Actualidade  Santiago, 9 de maio de 2002
Fai un chamado público a apoiar a manifestación do 17 de maio A CIG a prol de que se garanta o direito dos nenos e nenas galegos a aprender na língua própria
| |  | | Polo direito elemental a aprendermos en galego. | | | Con motivo da celebración os vindeiros dias do 17 de maio, Dia das nosas Letras, a Confederación Intersindical Galega (CIG) quer manifestar publicamente a importáncia desta data para o noso país, sobretodo no que ten na sua vertente de reivindicación social do idioma próprio. Neste sentido, a CIG está a participar activamente (xunto con outras organizacións: A Mesa, AS-PG, BNG, CAE, CAF, Nova Escola Galega e SLG-CCLL) nunha campaña de promoción do galego que se está a desenvolver con diversos actos por todo o país baixo o lema "Polo direito elemental a aprendermos en galego". O obxectivo desta campaña é transladar ao conxunto da sociedade galega a grande preocupación existe en boa parte das famílias de Galiza que están a ver como o ensino, que debera ser o motor da normalización social do galego, segue a ser un instrumento que abunda na desgaleguización dos nenos e nenas galegos. É dicer, ainda hoxe, tras máis de vinte anos de proceso do desenvolvimento autonómico –e de competéncias plenas na educación non universitária polas institucións galegas– o galego está lonxe de ter o espazo que merece como língua própria do país. Xa que logo, desde a CIG entendemos que se está a producir a conculcación dun direito fundamental como é o direito que todo neno ou nena ten a ser escolarizado no seu idioma próprio, algo recollido tanto na lexislación internacional (Carta Europea das Línguas Minoritárias ou Declaración Universal de Direitos Lingüísticos) como na nacional (Lei de Normalización Lingüística de Galiza). De feito, o Decreto que desenvolve a Lei de Normalización para o ámbito do ensino, vixente desde o curso 1995–96, está a ser incumprido na maioria dos centros de ensino, sexan públicos como privados (onde o grao de incumprimento ainda é maior). O que xa non se entende desde a nosa central sindical é a manifesta pasividade da Xunta de Galiza e do Governo do Partido Popular que, mália as reiteradas denúncias por parte da case a totalidade da comunidade escolar (amplos colectivos en representación de pais e nais, profesarado ou alunado), non actua velando polo cumprimento do dito Decreto, nen acomete iniciativas de profundo calado en prol da normalización do uso do galego no ensino. Por último, a CIG fai un chamado público a que sociedade galega, nomeadamente dos traballadores e traballadoras do noso país, participe e se involucre nos obxectivos desta campaña e todos os cidadáns e cidadás apoien, coa sua presenza, a manifestación que vai ter lugar o vindeiro 17 de Maio ás 12 h. desde a Alameda de Santiago de Compostela, en demanda do direito elemental a que os nenos e nenas de Galiza poidan realizar a sua aprendizaxe regrada no idioma próprio do país. Santiago de Compostela, 3 de maio de 2002.
Manuel Mera Sánchez, Executiva Confederal CIG.
|