Actualidade / Documento Volver


Vigo, 16 de maio de 2002

Informe sobre as “medidas de reforma da protección por desemprego e da Lei Básica de Emprego”
 

CIG-Gabinete Técnico-

cig.institucions-estado@galizacig.com



A reforma da protección por desemprego

Parece que o governo de Aznar esta-se habituando a propoñer as súas medidas regresivas xusto antes do 1º de Maio. Ocorreu xa o ano pasado coa Reforma Laboral e co Acordo de Pensións e repíte-se este ano co anuncio e presentación das medidas de reforma da protección por desemprego e da Lei Básica de Emprego. Con esta exhibición de prepotencia, seguramente o próximo ano propoñerán de novo a reforma da negociación colectiva, para recortar salarios e direitos da clase traballadora (algo que se desprende das conclusións do Cumio europeo de Barcelona) e outro tipo de reformas encamiñadas a aumentar a idade de xubilación e proibir e penalizar ainda máis a xubilación anticipada. Todo iso, no seu conxunto, constitúe un paquete laboral e social contra a clase traballadora de enorme envergadura, que sitúa ao estado español como punta de lanza a prol dunha Europa que, baixo a ideoloxía neoliberal imperante, dispón-se a desmantelar apresuradamente o seu modelo social.

O que agora propón o governo de Aznar ven a engrosar ese paquete antisocial con un recorte de direitos que se ensaña con aquelas persoas que están en pior situación, acosando ás persoas en paro para quitarlles a prestación por desemprego se non aceptan ofertas de traballo que poden resultar indignas e salarialmente insuficientes para a subsistencia familiar, , suprimindo a especial protección asistencial dos traballadores e traballadoras do campo nalgunhas Comunidades do Sur,endurecendo os requisitos de acceso ao subsidio de desemprego para os emigrantes retornados, etc.

Pero a reforma tamén afecta directamente ás persoas que teñen emprego, porque lles recorta direitos económicos cando se queden sen traballo, suprimindo os chamados “salarios de tramitación” que corresponde percibir, xunto coa indemnización, cando a persoa é despedida inxustamente, modificando a regulación das persoas fixas-discontinuas para privar-lles do direito ás prestacións por desemprego, retrasando o abono das prestacións por desemprego durante o período en que a persoa asalariada houbera debido de disfrutar as vacacións, dándo-lles aos empresarios parte do subsidio do traballador cando contraten a maiores de 52 anos, computando as indemnizacións por despedimento como renda para o cálculo do limite de ingresos que da direito ao subsidio de desemprego, etc.

A continuación vamos a ir vendo e comentando cada unha das medidas previstas polo governo español.


1. Reordenar o subsidio agrario limitando a entrada de novos beneficiarios

Establecén-se unha serie de restriccións para acceder a este subsidio especial destinado aos traballadores por conta allea de carácter eventual, domiciliados nas comunidades de Andalucía e Extremadura, e incluidos no réximen especial agrario. As persoas que o soliciten por primeira vez e aquelas que non foran beneficiarias do mesmo en nengún dos 3 anos precedentes ao de solicitude quedan excluidos do mesmo. Esta limitación, xunto á que despois se establece na medida nº 3, ven a significar a práctica desaparición deste subsidio especial.


2. Impulsar a mobilidade xeográfica dos beneficiarios do subsidio agrario

Esta medida vai destinada a aplicar o concepto de “emprego adecuado” aos beneficiarios do subsidio agrario (andaluces e extremeños) para que non poidan rexeitar un emprego que implique un desprazamento de 50 quilómetros ou menos. Con carácter preferente para este colectivo potenciaran-se as axudas por desprazamento e por cambio temporal de residencia. Tamén se reforzarán as axudas para aloxamento e manutención como consecuencia de cursos de formación ocupacional, previstas no Plan FIP, cando exista unha oferta de formación en firme para incorporarse ao mercado de traballo.

Finalmente, di-se que esta medida desenvolverase cun carácter máis xeral para que sexa aplicable a todos os desempregados, completándose alomenos as axudas xa existentes para os desprazamentos da Dirección Xeral de Ordenanción das Migracións, así como cas previstas na medida 4 (compatibilizar prestacións con salarios), que despois veremos.

Está claro que as persoas que rexeiten unha oferta de emprego que implique desprazamento quedarían sen subsidio agrario. Sen embargo non se concretan a potenciación e reforzamento das axudas previstas. O texto tampouco permite coñecer como se van a aplicar (prazos, condicións e coantías) estas axudas con carácter xeral a todos os desempregados. Case con toda seguridade que van a ser medidas fiscais previstas na nova Lei do IRPF e que se concretarán no seu Regulamento, o que provocará, tendo en conta o sesgo desta reforma, situacións de discriminación para as persoas con rentas máis baixas.


3. Sistema contributivo progresivo para os eventuais agrarios

Os traballadores e traballadoras agrarios de carácter temporal están excluidos da protección por desemprego, agás no caso especial do PER (Plano de Emprego Rural) para Andalucía e Extremadura.

