Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 11 de xuño de 2002

Ao rente da dictadura
 

Manuel Mera-

cig.form-sindical@galizacig.com



Falar de dictadura parecen palabras moi duras, mais despois de que o ministro de Traballo ameazara con reformar a Lei de Folga, coa finalidade evidente de rematar coa protesta dos traballadores contra de leis e decretos regresivos, o calificativo está cada vez máis próximo da realidade. Non é posíbel que esta declaración de Juan Carlos Aparicio sexa casual ou unha arroutada persoal. Este non é o estilo do governo, onde Aznar o controla todo, funcionando nestes temas co máis tradicional estilo da direita. Este pulo adiante pola banda do executivo conservador reflicte, ademais, que as cousas non lle van tan ben, e que, contra o que pensaba, os seus argumentos non calan na sociedade. A xente non olla aos miles de parados vagos e defraudadores que, seica, atopa o governo por todas partes. A povoación coida, con razón, que o governo semella máis unha patronal que emprega o ordeno e mando, e non unha administración ao servizo das grandes maiorías sociais. Ou sexa, que cada día que pasa a folga do vindeiro 20 de xuño consolídase máis e ademais gaña novos adeptos nas clases meias, as máis dubidosas nesta batalla a prol de intereses fundamentais.

Non se trata só da actitude autoritaria ou das grandes reformas que en materia laboral e dunha atacada quere realizar o governo do PP, senón que, estas modificacións reacionarias se suman as que en anos anteriores (1993, 1997 e 2001) xa se fixeron e supuxeron un grande recuar nas condicións laborais. Chove sobre mollado, e sempre sobre a clase obreira e os autónomos do agro e o mar. Aínda que a clase meia tamén está a minguar nos últimos anos (devagar, máis arreo).

Baixo o argumento da flexibilidade necesaria pra garantir máis emprego, na practica en Galiza, consolidouse unha taxa de paro do 13,5%, un 35% da povoación ocupada é eventual (un 63% na mocidade) e un 11% non ten contratos (traballo en negro). Por se non fora dabondo, 16.000 galegos, caseque tantos como os que nacen, emigran cada ano en procura dun traballo digno. Son cifras que reflicten o deterioro do mercado laboral, o fracaso das políticas neoliberais, as consecuencias da globalización, e, sobre todo, que o auxe económico da última década só serviu pra enriquecer aos poderosos, estragar o rural, desmantelar a pesca, así como esmagar a nosa identidade e lingua.

Esta enxurrada de medidas centralistas e elitistas non rematan nas condicións laborais, senón que se estende a todas as conquistas sociais e aos direitos democráticos esenciais. Así temos en pouco tempo novas leis, decretos ou regulamentacións, como: A Lei Orgánica de Universidades, A Lei de Calidade no Ensino e a de Formación Profesional, a rebaixa de impostos directos e a súa substitución (con creces) por outros indirectos, e que polo tanto atinxen especialmente aos sectores máis modestos da sociedade. E como unha guinda especial a Lei de Partidos Políticos, que coloca a todo o nacionalismo baixo vixiancia e decote á beira da ilegalización, ou, por último, a anunciada modificación da Lei de Estranxeiría pra facela máis regresiva. Son pasos que se deron en moi pouco tempo dende a direita, aínda que, como ignoralo, contaron co apoio en moitos casos dunha socialdemocracia descafeinada, dun sindicalismo dócil, e dun chauvinismo (imperialismo) español rearmado.

Neste contexto as palabras de Aparicio teñen que se ter moi en consideración, xa que amosan ate onde a direita se sinte forte, apoiada tanto no interior como exteriormente. Reflicte que a batalla que se aveciña vai pra alén das cuestións laborais. Amosa que está en xogo a democracia, no seu sentido máis amplo e político. Aínda que haxa quen pense que esta non é máis cunha escenificación normal da confrontación de intereses, e que compre esforzarse en facer unha política máis light,... mentres na rúa a direita malla, detén ou multa aos traballadores, estudantes, nacionalistas e demócratas consecuentes,... Por non falar de como os meios de comunicación públicos (e privados) perderon calquer tinte de información obxectiva e igualdade de trato. Mesmo haberá quen busque aínda un escenario máis propicio no que poida seguir xogando a intermediar os destinos da clase obreira, como fixo durante tanto tempo algunha central de ámbeto estatal.

Todo indica que o marco político e social do “consenso” ficou no pasado, que xa non lle sirve ao gran capital. Agora opta pola man dura, pola saída autoritaria, represiva, mesmo policial, ao ter que facer fronte a unha clase obreira cansa e nalgúns segmentos moi cabreada, e a uns sectores populares conscientes da súa marxinación e discriminación. O Poder só cederá, negociará, cando vexa que tamén neste contexto de presión e forza pode ser derrotado, aínda que non sexa no imediato. Sobre esto a historia do movemento obreiro e das loitas de liberación nacional ensinan moito, non o esquezamos. Na Galiza, seguramente, lembraremos os anos difíciles da longa noite de pedra (nunca estiveron tan lonxe como deberan), aínda que cada tempo teña os seus mostros e sombras, o seu ritmo e actores, así como unhas inquedanzas e unha utopía por realizar.


Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Migración da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/06/2002