Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 17 de maio de 2002

Dia das Letras 2002: removendo consciéncias en prol do noso idioma
 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Da preocupación existente –non só no mundo do ensino e da comunidade escolar, senón tamén nun número importante dos fogares galegos– ante o funcionamento da escola como elemento desgaleguizador, fixemo-nos eco as diversas organizacións que estamos a desenvolver a campaña "Polo direito elemental a aprendermos en galego" (...) A virtualidade desta convocatória está, precisamente, no que ten de elemento mobilizador de consciéncias e de xerador de futuras dinámicas favorábeis para o galego.



 Escola
Maiormente, os nenos e nenas galego-falantes habituais saen despois do período escolar falando en español de forma preferente, cando non teñen esta como única língua de relación. Pola contra, os nenos e nenas español-falantes seguen a ser falantes desta língua logo do seu paso pola escola, sen adquiriren a língua própria do país, o galego.
 
En matéria de normalización do galego en moitos casos estamos a reivindicar o óbvio, mesmo o que xa está conseguido legalmente pero que, porén, está lonxe de ser unha realidade: este ano a reivindicación central é o direito, que consideramos fundamental, a aprendermos en galego, na medida en que a escola segue a ter tristemente unha función de elemento desgaleguizador.

Maiormente, os nenos e nenas galego-falantes habituais saen despois do período escolar falando en español de forma preferente, cando non teñen esta como única língua de relación. Pola contra, os nenos e nenas español-falantes seguen a ser falantes desta língua logo do seu paso pola escola, sen adquiriren a língua própria do país, o galego. Esta é a realidade das cousas hoxe.

Da preocupación existente ante isto non só no mundo do ensino e da comunidade escolar, senón tamén nun número importante dos fogares galegos, fixemo-nos eco as diversas organizacións que estamos a desenvolver a campaña "Polo direito elemental a aprendermos en galego" (A Mesa, AS-PG, BNG, CAE, CAF, CIG, Nova Escola Galega e SLG-CCLL). E catro son as demandas que realizamos perante o Governo da Xunta:

1ª.- Que se garanta o ensino en língua galega na etapa de Educación Infantil e no 1º ciclo de Educación Primária ao alunado galego-falante.

2ª.- O estabelecimento de medidas efectivas que sirvan para o que Decreto 247/1995 (que desenvolve a Lei de Normalización Lingüística para o ensino non universitário) non sexa simples papel mollado.

3ª.- Un pulo normalizador nos diferentes ámbitos da vida social, laboral, xudicial... galega, con atención ás novas tecnoloxias ou á recuperación da toponímia histórica.

4ª.- Un Plano Xeral, de carácter nacional, de Normalización do idioma, no que exista unha ampla participación do povo galego e das suas organizacións.

A primeira das demandas non é senón que se lle dea efectividade ao artigo 4, apartado 1, do Decreto 247/1995, que textualmente reza: "1.-Na etapa de educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria os profesores e profesoras usarán na clase a lingua materna predominante entre alumnos e alumnas, terán en conta a lingua ambiental e coidarán que adquiran de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo". Para alén diso, este direito aparece recollido na Carta Europea das Línguas Minoritárias –asinada e ratificada polo Governo español– ou na Declaración Universal dos Direitos Lingüísticos, textos que, ainda que non son de obrigado cumprimento, si son un marco de referéncia para o ordenamento lingüístico.

No caso da segunda das demandas, a petición centra-se igualmente en que se vele polo cumprimento de lexislación xa en vigor, como é o xa amentado Decreto 247/1995, que é ben lembrar que no seu dia fora cuestionado por mor da sua cativez (cualificara-se mesmo de "tímido e insuficiente") por parte dos sectores máis favorábeis á normalización do noso idioma.

A terceira das demandas é un chamado xeral a que desde o Governo se asuma que a cuestión do galego e a sua normalización non debe afectar só ao eido do ensino, senón que ten que ser unha cuestión presente en todos e cada un dos eidos da vida galega. Neste senso, pode ser de feito bastante cuestionábel que o organismo director da normalización lingüística estea encadrado na Consellaria de Educación e mesmo que a outrora criada Comisión Coordenadora de Normalización da Xunta de Galiza non chegase a ter unha existéncia real.

Finalmente, a cuarta demanda atende ao que se denominou por parte do Governo un dos planos "estrela" deste para os vindeiros anos: o Plano Xeral de Normalización do galego, do que case ninguén ten notícias, agás uns rumores de que hai un pequeno grupo de persoas (vinculadas ao Centro Ramón Piñeiro) traballando nas liñas xerais do dito Plano.

Contodo, é difícil pensar que o previsíbel éxito da convocatória da campaña –que está a espallar-se por todo o país e que se poderá medir na afluéncia á manifestación convocada para o venres 17– vaia conseguir mudar o actual estado de cousas.

A virtualidade da convocatória está, precisamente, no que ten de elemento mobilizador de consciéncias e de xerador de futuras dinámicas favorábeis para o galego (dinámicas hoxe un tanto apagadas ou se cadra esmorecidas), o que non é pouco.

Se sabemos aproveitar esa mobilización de consciéncias, de aqui en diante xa teremos un pouco máis de terreo gañado para a causa da língua galega.


Santiago de Compostela, 16 de maio de 2002.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/05/2002