Agora o governo propón que a cotización sexa obrigatoria para todos os eventuais agrarios en todo o territorio do Estado e que a protección por desemprego sexa a establecida con carácter xeral, inda que a duración da prestación contributiva sería diferente, inferior á establecida no réximen xeral, cunha relación de 1 día de prestación por cada 4 de ocupación cotizada. Por exemplo, si no réximen xeral por un período de cotización desde 360 días ata 539, corresponden 120 días de prestación contributiva, os eventuais agrarios terían so 90 días. Se no réximen xeral corresponde 540 días de prestación por un período cotizado desde 1620 días ata 1799, os eventuais agrarios so terían 405 días. Pero ademáis, o sistema sería “contributivo puro”, sen outorgar dereito aos subsidios por desemprego de nivel asistencial.

Se o tipo de cotización e a súa distribución entre empresarios e traballadores é o mesmo que o que existe con carácter xeral, é totalmente inxusto que aos traballadores e traballadoras agrarias, contratadas eventualmente, se lles esixa os mesmos períodos cotizados que no réximen xeral e sen embargo se lles recoñeza menor duración das prestacións contributivas e nengunha prestación asistencial.

Esto, xunto á medida nº1, deixaría fora da protección por desemprego a grande maioría dos “xornaleiros” andaluces e extremeños. En Galiza e noutras zonas do Estado a situación melloraría para os eventuais agrarios, tendo en conta que hoxe non teñen dereito á protección por desemprego. Pero tampouco se lles equipara co réxime xeral nen na duración da prestación contributiva nen no dereito a unha prestación asistencial. Se temos en conta os censos do réximen especial agrario dos últimos anos estamos a falar dun colectivo de aproximadamente 3.700 persoas eventuais ( 1400 en A Coruña e Lugo, 600 en Ourense e 1300 en Pontevedra), inda que duns anos a outros pode haber variacións importantes en función do tempo atmosférico e doutras variables orzamentarias e políticas. Hai que ter en conta que neste réxime especial hoxe en día están incluidos grande parte das persoas que son contratadas para actividades forestais, anque é moi discutible que sexa ese o seu encadramento correcto, xa que non realizan actividades agrarias propiamente ditas para a obtención de froitos ou productos, senón traballos de interés xeral para a comunidade, subvencionados ou realizados directamente pola Xunta de Galiza e os Concellos e relacionados co meio ambente e a prevención de incendios forestais; polo tanto deberían cotizar no réxime xeral da Seguridade Social.


4. Compatibilizar prestacións con salarios

O governo trata de que poida ser posible compatibilizar o pago de prestación coa realización dun traballo por conta allea e dous tipos de programas:

Programa a) Subvencionaría-se ao empresario con parte do subsidio correspondente cando contrate a unha persona maior de 52 anos ou beneficiaria da Renta Activa de Inserción. O empresario non tería así que pagar todo o salario senón so un complemento. Afectaría a calquera tipo de emprego no sector privado, indefinido e temporal, a tempo completo ou parcial, excluindo aos sectores en restructuración, empresas con regulacións de emprego, empresas en situación de folga e empresas familiares. Tampouco poderán acollerse a este programa aquelas empresas que houbesen contratado anteriormente á persoa parada, o que quere decir que si son un parado maior de 52 anos non me poden mandar de novo á empresa onde tiven o último contrato. O traballador reanudaría o dereito ás prestacións que lle resten de percibir, recalculando os períodos que lle corresponden –sempre que o cese fose involuntario- sen que se lle desconten como período consumido a estos efectos, as cantidades pagadas como axuda á mobilidade xeográfica.

Estamos ante outra subvención aos empresarios. As empresas grandes a través de expedentes de regulación de emprego botan fora ás persoas maiores. As pequenas empresas tamén adoptan decisións dese tipo, a través do despedimento individual, onde moitas veces da-se un componente de discriminación por razón de idade certamente difícil de demostrar ante un xuiz. Agora os Servicios Públicos de Emprego tratarán de ofrecerlles un “emprego adecuado” (e xa veremos máis adiante que quere decir esto) noutra empresa, utilizando o mecanismo da subvención directa ao empresario. Os problemas de despedimento de maiores de 50 anos e de empregabilidade destas persoas afrontan-se así con outra segmentación do mercado de traballo, a favor dos empresarios, e cunha presión sobre a persoa parada para que acepte un traballo de calquera clase e condición, inda que obxectivamente non sexa interesante para ela por motivos familiares ou mesmo por motivos económicos. O subemprego é unha solución indigna para unha persoa que contra a súa vontade foi expulsada do mercado laboral e que ten problemas de empregabilidade por razóns de idade.

Programa b) Consistiría en facilitar ás empresas pequenas, de menos de 50 traballadores, un parado (beneficiario de prestacións con posibilidade de incluir demandantes en xeral) para que substitúa a un empregado durante o tempo en que éste participa nun curso de formación. A empresa seguiría pagando o salario habitual á persoa que se está formando, pero so unha parte do correspondente á persoa que a substitúe, xa que o INEM financiaría parte dos custes.

