Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 14 de xuño de 2002

O PP a por todas diante da folga
 

Manuel Mera-

cig.form-sindical@galizacig.com



Dende fai moitos anos non había tanto debate entre a xente sobre as políticas do governo, e o ambente a prol dun paro non era tan masivo, contundente e con gañas de dar a batalla. Diante desta enxurrada, que busca recuperar pra o povo o protagonismo furtado durante unha década, o governo de Aznar recorre á propaganda trucada, á presión da patronal máis comprometida politicamente coa direita, e á utilización sen limite de todos os meios represivos cos que conta o estado e as autonomías. Os métodos son tipo Bush, ou sexa, policías e gardas civís nos polígonos, armados ate os dentes nalgúns casos, revisando os coches que entran (e eso que falta unha semán). Ademais, os patróns axudan a esta psicose de estado de sitio esixíndolle nalgunhas empresas aos traballadores que expliquen cales son os motivos polos que van á folga... como se este non fora un direito constitucional e necesitara dun permiso empresarial.

Pola súa banda a Xunta de Galiza e o manda máis do país, Manuel Fraga, (que algúns miopes coidan que é menos de direita que Aznar) neste tema non se quedaba atrás e fixaba uns servizos mínimos que son os normais nun día sen folga no SERGAS (Servizo Galego de Saúde). Como se esto fora pouco, afirmaba, coa contundencia e autoritarismo que lle son propios a Fraga, que este Decretazo vai a solucionar o problema do paro en pouco tempo. Esquecía Fraga que Galiza ten o triste record dunha taxa de paro do 13,5% da povoación activa (dous pontos por riba da meia do Estado) malia que emigran 16.000 persoas cada ano e morre máis xente que nace. Segundo esta opinión como nos irían as cousas se nos fora mal, é pra tremer só con pensalo.

Abonda con saír á rúa e falar cos traballadores pra se decatar da situación que existe diante da convocatoria de paro do 20 de xuño, dous exemplos. Unha desempregada que a chamaron pra cubrir un posto de traballo en Sanxenxo -díxome- "salveime porque estou de baixa, imaxínate ir todos os días de Vigo a Sanxenxo a mais de 50 quilómetros reais de viaxe". E engadía, a unha amiga miña chamárona pra que vaia a Marín. Con estes métodos de reinserción laboral forzados, de certo, en pouco tempo eliminaran parados das listas do INEM e as cifras de desemprego baixaran, por suposto artificialmente e botando xente fora do sistema. Tamén son moitos os comentarios a respeito das presións. Nomeadamente, seica a Direción de Policía pediulle as empresas de seguridade como PROSEGA e SEGURISA a relación de persoal que vai secundar o paro. Ademais, seica, nesta mesma onda, EL Corte Inglés e os supermercados Alcampo de Vigo "falaron" cos traballadores pra saber se ían á folga e porque.

Seguramente ao PP vaino perder máis a súa prepotencia e soberbia, que a capacidade da oposición de comprender o momento político e a situación social. Só así se pode entender que esta non ollara ate fai uns días as políticas de direita dura, a marxinación en aumento e o cabreo dunha gran parte da povoación, e teimara unha e outra vez nas políticas light, nos debates entre "señorias" e na busqueda do consenso, máis que facerlle caso aos militantes de base. As direcións de moitos partidos de esquerda (en rigor socialdemócratas) e dalgún sindicato que predicaba que non importaban as ideoloxías e quen governara, facían e refacían a súa estratexia en función das opinións que reflectían os meios de información (ou sexa, o poder económico). Agora, de súpeto, todo mudou, e o que antes era cor de rosa hoxe é vermello subido. Fraxilidade ideolóxica? inspiración supeta?... Esperemos que este troque de posturas dure e que o baño de traballadores que vai significar a folga xeral deixe semente e cicatrices permanentes.

En Galiza, na nosa Patria, a folga está a traguer un aire novo, no que o nacionalismo todo (a esquerda real en Galiza) afortala os seus alicerces e as clases populares o seu necesario protagonismo. O tempo dirá, se o autoritarismo do PP e o control absoluto que exerce sobre os meios de comunicación pódenlle facer perder contacto coa realidade, e pasar do éxito á perda progresiva de apoios. O PSOE primeiro e a direita despois durante unha década teceron a fragmentación da clase obreira e a ruptura de alianzas entre esta e as clases meias, agora, en moi pouco tempo, despois de múltiples leis e decretos retrogados, reacionarios, esta situación pode encetar a virar. As mudanzas moitas veces danse a pulos, despois dun longo período de fermentación. Aínda que depende moito do noso esforzo que esto sexa así, da claridade de obxectivos e da organización.


Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Migración da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/06/2002