como atestiguan os cidadáns que alí estaban- , e aínda así e sen previo aviso cargaron contra nós, cando nen tan sequera podiamos movernos por estar encadeados. O resultado foi de máis de 20 traballadores contusionados e 5 que precisaron atención hospitalaria.

Queremos agradecer á cidadanía a comprensión e solidariedade que nos ten amosado ten masivamente ate hoxe. Nós seguiremos con firmeza o tempo que faga falla e consideramos que só a negociación séria e responsábel vai traer a solución a un conflicto que nen a empresa nen o concello están axudando a solucionar, pretendendo que sexamos os traballadores e traballadoras quen nos vexamos obrigados a claudicar nas nosas reivindicacións. E iso non vai pasar.


Comité de Folga de CESPA, Santiago de Compostela.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/04/2002