A medida en sí parece positiva, pero pouco práctica como potenciación da formación e cualificación profesional. En realidade vai ser un programa totalmente marxinal. ¿Qué empresas pequenas van a utilizar esta posibilidade?. Hoxe prácticamente todos os casos de formación permanente nestas empresas fan-se fora da xornada pactando, no mellor dos casos, compensacións para o traballador ou traballadora. Cando unha formación moi específica require desprazamento ou ausencia total da persoa asalariada, que son casos moi contados, a carga de traballo soe ser asumida polo resto das persoas empregadas.


5. Establecer a non cotización por desemprego do emprego público subvencionado

Tratá-se de suprimir a cotización ao desemprego nos contratos dos traballadores e traballadoras que participan en políticas activas de emprego. Agora considerararía-se que esta contratación ten como finalidade a adquisición de experiencia e non é necesariamente un traballo productivo, nen unha forma de acceso á protección por desemprego. So cotizarían por desemprego as contratacións de personal especializado para a conducción dos diferentes programas (docentes, monitores, personal técnico e de apoio, etc).

Outra medida máis de recorte de dereitos. A única intención é quitarlles a protección de desemprego as persoas que son contratadas polas Corporacións Locais e outras Administracións que participen en políticas activas e mellora da ocupabilidade. Estaríamos a falar dos convenios de colaboración dos Servicios Públicos de Emprego con Administracións e outros organismos públicos, dos programas de Escolas-Taller e dos contratos de inserción.


6. Eliminación dos salarios de tramitación

Preténde-se que en caso de despedimento improcedente nen o empresario nen a Administración estean obrigados a pagar os salarios que se foron acumulando ata o intre en que a sentencia é firme ou se produce a conciliación. O traballador percibiría a prestación por desemprego dende o día seguinte ao cese. Se a empresa readmitira ao traballador, entón a empresa deberá integrar ao INEM as cantidades percibidas por desemprego.

Esta medida afecta máis ao custe do despedimento que ao sistema de desemprego. A súa intención é abaratar o custe do despedimento para o empresario e tamén que a Administración afórre-se uns cartos. O tempo medio de trámites é de 4 meses e representa un volumen económico moi importante...

Para a persoa despedida as consecuencias son moi graves. Perde a indemnización correspondente a eses salarios, perde a cotización deses meses, perde capacidade de negociación fronte a un despedimento improcedente que, agora, lle vai sair máis barato ao empresario. É unha medida que favorece a non readmisión da persoa inxustamente despedida. Tamén hai que considerar que o feito de adiantarse o paro e acortarse o tempo de cotización previo vai ter incidencia na duración da prestación de desemprego e mesmo facer que non se chegue a reunir a cotización necesaria para xenerar este dereito.


7. Establecer o compromiso de actividade dos beneficiarios de prestacións por desemprego

O beneficiario de prestacións debe asinar un compromiso de actividade que acredite a súa disponibilidade para aceptar un traballo adecuado(segundo a nova concepción que despois veremos), realizar as actividades necesarias para mellorar a súa empregabilidade, así como as accións personais para atopar unha colocación. A percepción das prestacións e subsidios quedaría condicionada á suscripción efectiva e obrigatoria do citado compromiso.

Estamos ante unha nova mentalidade e actitude de acoso e persecución das persoas en paro. Veremos en que consiste concretamente “realizar as actividades necesarias pra mellorar a súa empregabilidade, así como as accións personais para a busca de colocación”. Estar disposto ou disposta a asistir a cursos de formación. Está ben, pero ¿a qué cursos? ¿a qué distancia? ¿Terá que tomar a persoa a iniciativa e buscar eses cursos pola súa conta para demostrar a súa boa disposición? ¿que tipo de accións personais terá que realizar a persoa en paro para buscar emprego? ¿Contestar a anuncios, visitar empresas? ¿E como demostrará que está buscando activamente emprego máis alá do que o Servicio Público lle oferte?


8. Ampliar os beneficiarios da renta activa de inserción (RAI)

Propoñen incorporar a aqueles colectivos de desempregados desprotexidos con maiores dificultades de inserción, preferentemente a parados de longa duración, maiores de 45 anos e discapacitados, ao Programa da Renta Activa de Inserción, combinando unha axuda económica con medidas activas de emprego, tutoría individualizada e desenvolvemento dun itinerario de inserción.

Falar da RAI non é falar do sistema de protección ao desemprego. Non é unha prestación, non inclúe cotización nen se configura como un dereito en relación ao traballo, senón que se concibe como unha axuda asistencial, como unha renta mínima de inserción. Esta renta depende dun orzamento anual para atender a colectivos de difícil inserción laboral. Ao governo, parellamente ás medidas de acoso ás persoas en paro, interésalle substituir as prestacións por desemprego por este tipo de asistencia para atender a aqueles casos máis graves, ampliando máis ou menos a súa cobertura e orzamento en funcións das circustancias de cada momento.

Nesta medida aparece de novo a verdadeira intención do governo: que a protección por desemprego non se configure como un dereito, senón que se vencelle ás políticas activas que se propoñan dende os Servicios Públicos de Emprego, de xeito que as percepcións económicas estean condicionadas e subordinadas a esas políticas e para iso modifica o concepto de “emprego adecuado” e impón o “compromiso de actividade”. En relación con ese proxecto, propoñen como alternativa ampliar a Renta Activa de Inserción para acoller a aquelas persoas que por mor de situacións de exclusión queden fora do sistema; para esos casos configura-se unha axuda asistencial en función do que políticamente se decida invertir cada ano.


