Actualidade / Artigo Unha folga necesaria Manuel Mera- Neste contexto, que todas as centrais sindicais estean dacordo sobre o carácter regresivo das reformas, así como que non hai base real pra o dialogo entre as partes, é unha boa noticia, xa que recompón a unidade. Ademais, terá repercusións importantes cara o futuro na mobilización dos traballadores e traballadoras, e polo tanto incidirá a medio prazo favorablemente sobre as políticas económicas e sociais. Aínda que a maioría parlamentar do PP lle permita aprobar as reformas das prestacións por desemprego propostas, a amplitude previsíbel da contestación social pode obrigalos a retirar ou modificar substancialmente o proxecto; anque non sexa así, abrirá as portas a unha oposición máis frontal e masiva contra o propio modelo. Non debemos esquecer que se suma a contestación estudantil e dos sectores laborais contra á LOU (especialmente en Galiza) e todo indica que resposta será aínda maior diante da Lei de Calidade. A postura autoritaria e teimosa do Governo central, e un proxecto favorábel só aos sectores máis poderosos e centralistas, foi unindo no último ano devagar aos anacos da clase obreira, ao agro discriminado e ao estudantado que se enfronta a un ensino elitista e españolista, pode que configurando unha nova maioría política. Por eso mesmo as derrotas de hoxe, se orixinan grandes mobilizacións do povo e acadan un amplo consenso social, poden ser o anticipo das fondas mudanzas de mañá, como aconteceu coas loitas de 1972 en Galiza. O éxito do paro do transporte e da folga xeral durante o ano pasado, ou o aumento do número de participantes nas manifestacións do 1 de maio (especialmente do nacionalismo) reflicten que este é o escenario que está agromando. Por certo, como un comentario extra, estas medidas regresivas teñen o apoio total da Xunta e non se ollan as diferencias políticas que algúns aprecian e salientan existen entre ambos executivos. Hai motivos dabondo pra convocar unha folga xeral, non só pra evitar unha reforma antiobreira, que afortala aínda máis a concentración da riqueza, senón ademais porque temos que rematar coas altas taxas actuais de desemprego, de temporalidade, de persoas traballando en negro e de emigración. A reforma bate contra os máis débiles coa única pretensión de abaratar os custes laborais e o despido improcedente, obrigándolles aos parados a realizar calquer traballo e baixo calquer condición, e concedéndolle aínda máis achegas aos empresarios. Os aumentos da produción, a millora das comunicacións, deben servir pra construír un país máis solidario e xusto, máis dono do seu presente e futuro; non pra ser alicerce da marxinación, da violencia, da destrución da identidade nacional galega e da concencia histórica, da desfeita da natureza. Moitas veces perder dous ou tres días de salario e gañar moitos de futuro.
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/05/2002 |