Actualidade / Entrevista Volver


Vigo, 23 de abril de 2002

Entrevista a Rufino Santalices Gil, presidente do Comité de Empresa de FCC
Rematou a folga do lixo en Vigo cun preacordo de convenio colectivo
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



Rufino Santalices é delegado da CIG na empresa FCC que é concesionaria da recollida do lixo e limpeza diaria en Vigo. Despois de varios días de folga acábase de asinar o convenio colectivo.

A Empresa FCC ten 305 operarios e un Comité de Empresa formado por 13 membros: 7 da CIG, 5 de UGT, 1 de CCOO e 1 independente (técnicos e administrativos).


Porque se chegou á folga?

Este ano negociábase o convenio colectivo, e despois de 2 meses de conversas coa empresa sen resultado ningún, non nos quedou máis remedio que convocar medidas de forza que desbloquearán a postura intransixente da dirección. Convocamos folga. O paro iniciouse o pasado día 15 de abril, con carácter indefinido, e durou ate o sábado día 20. Foi ese día cando a asembleia de traballadores, por unanimidade, resolveu aceptar o preacordo. Nós sempre levamos a última palabra á asembleia de traballadores e traballadoras da empresa, coidamos que esta é a democracia.

Que se valora a postura da empresa durante a folga?

Creemos que a empresa intentou sacar rédito da folga no aspecto económico, diante da presión que supoñía para o Concello de Vigo a acumulación de lixo durante tantos dias nas rúas. Aínda que, ao noso entender, non había tal xustificación para esta presión da empresa diante do municipio. En todo caso a empresa nunca cedeu con facilidade ás reivindicacións laborais nos convenios, como a proba do que digo, os catro paros anteriores durante as negociación colectivas da década dos anos 90.

Interviu dalgún xeito o Concello durante o paro?

O concello manifestou varias veces a súa preocupación durante o paro, e sabemos que presionou sobre a empresa para acelerar un acordo final.

Cal foi a postura das centrais sindicais?

A postura das centrais non tivo o mesma forza. Mentres que a CIG se volcou no conflicto, levou a iniciativa e fixo propostas a fin de buscar un acordo beneficioso, por exemplo a UGT, mantívose bastante ao marxe, participando pouco na folga, aínda que conta no Comité con 4 membros.

Cales son as melloras do convenio?

Fundamentalmente o incremento salarial que garante sobre todos os conceptos un aumento do 2% sobre o IPC real. O que significa unha mellora importante xa que se trata ademais de aumentos lineais. O convenio é por tres anos e asegura un reparto do traballo de xeito rotativo para evitar discriminacións entre o cadro de persoal no uso das novas maquinas e tecnoloxía.

Amplíanse os descansos do 24 e 31 de decembro a todos os operarios, cando antes só o disfrutaba unha quenda. Completase a paga de vacacións incluíndo todos os conceptos.

Como valoran os traballadores este acordo?

A valoración expresouse na asembleia final onde se aprobou por unanimidade, polo que entendemos que o traballo que realizamos dende o Comité de Folga foi positivo. Convén destacar que durante o paro houbo un apoio total do cadro de persoal, como en todas as ocasións anteriores, o que da folgos para enfrontar situacións como estas que sempre teñen as súas complicacións.

Por último dicer que durante os dias de paro fixéronse varias mobilizacións fronte aos locais da empresa e diante do Concello. Nunca estivemos pasivos.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/04/2002