9. Redifinir o concepto de “emprego adecuado”

A redifinición deste concepto é un dos peares da reforma.

Considerara-se profesión adecuada a demandada pola persoa en paro desde o inicio da prestación e , ademáis, todas as seguintes:

  • As que se correspondan coa profesión habitual do traballador, considerando habituais todas as profesións que se exerceron durante un período de tempo de entre 6 e 12 meses.

  • As que coincidan coa última actividade laboral realizada.

  • Calquera outra profesión que se axuste ás aptitudes físicas e formativas do traballador.

Pero, transcurrido un ano desde o inicio da prestación, tamén se considerará adecuada a colocación en calquera outra profesión que a criterio do Servicio Público de Emprego poida ser debidamente exercida polo traballador.

Respecto do salario, insiste-se en que non se pode rexeitar un posto de traballo inda que a súa remuneración sexa inferior ao que se estea a cobrar no paro. E a relación laboral ofrecida pode ser indefinida, temporal, a tempo completo ou a tempo parcial.

En canto ao lugar de ubicación, o emprego considerara-se adecuado:

  • Se existe aloxamento apropiado no lugar do posto de traballo.

  • Se está situado nun radio inferior a 50 quilómetros da localidade de residencia e/ou non supere as 3 horas (en total) de desprazamento ,e/ou non supoña un gasto superior ao 20% do salario neto mensual.

Nos desprazamentos temporais, sen cambio de domicilio, preveese que se potencien as axudas ao desprazamento, pero non se concretan.

Establecen-se tamén as infraccións, de forma que ademáis do rexeitamento expreso do “emprego adecuado”, existirán as seguintes:

  • Non renovar a demanda de emprego.

  • Non comparecer ás citacións dos SPE ou ás das súas Entidades Colaboradoras ou da Entidade Xestora da Prestación.

  • Non aceptación de accións para mellorar a ocupabilidade (formación, orientación, etc).

  • Non presentación á oferta de emprego.

  • Non devolución da xustificación da non cobertura do posto de traballo.

  • Adopción manifesta ou de comportamentos para impedir que se materialice a contratación ou que se mellore a ocupabilidade.

  • Non desenvolver períodicamente actuacións personais para obter emprego (visitas a empresas, envío de curriculums, etc).

  • En xeral, calquera outra que supoña non cumplir coas especificacións do Compromiso de Actividade ou incumprimento do itinerario e medidas para a mellora da ocupabilidade prescritas polo Técnico de Emprego.

En canto ás corres pondentes sancións, establécen-se as seguintes:

  • Para as infraccións graves:

    • Reducción de tres meses da prestación en caso de rexeitar por primeira vez un emprego.
    • Reducción de seis meses no caso do segundo rexeitamento.
    • Perda total do dereito á prestación no terceiro rexeitamento.

  • Para as infraccións leves:

    • Primeira infracción: reducción do dereito en 1 mes.
    • Segunda infracción: reducción do dreito en 3 meses.
    • Terceira infracción: reducción do dereito en 6 meses.
    • Cuarta infracción: perda total do dereito.

Finalmente, preveense unha serie de requisitos e actuacións para garantir o funcionamento da nova regulación. Son as seguintes:

  • Atención personalizada. O que require incremento substancial de recursos humanos para realizar un control adecuado e tramitar con rapidez o réxime sancionador.

  • Coordenación absoluta entre os SPE e a Entidade Xestora da Prestación.

  • Incremento do número de accións de formación, orientación, etc. dirixidas aos beneficarios de prestacións, establecendo fondos finalistas para a súa atención.

  • Reforzar a intermediación dos SPE: Nos empregos públicos subvencionados polo INEM, a selección dos traballadores farase directamente polo INEM ou o correspondente SPE. Nas ofertas de empresas, o SPE poderá solicitar a súa presencia nos procesos de selección.

Este é o verdadeiro significado da reforma. Unha persoa en paro é unha persoa sospeitosa e presunta culpable de non querer traballar. Hai que acosala e poñela en situación de aceptar calquera tipo de traballo. Para iso o mellor é que sexa o Servicio Público de Emprego quen teña a última palabra sobre o que é un emprego adecuado para ela.

A discrecionalidade é enorme. Antes de transcurrido un ano desde que estás no paro, “emprego adecuado” pode ser: o que tí solicita-ches na demanda de emprego, o que coincida co teu último traballo, calquera outro que houbeses exercido alomenos durante seis meses, ou ben “calquera outra profesión que se axuste ás aptitudes físicas e formativas do traballador”, a xuizo dos servicios públicos de emprego. Despois de transcurrido un ano desde o inicio da prestación, a discrecionalidade é absoluta e o que vai a ser teu “emprego adecuado” dependerá do criterio subxectivo dos servicios públicos.

