Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 7 de xuño de 2002 (Publicado en La Opinión o 04/06/2002)

Demonizar as opinións
 

Manuel Mera-

cig.form-sindical@galizacig.com



Sempre pensei que as igrexas debían estar ao marxe da política, xa ca súa funcionalidade está no transcendental, mais, hoxe, tanto a igrexa intervén no cenario político como non poucos dirixentes e partidos políticos buscan arreo o arroupe da igrexa participando en procesións e todo tipo de actos relixiosos. Na práctica a separación entre igrexa e estado non é máis que papel mollado. Esta vella conquista de Revolución Francesa, da democracia, perdeuse no Estado español, e moi especialmente en Galiza, co remate da chamada “transición democrática”. Tanto o PP como o PSOE teñen unha responsabilidade directa pra que este paso atrás se dera, mesmo como algo normal, por eso non se entende que agora se rachen o saio porque os bispos de Euskadi se pronuncian sobre a “Lei de Partidos Políticos” e o direito de autodeterminación.

Pra alén de que sexa ou non unha análise acertada, por parte detes bispos, que a “Lei de Partidos Políticos” vai a agravar a violencia en Euskadi, non deixa de ser unha valoración que non poucos facemos, e que non se pode desbotar e moito menos demonizar porque non coincide coa do Partido Popular. Xa que é unha das consecuencias posíbeis da ilegalización de Batasuna. Por non falar de que resulta preocupante como vai ser aplicada esta Lei, tendo en conta agresividade verbal do partido no Governo coa oposición nacionalista e o movemento obreiro organizado. Sobre o particular dicía o deputado do BNG, Carlos Aymerich, que “Abonda pra iniciares un procedemento coa maioría simples do Congreso, Senado, Governo e Fiscal Xeral do Estado, o que na practica blinda a uns (PP, PSOE) e condea ás demais forzas políticas, a todas elas, a contar cunha ameaza permanente dun proceso de ilegalización...”.

Non é de estrañar que esta Lei sexa vista con medo por unha gran parte da povoación xa que de vagar, e dun xeito perigoso, calquer opinión que non sexa unha fotocopia das ideas da direita se estigmatiza e sataniza, se lle adxudica a etiqueta de favorecedora da violencia e de afastarse das normas democráticas. Imos, sen querelo nen votalo, entrando nunha democracia limitada, na que se esmaga a diverxencia, onde os delitos de opinión teñen o mesmo valor ca súa execución, e se consideran como tais todos aqueles que non coincidan cos intereses do gran capital ou dunha España cada vez máis parecida a que nos impuxo a longa noite de pedra do franquismo.

Neste contexto, só neste, se pode entender que ademais se ataque con tanta agresividade aos bispos e cregos de Euskadi por solicitar o máximo respeto pra os direitos individuais e colectivos e, entre eles, como un máis, o de autodeterminación. Un direito que figura na carta das Nacións Unidas, que se acepta e bendice por parte do Governo cando se nomea ao Sahara ou Timor, mais que se nega unha e outra vez cando fai referencia as nacionalidades históricas do Estado español. Unha postura que amosa un alto grao de incoerencia, nalgúns casos cinismo, e sobre todo da intolerancia e prepotencia dun imperio inexistente hai séculos, mais que non quere deixar de selo, e seica se pretende recobrar recolonizando as nacionalidades do Estado español e a América Latina. As veces da a impresión de que se quere facer pagar aos máis débiles as submisións actuais aos dictados dos Estados Unidos. As últimas medidas do Governo, tanto laborais como económicas ou de direitos básicos, amosan unha impronta autoritaria, favorecedora da España imperial e das clases máis poderosas, que atinxe negativamente a todo o Estado mais moi especialmente a aqueles países que temos identidade propia, unha lingua e unha historia. Un futuro preocupante, cando se pasa da demonización á eliminación das opinións que non gostan; mal camiño, aínda que sexan ideas consideradas negativas pra maioría da povoación.


Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Migración da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/06/2002