Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 30 de abril de 2002 (Publicado en A Nosa Terra o 25/04/2002)

En 1977 abrindo portas á liberdade
 

Manuel Mera-

cig.form-sindical@galizacig.com



O 18 de marzo de 1977 saía nos xornais unha nota da Intersindical Nacional Galega (ING) na que dicía que, unha vez constituída, os sindicatos integrados nela (SOG, SGTM, UTEG, UTBG e UTSG) quedaban desvinculados da Asemblea Nacional Popular Galega. A independencia a respeito da ANPG procuraba un sindicato que abranguera a sectores que necesariamente non compartiran o seu programa político. O tempo amosaría que esta non era unha decisión menor, xa que permitiría no futuro a unificación con outros sindicatos que, como a CTG e a CSG, proviñan de fora do chamado movemento nacional popular galego.

Aqueles eran anos revoltos, nos que o movemento obreiro saia afortalado de varias décadas de loita a prol da millora das condicións laborais, así como das liberdades democráticas e nacionais de Galiza, contra unha dictadura incapaz de frear o descontento social existente. Papel protagónico que practicamente en exclusiva aínda mantivo durante todos os anos da transición (sen esquecer ao estudantado, e aos labregos pobres neste último período). Como mostra, ese mesmo mes de marzo nos que a comarca de Vigo vivía a folga de Forjas del Miñor, e de Cablerias Conductoras nas que a patronal respondeu con 66 despidos nun primeiro intre. Ou o paro dos traballadores da construción en Ourense, que se estendeu por A Rúa, Ribadavia, Celanova, Barco de Valdeorras e O Carballiño. Mais, sen lugar a dúbidas, a folga máis importante dese mes foi a do transporte na provincia de Pontevedra, e moi especialmente na bisbarra de Vigo.

O paro do transporte encetou o día 21 de marzo, daquela eran morea os autobuses que chegaban a praza España, traguendo miles de obreiros dos arredores pra traballar na construción, hostalería, e outras actividades manuais, polo que era lóxico que fora alí onde se concentrou o piquete máis numeroso. Eramos varias ducias de militantes sindicais, especialmente do SOG, que repartiamos otavelas e pediamos solidariedade. Os conductores fóronse sumando ao paro, xogando un papel destacado pra que así fora Ismael Otero “Clavelitos”, antigo traballador do sector e moi popular; e loxicamente o desexo da clase obreira de millorar as condicións laborais e un sentimento común de sentirse fortes diante dun governo transitorio e herdeiro dunha dictadura derrotada.

A patronal manteríase dura, intransixente, o que fixo que as empresas máis afectadas negociaran pola súa banda, dando lugar á mediación do Delegado Provincial de Traballo. O día 29 chegábase a un acordo entre as partes. Que podemos resumir en: retirada das sancións aos traballadores en paro, 2 pontos de aumento máis IPC, máis días nas pagas extras de “18 de Julio” e “navidade”, etc. Os soldos fixábanse en 19.050 pesetas pra un conductor mecánico e 14.250 pra un mozo de garaxe. A folga aínda tragueria secuelas e, ao día seguinte, unha representante do SOG na Comisión Negociadora, da empresa Posadas, seria despedida como represalia.

Estes feitos, dos que fai agora 25 anos, tiñan como protagonistas á mocidade e unha clase obreira menos urbán, mais non por eso menos combativa ou concente das súas necesidades colectivas e como país. As súas loitas abriron paso a unha maior liberdade de expresión e a un recoñecemento de Galiza como nacionalidade histórica. Hoxe, diante de novos problemas (paro, eventualidade, perda de identidade, etc) deberamos de cando en vez, se cadra, voltar os ollos tamén sobre aqueles intres nos que tan poucos mudaron tanto a forza de atrevemento, entrega, teimosía, solidariedade e desexo de xustiza.


Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Migración da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/04/2002