A persoa en paro deixa de ser unha persoa que tivo a desgracia de quedarse sen traballo e á que hai que protexer económicamente durante un tempo así como informala, orientala e formala profesionalmente para que atope un emprego adecuado ás súas aptitudes e características personais e familiares. Agora pasa a ser sospeitosa de non querer traballar, polo que hai que presionala para que acepte calquera tipo de traballo, en calquera lugar e condición, sen ter en conta as distintas situacións personais e familiares, baixo amenaza de sanción. O seguro de desemprego aporta ademáis de renta, tempo para atopar un emprego adecuado e autonomía personal, estabilidade macroeconómica e tamén sirve de colchón ante o perigo de exclusión social. Agora, a ideoloxía antisocial imperante pretende que o paro, a inseguridade e o medo favoreza a flexibilidade laboral, a aceptación de calquera tipo de traballo, inda que sexa de menor cualificación e remuneración, para presionar, en definitiva, a prol de menor salario e maiores beneficios empresariais.

Xunto á referencia profesional, para a definición do “emprego adecuado”, impon-se tamén unha determinada condición de mobilidade xeográfica (desprazamento inferior a 50 quilometros e/ou duración do desprazamento inferior a 3 horas) que ven a operar de forma inflexible e homoxénea para todo o territorio estatal, sen ter en conta as diferencias existentes entre unhas zonas e outras en canto ás infraestrucutras e aos servicios públicos de transporte disponibles. Noutros estados europeos (Reino Unido, Alemania, Francia) unha persoa pode rexeitar unha oferta de emprego se, por exemplo, impide atender responsabilidades familiares ou se a súa remuneración é manifestamente inferior ao traballo anterior (que pode ser insufiente para o mantenemento da economía familiar polo que a persoa en cuestión pode necesitar máis tempo para atopar un traballo en condicións), ou tamén por motivos de xornada (empregos de poucas horas) ou de horario irregular. Aquí todas estas cuestións non se contemplan, senón que se pon en marcha un mecanismo de presión, control e axilización de sancións que obriguen á persoa en paro a aceptar calquera tipo de traballo, o que favorece a súa explotación e potencia o desarraigo familiar e social. E despois seguirán a falar da conciliación da vida familiar e laboral, que sempre queda ben.

Débe-se notar que non se trata de mellorar uns servicios públicos de emprego claramente ineficientes e ineficaces, que apenas xestionan o 17% da colocación, senón que se fala de incremento substancial de recursos humanos para asegurar o control e a persecución das persoas en paro que estén cobrando prestacións. Desde logo que non se trata de aumentar a capacidade de intermediación, nen da captación de ofertas, nen da mellora dos itinerarios de inserción ou da atención personalizada, porque, como sabemos, os Servicios Públicos de Emprego xa se foron desmontando a través de sucesivas reformas e agora, polo que se ve, so pretenden aumentar o seu papel policial e represivo, cebándose nas persoas en paro.


10. Reordenar a capitalización da prestación por desemprego

Modificara-se a actual capitalización de prestacións , na que se cobra, nun pago único, a totalidade da prestación contributiva pendente de percibir, de forma que agora o que se pretende é subvencionar mensualmente as cuotas de Seguridade Social daqueles beneficiarios de prestacións contributivas que formen unha Cooperativa ou Sociedade Anónima Laboral, ou ben se incorporen a unha xa constituida ou ben se establezan como autónomos.

Non parece que esta sexa unha medida adecuada para fomentar a creación de empresas de economía social, xa que todo o mundo sabe que é moito mía práctico dispoñer do total da prestación para facer fronte as dificultades que todo inicio de actividade conleva.


11. Limitar a protección por desemprego dos traballadores fixos-discontinuos

Preténde-se aproveitar esta reforma para modificar a regulación dos fixos-discontinuos, de forma que so se consideraría protexido polo desemprego exclusivamente aos que estén amparados pola relación laboral prevista no art. 15.8 do Estatuto dos Traballadores, cando carezan de ocupación efectiva ( refíre-se aos contratos que se concertan para realizar traballos de natureza fixa-discontinua dentro do volumen normal de actividade da empresa, e que non se repitan en datas certas).

Esta é unha pretensión antiga por parte da Administración, que intentou quitarlles a prestación por desemprego ás persoas fixas discontinuas periódicas, que realizan unha actividade que se repite en datas certas, argumentando que en realidade tratába-se dun traballo a tempo parcial e que a protección por desemprego implicaría un trato máis favorable para este colectivo.

Estamos pois ante un novo recorte que afecta a colectivos moi numerosos en Galicia, tanto no sector de conserva, como de limpeza, servicios escolares, transporte, hosteleria, traballos forestais, etc, que non poderían cobrar as prestacións por desemprego durante os períodos que non teñen ocupación efectiva. Nestes sectores, con predominio de contratación eventual, as demandas sindicais trataron sempre de que nos convenios colectivos se calificara a contratación “de temporada” como fixa-discontinua e non como eventual. Agora, por mor da reforma, esta medida de estabilidade viraría-se contra os propios interesados, xa que non poderían cobrar o paro, mentres que se fosen eventuais terían esa posibilidade. É o colmo da incoherencia, pero todo vale, porque do que se trata é de recortar o dereito á protección por desemprego.


