Actualidade / Artigo Santiago, 25 de xuño de 2002 A leda resaca dun dia de folga xeral
Coa vontade de resisténcia aos embates do capital e de construción dunha Galiza soberana, o sindicalismo nacionalista está chamado a ser un suxeito social básico no devir do país e da clase traballadora.
| |  | | Unha xornada tan exitosa como a do 20-X debe ser desfrutada: é unha rabuñadela nas entrañas dun capitalismo voraz. Deberemos seguir traballando asi. | | | Galiza onte –20 de xuño– foi unha maré humana, de traballadores e traballadoras, clamando polos seus direitos. A xornada resume-se asi: o paro case xeneralizado das principais actividades laborais do país, as dúcias de milleiros de galegos e galegas nas manifestacións –case 300.000– e a incredulidade de dous Governos, o galego e o central, desbordados por unha folga de seguimento tan masivo (ridículo maiúsculo o que fixo o portavoz do noso Governiño, Xaime Pita, minimizando o impacto da protesta).O sindicalismo nacionalista brillou con luz própria na folga xeral. Mobilizou un capital importante de persoas tanto nos piquetes como nas manifestacións e, en moitos casos, tivo un papel protagónico case exemplar nas empresas e centros de traballo. E aí radica a sua (nosa) forza: con meios e recursos máis limitados que os outros dous sindicatos de dirección estatal, CCOO e UGT, a CIG dispón dunha militáncia consciente e combativa, que devén na mellor ferramenta con que conta a clase traballadora galega. Coa vontade de resisténcia aos embates do capital e de construción dunha Galiza soberana, o sindicalismo nacionalista está chamado a ser un suxeito social básico no devir do país e da clase traballadora. A loita de enfrontamento ao neoliberalismo e o combate por un marco galego de relacións laborais son o pan noso de cada dia e a razón de ser da CIG, nun horizonte de xustiza social e liberdade para a pátria dos galegos e galegas. O nacionalismo político, que tivo un participación importante na protesta (é ben recoñecermo-lo), tamén debe tirar unha leitura acaída do clamor popular que viveu este país coa folga xeral. De non o facer, e se a dirección nacionalista erra nas análises e estratéxias a seguir, estaremos a dilapidar un esforzo dificilmente repetíbel. O povo galego está a pedir novos ares na política, tamén na da oposición, que dificilmente teñen encaixe no actuais réxime e sistema. Procurar a homologación co que xa hai é camiñarmos polo gume do desastre. E do desastre nada bo pode xermolar para o noso país e para esa cada vez menos silenciosa maioria social que pede que alguén a represente fielmente. Unha xornada tan exitosa como a do 20-X debe ser desfrutada: é unha rabuñadela nas entrañas dun capitalismo voraz. Deberemos seguir traballando asi. O Milladoiro (Ames), 21 de xuño de 2002.
|