Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 28 de xuño de 2002 (Publicado en La Región o 26/06/2002)

A folga abre un novo escenario
 

Manuel Mera-

cig.form-sindical@galizacig.com



A folga xeral do pasado día 20 de xuño foi un éxito difícil de agochar, non só porque o paro foi total na industria, construción e transporte, senón porque as manifestacións superaron en todas as cidades, aínda nas menos industriais, calquer mobilización nos últimos anos ¿cómo facer manifestacións masivas en horas de traballo se a xente non está en folga?...

O governo non-o ten sinxelo, despois desta oposición tan ampla á reforma polo desemprego e ás actitudes autoritarias, se continua adiante co Decretazo (agora convertido en Lei) aumentará a tensión social e dará folgos as organizacións máis combativas e con proxectos máis belixerantes co neoliberalismo. Se cede, perde o voto dos que queren un governo forte, un sector que cultivou durante este mandato con medidas de direita e centralistas. A esta altura todo parece indicar que esta última será a opción pola que aposte, polo que as propostas de dialogo non serian máis que leria pra evitar no posíbel a perda de votantes preocupados polo xiro á direita.

O contesto tampouco é doado pra algunha das centrais sindicais, que entrou na folga forzada e pra fuxir en gran medida os conflictos internos. Hoxe os traballadores entenden na súa gran maioría que a política de consenso, de negociación dende a pasividade, de aceptar o menos malo, é a culpábel da prepotencia do executivo e da patronal. Ollan nidiamente os resultados: non se remata de poñer en practica unha medida de desregulación pra que se prepare a seguinte, sempre co mesmo argumento. Saben ademais, despois dunha década, que o medre da riqueza non lles vai chegar nunca, xa que só se concentra nas grandes empresas e nalgúns profesionais, mentres que pra maioría da povoación aumenta a precariedade laboral, o paro, a emigración. Por eso, calquera central que abandone agora a fronte contra a reforma, sen un trunfo claro, perderá gran parte da súa base no intento.

Hoxe a clase obreira ten consciencia de que neste marco político a correlación de forzas esta do lado da patronal e que só ao traveso da mobilización é posíbel mudar a situación, por eso saíu masivamente á rúa. Unha mobilización que permita que na negociación a relación de forzas estexa máis equilibrada. Esto tanto dentro da empresa como nas negociacións co Governo central ou a Xunta de Galiza. Estando así as cousas, a convocatoria dunha nova folga xeral en outono non é unha ameaza dos sindicatos máis combativos, como a CIG, senón a esixencia dunha gran parte da clase traballadora unha vez que decidiu embarcarse a tope na folga do 20 de xuño.

Neste novo escenario, por máis que sexan moitos os analistas que, con razón, buscan no dialogo a saída máis sensata ao conflicto, os antecedentes e o contexto conducen a unha radicalización da loita social, mais tamén do debate político. Os partidos da oposición non debían esquecer esto, aínda que uns apoiaron o paro con máis entusiasmo que outros, o certo é que o eixo das súas preocupacións estaban ate fai uns días noutros temas nos que o conflicto social (a loita de clases) parecía ser cousa secundaria ou do pasado. Tamén eles están agora prisioneiros dun novo escenario no que a problemática laboral entrou pola fiestra do Parlamento deixando mal parada calquer proposta light no eido social ou mesmo nacional, non só polo paso adiante que acaba de dar o movemento obreiro, senón pola teimosía coa que a Xunta e o Governo central queren aplicar medidas conservadoras (neoliberais, retrogradas) no eido laboral, social, ecolóxico, da participación democrática, migración, servizos públicos básicos ou fiscal. Veñen tempos moi movidos.


Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Migración da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/06/2002