12. Reordenar a proteccion dos emigrantes retornados

Endurecen-se as condiccións de acceso ao subsidio por desemprego dos emigrantes retornados. Agora o emigrante retornado, obxecto do subsidio, debe ser unha persoa que marchara “exclusivamente por motivos de traballo” a un Estado que non perteneza á Unión Europea ou ben que non teña convenio co estado español sobre protección por desemprego e que, ademáis, permanece-se traballando durante un período mínimo de 6 anos no extranxeiro. (Ata agora se lles esixía demostrar que traballaran no extranxeiro un período non inferior a seis meses dende a última saida ou ben ter agotado as prestacións por desemprego a súa volta, ter responsabilidades familiares e rendas inferiores ao SMI).

Na práctica, a aplicación do subsidio non so comprendía, en senso estricto, aos emigrantes que retornaban a Galiza, senón a aqueles que sendo fillos ou fillas da pais galegos, e tiveran a nacionalidade española, quixeran ou necesitaran voltar. Deste xeito, o subsidio para “emigrantes retornados” operaba tamén como un salario de inserción para informarse, formarse e atopar emprego, facilitando así a volta de xente nova, fundamentalmente de Iberoamérica, que viñera a traballar a Galiza ou a calquera outro territorio do Estado español. Xustamente iso é o que se pretende cortar agora, precisamente nun intre en que a situación en determinados paises de Sudamérica é máis que crítica, xa que se establecen dous filtros: 1) emigrante retornado so se considera o que saira de España por motivos de traballo exclusivamente e non os que naceron no extranxeiro ou viaxaron por motivos familiares e despois se estableceron alí; e 2) deberon permanecer e traballar no extranxeiro durante un período mínimo de 6 anos. Esta medida, polo tanto, débe-se vencellar ás políticas restrictivas sobre inmigración que está a desenvolver o governo español. A decisión é máis grave se temos en conta as relativas posibilidades de integración laboral e social dos “emigrantes retornados”, fillos e netos de galegos, en relación con outras comunidades e colectivos de inmigrantes. Non cabe dúbida de que o feito de estar protexidos polo subsidio de desemprego durante un tempo (básicamente 18 meses) era un incentivo importante á hora de tomar a decisión de retornar ou simplesmente de vir-se.


13. Adecuar o concepto de rentas incompatibles co subsidio

Tratan de establecer que a indemnización por extinción do contrato de traballo, sexa cal fose a súa periocididade, forma de percepción ou denominación, así como os froitos, rendementos ou intereses da mesma, teñen a consideración de renta a efectos do subsidio de desemprego. Incluira-se unha definición de renta en materia de prestacións de desemprego, que comprenderá, ademáis da indemnización, as derivadas do traballo, capital mobiliario ou inmobiliario, de actividades económicas ou prestacionais e plusvalías ou ganancias patrimoniais e os rendementos que poidan deducirse do montante económico do patrimonio. Isto complementaría-se coas seguintes cuestións:

  • Que o requisito de rentas debe concurrir non so no nacemento do dereito senón no seu disfrute, así como as reglas para a súa reanudación ou novo recoñecemento.

  • A necesaria colaboración da Administración Tributaria na facilitación de información para o recoñecemento e control das prestacións.

Con esta medida pretende-se expulsar do sistema de protección asistencial a máis persoas paradas, enmendándo-lle a plana a unha reiterada xurisprudencia do Tribunal Supremo que non consideraba computables as idemnizacións por despedimento como renta para o cálculo do límite de ingresos (carecer de rentas superiores, en cómputo mensual, ao 75% do SMI, excluida a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias) que da dereito ao subsidio de desemprego. En realidade a indemnización é unha compensación polo dano producido por un despedimento inxusto (improcedente) ; así o viñan considerando os tribunais e mesmo, nunha reciente sentencia do TS, rexeita-se considerar como rentas a estes efectos as ganancias de plusvalías ocasionadas na venda de bens patrimoniais.

Debemos chamar a atención sobre a pretensión de que se consideren como rentas, a estes efectos, os rendimentos potenciais do patrimonio, inda que non estén concretados nen se materialicen nunha renta periódica (por exemplo a posesión dun piso, dun baixo, dun local de negocio...sen alugar). Non sabemos como pode concretarse, cuantificarse e cualificarse, ese rendemento potencial pero está claro que se pretende considerar como renta a efectos do subsidio de desemprego o que non se considera como renta a efectos do IRPF. O governo aposta así por un trato discriminatorio coas persoas en paro, en línea con todo o espíritu da reforma, que busca perseguir e acosar a quen se quedan sen traballo.


14. Incompatibilizar os períodos de vacacións non disfrutados cos das prestacións por desemprego

Con esta medida obríga-se-lle á empresa a manter de alta na Seguridade Social ao traballador, despois do seu cese, durante o tempo que corresponda ás vacacións anuais non disfrutadas. O traballador iniciaría a protección por desemprego ao día seguinte desa baixa na Seguridade Social e non ao día seguinte do seu cese no traballo. Pero, ademáis, incorpórase unha cláusula de peche, de forma que “en todo caso retrasara-se o abono de prestacións por desemprego durante o período en que o traballador houbese debido disfrutar as vacacións, con independencia de si éstas foron ou non abonadas polo empresario, no finiquito de extinción do contrato”.

