Actualidade / Artigo Santiago, 19 de xuño de 2002 As razóns da folga xeral do 20 de xuño En defensa dos direitos laborais e sociais
O Congreso dos Deputados ven de convalidar o pasado 13 xuño, só cos votos da maioría absoluta do PP, o Decretazo que sobre a reforma das prestacións por desemprego aprobara o Governo o pasado 24 de maio e que motivou, como resposta por parte das centrais sindicais, a convocatoria de Folga Xeral para o 20 de xuño. O PP reafirmou-se pois na sua conduta prepotente e na sua política antisocial e antidemocrática de recorte de direitos laborais e sociais básicos, que pretende desmantelar o actual sistema público de protección social, así como servizos públicos esenciais como o ensino e mais a saúde, pola via da privatización e recorte do gasto público, que recorta direitos e liberdades públicas. O Decretazo do PP ten numerosos detractores, ademais das centrais sindicais convocantes da folga, tamén entre os expertos do direito laboral e xuristas que denuncian o decretazo tanto polo contido porque, para alén doutras consideracións, é unha chapuza tan grande que o fai de difícil interpretación e aplicación en moitos aspectos, como pola forma, porque unha vez máis o Governo español recorre á vía do decreto-lei para usurpar unha función que lle corresponde ao Parlamento, como é a de lexislar, somente atribuíbel ao Governo en casos extraordinarios e de extrema necesidade, o que non é o caso. A conducta que está a manter o governo ante esta convocatoria de folga, dentro da linea que mantivo a Xunta de Galiza na convocatoria de folga xeral galega do 15 de xuño do ano pasado, criminalizando, descalificando e insultando aos convocantes da mesma ou a quenes a apoian, amedoñando a poboación ou recurrindo a implantar uns servizos mínimos totalmente abusivos, pon de manisfesto o desprezo do Governo pola legalidade vixente e o exercicio de direitos fundamentais, asi como por todos aqueles que discrepan da sua política de pensamento único e da sua forma de governar autoritaria e pouco deomocrática. Se a sensibilidade democrática do Governo é pouca, a sensibilidade social é nula. ¿Como se pode dicir que con estas medidas se pretende favorecer o pleno emprego ou dar maior cobertura aos desprotexidos, cando as medidas non van destinadas a proporcionar-lle un posto de traballo aos máis necesitados, que é o colectivo de desempregados que non cobran ningún tipo de prestación, por certo, en Galiza o colectivo máis numeroso ? As medidas do decretazo van dirixidas aos desempregados que cobran algún tipo de prestación, pero tamén aos traballadores en activo e teñen como única finalidade reducir gasto público (política de déficit cero), abaratar o despedimento, cambiar a natureza xurídica da protección por desemprego pasando de ser un direito a converti-la nunha prestación de carácter asistencial e fornecerlles man de obra barata e subvencionada aos empresarios. E dicir, máis do mesmo. Esta é a filosofía de fondo de todas as reformas que en materia de direitos laborais e sociais está a facer o Partido Popular desde que chegou ao Governo do Estado no ano 1996. Filosofia que poderiamos facer extensiva a sua política de rendas, fiscal, salarial, etc. Esta política neoliberal de recorte de direitos laborais e sociais, feita en función dos intereses económicos do capital financieiro e do capital transnacional, está a por en peligro o mantenimento de conquistas sociais conseguidas despois de moitos anos de loita, como son o sistema público de protección social, servizos públicos universalizados e de calidade ou unha lexislación laboral garante de direitos indiviudais e colectivos básicos. Se permitimos que esta política clasista e reacionaria se consolide estaremos sendo cómplices, coa nosa pasividade, do desmantelamento do chamado “Estado do benestar”, coas graves consecuencias que elo vai a ter sobre a calidade de vida e o benestar social da maioria da poboación, especialmente as clases sociais máis desfavorecidas, coa gravedade engadida de que posibelmente non poidamos volver a situación actual en moitos anos. Xesús E. Seixo Fernández, secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG).


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/06/2002 |