Actualidade Volver


Vigo, 21 de xuño de 2002

Folga Xeral do 20 de xuño de 2002
Intervención de Suso Seixo, secretario xeral da CIG, no acto final da manifestación de Vigo

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Suso Seixo
Suso Seixo, secretario xeral da CIG: “Estamos pois, diante dunha política da direita españolista máis reaccionaria, antisocial, autoritaria, con métodos de actuación e de comportamento, que recordan cada vez máis aos utilizados na etapa da dictadura franquista, o que pon de manifesto en que partido está organizada a extrema direita no Estado español”.
 
“Compañeiros e compañeiras, un saúdo fraternal e solidario da Confederación Intersindical Galega e as nosas sinceras felicitacións polo grande éxito desta manifestación que é reflexo do éxito da convocatoria de folga, a pesares da represión e dos intentos do governo e da patronal para impedir que mesma fose adiante.

A folga que estamos a facer no dia de hoxe é un acto de protesta e de forza para obrigar ao Governo a retirar as medidas de recorte das prestacións por desemprego e de abaratamento do despedimento. Unhas medidas que van na liña de contrarreformas anteriores, de recorte de direitos laborais e sociais básicos, de desmantelamento e privatización do sistema público de previsión social, de transferencia de enormes cantidades de recursos económicos de fundos públicos a mans dos empresarios.

Pero esta folga vai máis aló do decretazo, e tamén unha folga encontra dunha política global do Partido Popular, de claro contido clasista, imperialista e antiobreiro, e que se pon de manifesto nunha política fiscal reaccionaria favorecedora das rendas do capital frenta ás rendas do traballo, nunha política salarial que reduce o poder adquisitivo dos salarios de miles de traballadores e traballadoras utilizando para esto previsións de inflación deliberadamente falseadas, nunha política de recorte do gasto público que deteriora os servizos sociais e os servizos públicos esenciais, nunha política de contrarreformas no ensino orientada a potenciar o ensino privado en detrimento do ensino público e a implantar un sistema educativo centralizador, elitista e segredador, nunha política antidemocrática, que atenta contra direitos e liberdades públicas, como o direito de folga ou o direito de opinión, criminalizando, insultando e perseguindo a todos aqueles que facemos uso deses direitos desde posicionamentos discrepantes co governo.

Estamos pois, diante dunha política da direita españolista máis reaccionaria, antisocial, autoritaria, con métodos de actuación e de comportamento, que recordan cada vez máis aos utilizados na etapa da dictadura franquista, o que pon de manifesto en que partido está organizada a extrema direita no Estado español.

Compañeiros e compañeiras, temos que parar o intento do Partido Popular, de desmantelar o actual modelo social do chamado “estado do benestar”, unha esixencia do capital transnacional necesitado de incrementar o seu poder e os seus beneficios. A política de recorte dos direitos e liberdades públicas é o complemento necesario para reprimir e impedir a resposta e a mobilización social. A nosa obriga como centrais sindicáis, a nosa necesidade como traballadores e traballadoras é opornos, de forma firme e sen ambigüidades, a esta política tan nefasta para os nosos intereses de clase.

Esta política neoliberal non se pode cambiar, nen pola via do consenso, nen desde posturas entreguistas, nen desde un dialogo social devaluado que non pode ter a consideración de tal.

As liberdades, os direitos laborais e sociais, conquistan-se e defenden-se, nen sen negocian nen se venden. Por eso desde a CIG nunca avalamos nen asinamos nengunha das contrarreformas anteriores en materia laboral ou de protección social e sempre mantivemos unha postura mobilizadora. Por eso convocamos, conxuntamente coa UGT, a folga xeral galega do 15 de xuño do ano pasado. Por eso estamos a convocar esta folga xeral e por eso, estamos dispostos a seguir mobilizándonos e a convocar unha nova folga xeral nos próximos meses se o Governo non retira as medidas do Decretazo e non modifica a sua política anti-social.

Compañeiras e compañeiros, está en xogo a defensa da nosa dignidade como clase e como povo, esta en xogo a defensa dunha calidade de vida digna para a maioria social, está en xogo a defensa dun modelo social máis xusto, máis igualitario e máis democrático.

O éxito da convocatoria da folga xeral pon de manifesto que a gran maioria dos traballadores e traballadoras están dispostos a defender unhas conquistas sociais e laborais que supuxeron moitos anos de loita do movimento obreiro e das forzas da esquerda. Compre que as centrais sindicais tomemos nota deste sentir maioriario da clase obreira, actuemos coerentemente e fagamos bon uso do respaldo que vimos de receber. Podedes ter, a plena seguridade, de que por parte da CIG, asi o faremos”.


Vigo, 20 de xuño de 2002.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/06/2002