En principio, pode parecer que este enunciado busca evitar fraudes que se están a producir na contratación temporal, principalmente na modalidade de contrato de obra e eventual por circunstancias do mercado. Ocorre que cando chegan deteminadas datas (semana santa, navidades, etc), nalgúns sectores como, por exemplo, na construcción producen-se unha morea de extincións de contratos de traballadores e traballadoras que logo voltan a ser contratados. O empresario aforra salarios e seguridade social e as persoas afectadas reclaman as prestacións do desemprego correspondentes a eses días. Este é un tema que xa foi denunciado expresamente pola CIG, especialmente pola Federación de Construcción e Madeira e que está a acadar notables proporcións, xa que esta práctica esta-se a dar ata nas pontes, festivos e fins de semana. Sen embargo, para solucionar esto necesítan-se medidas concretas de control da contratación temporal, con coordenación e mecanismos adecuados entre a Inspección de Traballo e a Seguridade Social e, se fose necesario, a modificacións da lei de infraccións e sancións. Porque isto non é un problema de desemprego nen hai por qué especular sobre o posible interés ou participación dos traballadores e traballadoras eventuais (que son as víctimas) nese tipo de prácticas fraudulentas. O enfoque é totalmente erróneo e pode dar lugar a unha grande litixiosidade máis que a solucionar o problema de fraude patronal na utilización das modalidades temporais na contratación, facendo recaer a carga da proba na persoa en paro.

En principio estamos a falar dos contratos temporais, que é onde está permitido pagar os días de vacacións correspondentes no intre da liquidación por extinción de contrato. A idea expresada polo governo con esta medida é a de que a persoa contratada temporalmente ten que disfrutar as vacacións que lle correspondan á finalización do contrato (1 día, 2 días, 3 días, 10 días..os que lle corresponda en función da duración do contrato) e deste xeito retrasar a súa incorporación ao paro e o cobro das prestacións a que houbese lugar. Non parece moi correcto que, indirectamente, mediante esta medida se lle obrigue á persoa que finaliza un contrato temporal, e certamente de curta duración, a coller vacacións. ¿Pode chamarse a iso vacacións? E ademáis, a persoa en paro terá que coller, como se fosen vacacións, os días que lles corresponda, inda que estas non fosen abonadas polo empresario, co único obxectivo de que o INEM retrase o abono das prestacións por desemprego e, en última instancia, intente aforrarse uns cartos a costa das persoas en paro. Estamos pois ante outra medida que en vez de poñer o acento nos verdadeiros culpables do fraude, intenta complicar a vida dos parados e paradas facéndolles máis difícil cobrar as prestacións a que teñen dereito e obrigándolles a coller vacacións forzosas, o que pode significar que, en función da elevada rotación do emprego existente (ó redor do 3%), unha persoa debe coller obrigatoriamente, por poñer un exemplo, 12 días de vacacións ao ano, fraccionadas en varias partes (ao final de cada contrato temporal).

Por outra parte, nada se dí sobre qué ocorrerá cando o empresario non manteña de alta ao traballador os días correspondentes ás vacacións, nen tampouco como o INEM saberá se a persoa que solicita o desemprego ten ou non disfrutadas as vacacións, sobre todo cando non foron abonadas polo empresario no finiquito de extinción. En fín, unha medida complicada dabondo, trapalleira e erróneamente dirixida contra as persoas en paro, se realmente o que se quere é evitar o fraude, tantas veces denunciado por parte sindical, e nunca abordado realmente dende onde é perfectamente posible, esto é dende os servicios de inspección de traballo e seguridade social.


Reforma da Lei Básica de Emprego

En relación a este tema, o governo limíta-se a expoñer unha serie de criterios bastante parciais pero que sí dan idea do que pretenden, como si estivera dalgún xeito anunciando unha reforma de grande envergadura que ainda está por chegar. A grandes rasgos, podemos decir que son motivo de preocupación as seguintes cuestións:

  • Ocupabilidade. As prestacións económicas estarían subordinadas ás políticas activas e condicionadas polo “compromiso de actividade” que Aposta clara pola centralización da xestión, tanto a através de mecanismos de coordenación das políticas activas e de intermediación, como da aplicación dos fondos europeos que financian aquelas, o que minguaría as competencias actuais da Xunta de Galiza.

  • Definición da protección fronte ao desemprego non como un dereito, senón como o conxunto de políticas que activas que os servicios públicos de emprego poñen a disposición dos desempregados que, querendo e podendo traballar, buscan activamente emprego e pretenden mellorar as súas capacidades e condicións de ocupabilidade. Deste xeito, as prestacións económicas están subordinadas ás políticas activas e condicionadas polo “compromiso de actividade” que obrigatoriamente ten que subscribir a persoa desempregada. Ao non configura-la proteción por desemprego como un dereito nacido do traballo, apóntase deica un modelo totalmente distinto, basado na asistencia social en base a unhas axudas (tipo Renta Activa de Inserción) que se establecerían orzamentariamente cada ano.

  • Insiste-se non na necesidade de potenciar o emprego en determinadas zonas para diminuir os desequilibrios territoriais, senón no apoio á mobilidade xeográfica.

