Actualidade CIG-Comunicación-
O INEM ten un superávit de 6.200 millóns de euros nos tres últimos anos sen que o Governo tivese que destinar durante este tempo nengún contributo do Orzamento do Estado. Detraen prestacións de desemprego e subsídio mediante esta Reforma á clase traballadora e trasvasan 84.000 millóns de pesetas ás contas dos empresarios pola eliminación dos salarios de trámite nos despidos improcedentes. As coberturas por desemprego e asistenciais foron afectadas por diferentes reformas nos últimos anos, cada unha delas reduciu o tempo e a cantidade da prestación, dificultando tamén o aceso para poder percebe-la. A primeiros deste ano, o Partido Popular xa reduciu o desemprego, descontando o tempo de Incapacidade Temporal (baixa) das prestacións do paro. Este Governo está aplicando unha política agresiva de extrema dereita contra a clase traballadora que seguramente faría palidecer ó proprio Le Pen. O desmantelamento do Estado social e das súas coberturas, así como a constante desregulación das condicións laborais mediante reformas dos contratos, diminución das pensións e a redución das indemnizacións por despedimento, pretende deixar-nos cada vez máis desprotexidos, con máis precariedade e con menos direitos. Todo isto para negocio das multinacionais e do sistema financeiro. Isto é o Neoliberalismo. O Sindicalismo Galego tiña abondosas razóns para convocar a pasada Folga Xeral do 15 de xuño en Galiza (ver 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13), e ter denunciado constantemente os Pactos que non calmaron a voracidade do Partido Popular na liquidación de direitos contra a clase traballadora. Esta Reforma infere-nos un dano enorme en Galiza, tanto polas actividades que están afectadas (moitos contratos fixos descontinuos) como pola renda máis baixa de que dispoñemos e que limitará aínda máis a economía de moitas familias. Os galegos e galegas temos que responder o día 20 de xuño. TEMOS QUE PARA-LOS. Abarata outra vez o despedimento Retira os salarios de tramitación nos despedimentos improcedentes, que son os despedimentos inxustificados en que a Empresa por sentenza está obrigada a readmitir ou indemnizar. Con esta Reforma, eliminan os salarios que debería perceber o traballador ou traballadora desde o momento do despedimento até a sentenza ou conciliación. Perde-se tamén este tempo de cotización, podendo repercutir na contía e no direito a perceber a prestación de desemprego se non se ten o mínimo cotizado. Os salarios de tramitación non son capital do INEM; é diñeiro que deixarán de pagar as empresas. Esta medida adopta-se para facilitar o despedimento sen causa. Retira a prestación aos contratos fixos descontinuos de temporada certa Esta medida afecta a milleiros de traballadores e traballadoras que non perceberán o desemprego, perderán cotizacións e como consecuencia verán reducida a pensión de xubilación. O Governo ataca cunha soa medida diferentes frontes de prestación. Os sectores especialmente damnificados son todos aqueles con contrato fixo descontinuo que realizan o traballo nas mesmas temporadas cada ano. O caso da conserva, transporte con contrato para o curso escolar, estiba, mar, servizos dos colexios en comedores e limpeza, hostalaría de tempada, etc. Neste caso, comprobamos como afecta a sectores moi representativos en Galiza. Anuncian a reforma da Lei Básica de Emprego retirando a prestación de desemprego nos contratos de inserción Ampliarán nesta modalidade de contrato os colectivos que se exclúen das prestacións contributivas. Cada vez son máis numerosos os grupos sen cobertura e desprotexidos. Este contrato foi introducido na última reforma laboral e acompaña neste demérito de precariedade aos Contratos de Formación, podendo resultar afectados a mocidade de entre 16 e 20 anos, os minusválidos, os traballadores e traballadoras estranxeiros, os que leven máis de tres anos sen traballo, os contratados a programas públicos de emprego ou quen estea en situación de exclusión social. Esta é a proposta de emprego comprometida pola Xunta de Galiza aos mozos e mozas galegas no seu Programa Laboral, coa gravidade de que se auxilian axudas económicas ás empresas privadas para este modelo de contratación. En resumo, vemos como se expropria capital e direitos á clase traballadora, se bonifica a contratación precaria e os despedimentos para as empresas e se forza a saída privada das prestacións e pensións para negocio da Banca e Aseguradoras.
Considera-se como renda para a solicitude do subsidio as indemnizacións por despedimento e outras Esta medida fará inviábel economicamente os Plans de Prexubilación nas Empresas que compatibilizan esta prestación cun complemento para garantir un salario neto até a xubilación, caso do sector naval. A maiores, a consideración de renda das indemnizacións por despedimento, capital mobiliario e imobiliario (alugueres, aforros, etc), será tido en conta como ingresos para ter direito ao subsidio. Estamos a falar dunha prestación de 54.000 pesetas/mes que perxudicará especialmente aos colectivos de maior idade e a aqueles con máis dificuldade para atopar traballo. Modifica-se o sistema contributivo para os traballadores e traballadoras do agro, discriminatorio comparado coa SS Eliminan o subsidio para os traballadores e traballadoras eventuais do agro que queiran solicita-lo por primeira vez, e crían un novo sistema con menores prestacións que os da Seguridade Social, sen ter en conta a enorme dificuldade que teñen estes colectivos para sumar cotizacións. O Governo pon-lles tan difícil a subsistencia que praticamente os expulsa desta actividade e dá continuidade ás políticas destrutivas da Unión Europea contra o agro.
A nosa demanda debe ser mellorar estas prestacións, non diminui-las, e se a este Governo da dereita non lle abonda coa Folga do día 20, desde a CIG reclamaremos máis mobilizacións.
| |||
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/06/2002 |