Actualidade / Manifesto Volver


Santiago, 9 de maio de 2002

17 de maio, Dia das Letras, polo direito elemental a aprendermos en galego
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Polo direito elemental a aprendermos en galego.
 
A escola continua a ser unha institución desgaleguizadora. O alunado chega á escola falando galego en maior medida que o fai durante a sua estadia escolar e xa non digamos ao abandonar o sistema educativo. E asi resulta cando menos paradoxal que é un dos peares de calquer sociedade –a institución escolar– estea a cumprir un papel contrário ao desenvolvimento pleno do noso idioma.

Cando van máis de 6 anos da publicación do Decreto 247/95 (que desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a sua aplicación ao ensino en língua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes níveis non universitários) e 19 anos da Lei de Normalización Lingüística, que recoñece o galego como língua própria de Galiza, constatamos que, no ensino en xeral e no ensino Infantil en particular, nen sequer se garante o direito de que os nenos e nenas de Galiza sexan escolarizados no idioma próprio.

Preocupa-nos o escaso avanzo dos usos do noso idioma como língua veicular no ensino. Todos os estudos, proveñan de onde proveñan, confirman a grave perda de galego-falantes. Mentres o 85% das persoas maiores de 65 anos teñen como língua habitual o galego, de 16 a 20 anos só chega ao 46% (nas cidades esta porcentaxe só acada o 31%). Xusto as nenas e nenos escolarizados durante a vixéncia da Lei de Normalización Lingüística son os únicos que non teñen como língua maioritária de uso o galego. Recentemente, un informe da Unesco vén corroborar o retroceso alarmante de galego-falantes que, de continuar esta tendéncia, poria en perigo o seu futuro.

Apesar disto incumpren-se reiteradamente os aspectos máis positivos do Decreto 247/95. Calquer que sexa o nível educativo, o incumprimento dos mínimos da lexislación sobrepasa o 65% (ainda respeitados na sua totalidade non significarian máis de 1/3 das aulas en galego). En Educación Infantil, nos centros onde a língua predominante é o galego, somente se imparten as aulas en galego no 17%; no resto dos centros, a presenza do noso idioma é insignificante.

Estas constatacións respeito da língua no ensino sinalan que a Xunta de Galiza está conculcando un direito elemental do alunado galego, como é o de ser escolarizado no próprio idioma. Nen sequer se garante o direito a receber o ensino na nosa língua a aquel alunado que ten como língua habitual o galego, contravindo a Carta Europea de Línguas Minoritárias –subscrita polo Governo español–, a Declaración Universal de Direitos Lingüísticos, a Lei de Normalización Lingüística e o Decreto 247/95 de galeguización do ensino.

Por iso, perante tanta pasividade e incumprimento dos direitos máis elementais das persoas e dos povos, entre os cales está o direito a receber educación en língua própria, diriximo-nos ao Governo da Xunta coa exixéncia de:

Que en cumprimento dun direito fundamental, recollido no artigo 8 da Carta Europea das Línguas Minoritárias, no artigo 29, apartado 1 da Declaración Universal dos Direitos Lingüísticos e no artigo 4, apartado 4 do Decreto 247/95, se garanta o ensino en língua galega na etapa de Educación Infantil e no 1º ciclo de Educación Primária ao alunado galego-falante, sen prexuízo do contemplado a respeito do uso da língua predominante entre o alunado.

Que se tomen todas as medidas necesárias para dar cumprimento imediato do Decreto 247/95 de galeguización do ensino e outras que fagan posíbel que a institución escolar se converta na máis firme valedora da recuperación de usos do idioma galego.

Que a Xunta de Galiza asuma e garanta a presenza real e viva da nosa língua en todos os eidos, desde o ensino e a administración deica os meios de comunicación e o mundo da xustiza, pasando polo mundo da empresa e o traballo, o da novas tecnoloxias ou o da toponímia própria.

Que, de acorde con iso, a Xunta de Galiza acometa de xeito urxente a redacción dun Plano Xeral de Normalización Lingüística –no que participe activamente o conxunto da sociedade galega–, destinado á garantir a plena normalización de usos sociais do noso idioma.


A Mesa, AS-PG, BNG, CAE, CAF, CIG, Nova Escola Galega, SLG.




Manifestación nacional

17 de maio ás 12 horas na Alameda de Santiago de Compostela.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/05/2002