Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 16 de abril de 2002 (Publicado en Atlántico Diario o 09/04/2002)

De novo na encrucillada
 

Manuel Mera-

cig.form-sindical@galizacig.com



As declaracións de Bush esixindo unha retirada das tropas israelís dos territorios autónomos de Palestina, sen fixar unha data, e deixando o tema pendente da viaxe de Powell a Xerusalén algún día da vindeira semán, parecen querer conseguir dous obxectivos aparentemente contradictorios. Por unha banda, facer fronte ás protestas de moitos governos e ás cada vez máis fortes mobilizacións populares de solidariedade co povo palestino, e pola outra, darlle tempo a Sharon pra completar o desmantelamento das milicias e institucións autónomas. Esta estratexia (realmente cínica estrataxema) é posíbel porque os governos dos países árabes moderados e máis da Unión Europea non teñen unha postura firme. Abóndalles con calquer xesto do governo norteamericano, que lles permita apresentarse diante da povoación dos seus respectivos países (abraiada pola brutalidade e inxustificada represión) como lideres influentes e que realizan os máximos esforzos pra garantir a paz e un orde xusto.

Segundo denunciaba nun artigo o xornalista Robert Fisk, o discurso de Bush, que se apresentou en moitos meios como unha esixencia (mesmo dura) a Israel de abandono dos territorios ocupados, non foi tal e amosou máis unha vez con claridade as súas preferencias de sempre. O presidente norteamericano fixo mención ao terrorismo 50 veces en 10 minutos e acusou de novo a Arafat de non facer esforzos pra que desapareza, apoiou a eliminación dos inimigos de Israel e amosou preocupación polo benestar do seu povo. Mentres que as referencias a Palestina, aos asentamentos e aos 35 anos de ocupación, adicoulle 3 minutos.

Sendo deste xeito, Bush ben puidera esquecer estas débiles promesas en poucos días se non aumenta a presión interna e exterior. Por esta razón é fundamental hoxe ¡importantísimo! a mobilización da sociedade en todos os lugares do mundo.

En Palestina estase moi preto do xenocidio, a un tris. Os miles de detidos indiscriminadamente, os bombardeos masivos, a destrución de casas civís e de edificios públicos, o asasinato selectivo, a matanza impune de centos de persoas e a tortura sistemática, reflicten un panorama arrepiante e sen ningún freo. Esta situación resulta aínda máis grave e preocupante xa que conta tanto co aval dos partidos de direita, integristas e do laborismo.

Nunca as razóns estratéxicas, económicas, que se argumentan a cotío dende o mundo rico pra apoiar a esa maquina militar que é Israel ou pra aceptar as decisións do seu protector norteamericano, pódennos facer pechar os ollos diante do terrorismo de estado, a discriminación e a destrución premeditada dunha nacionalidade. Da opresión xurde o odio e xermolan as saídas desesperadas. En Palestina o mundo está na encrucillada, e desta volta non é doado mirar pra outra parte. Estase probando dun xeito duro e amargo (de novo) ate que ponto a democracia e os direitos humáns non só un luxo dos poderosos.


Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Migración da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/04/2002