  • Defínen-se as obrigas e sancións para os traballadores e traballadoras en paro, pero nada se articula respecto das empresas que cometen fraude nos contratos, nen na coordenación da Inspección e da Seguridade Social, etc.

  • Propon-se un aumento de personal destinado ao control dos parados, pero entendemos que ademáis este custo adicional vai-se financiar cos excedentes de cotizacións sociais (compensación do aumento do custe en personal co aforro no pago de prestacións ás persoas en paro).



Medida de fomento de emprego para as mulleres que se reincorporan ao emprego nos 24 meses seguintes á data do parto

Actualmente bonifíca-se o 100% da cotización durante un ano para a contratación indefinida de mulleres inscritas como desempregadas alomenos un ano e que se reincorporan ao emprego nos 24 meses seguintes ao parto. Agora engaden-se dous supostos:

  • Mulleres inscritas como desempregadas menos de 12 meses.

  • Mulleres que non están desempregadas e que se reincorporan ao seu traballo indefinido tras a suspensión do contrato de traballo por maternidade.

O governo dí que esta medida aplicaría-se escalonadamente, en primeiro lugar so ás mulleres desempregadas que sexan contratadas indefinidamente e posteriormente a mulleres ocupadas tanto temporal como indefinidamente.

As medidas de apoio á contratación de mulleres sempre están ben vistas, inda que a súa aplicación sexa despois meramente testimonial (no 2001, en todo o territorio do Estado español so se realizaron 231 contratos ao pairo desta bonificación). O problema está cando se rachan os principios elementais como o de subvencionar so a creación de novo emprego e a contratación indefinida; agora, tal e como prevee o governo nesta medida se subvencionaría tamén a contratación eventual e mesmo en postos de traballo xa existentes. Estamos pois ante unha nova medida de transferencia de rentas ás empresas e probablemente, como de costume, a aquelas empresas de maior tamaño e que menos a necesitan. En principio, destinada á contratación indefinida pero que vai a xeralizarse a todo tipo de contratación favorecendo así o subemprego de mulleres a un custe cero en seguridade social durante un ano; unha medida que vai a seguir estimulando e premiando a contratación eventual e de curta duración (de menos de 1 ano) daquelas mulleres que inscritas no desemprego traten de incorporarse a un posto de traballo nos vintecatro meses posteriores ao parto.

Como temos dito moitas veces, as medidas necesarias para a incorporación da muller ao traballo non pasan polas subvencións as empresas nen por medidas propagandísticas de escaso ou nulo efecto real. Débe-se poñer o acento en medidas sociais, de infraestructura e servicios, que posibiliten de feito esa incorporación, especialmente a garantía de ter un adecuado servicio de gardería. Igualmente, xunto á excedencia con reserva de posto de traballo por tres anos, é necesario implantar o permiso de maternidade de 12 meses, para evitar o abandono do traballo asalariado por parte de muller traballadora.


Concluíndo

En definitiva, as medidas propostas polo Governo español engordan un paquete laboral e social de enorme envergadura e de importantes consecuencias negativas para a clase traballadora. As súas razóns non son económicas, xa que temos unha cobertura de desemprego que nos sitúa na cola de Europa; as razóns son ideolóxico-políticas froito da militancia do governo de Aznar e do Partido Popular na ortodoxia neoliberal.

O documento presentado da a primeira impresión de ser un primeiro borrador para a negociación, eso sí, hai que recoñecer que bastante completo e clarificador. Sen embargo, CCOO e UGT non entraron nesa dinámica, o que en certa medida sorprende e ao mesmo tempo parece indicar que o documento que se presenta é parte dunha reforma máis ambiciosa. Dende logo, das conclusións do Cumio europeo de Barcelona ben pode deducirse que, anque non se coñezan os prazos, hai interés en reducir as cuantías e duración do seguro de desemprego e, polo tanto, esta primeira reforma so prepararía o camiño da seguinte e, de paso, comprometería aos sindicatos españois no caso de que agora aceptasen unha negociación, por moito que froito do acordo conseguiran algunhas melloras anecdóticas dentro do paquete proposto. Pero tamén está pendente, e así pode desprenderse das citadas conclusións do Cumio de Barcelona, que hai unha certa presa en alongar a idade de xubilación, minguar as cuantías das pensións e penalizar ainda máis a xubilación anticipada e, indo máis alá, cando se fala de “ter en conta a relación entre a evolución salarial e as condicións do mercado laboral”, ben pode pensarse que se pretende volver á carga para reformar o sistema de negociación colectiva co obxecto de recortar salarios e dereitos ou, como din eles, “permitir unha maior diferenciación de salarios en consonancia coa evolución da productividade e dos diferenciais de especialidade”.

Nesta perspectiva, efectivamente pouco marxe de maniobra lles deixa o governo a estes sindicatos para pactar.Como ven ocorrindo nos últimos tempos, non se ofrece un pacto social en sentido clásico e nen sequera un acordo equilibrado, se non a aceptación dunha pantomima de negociación que lexitime paso a paso todo un paquete antisocial deseñado pola dereita neoliberal a nivel do Estado español e da Unión Europea.


En Vigo, a 6 de maio de 2002.

Luís Burgos Díaz, CIG-Gabinete Técnico.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/05/2002