Actualidade CIG-Comunicación-
Na reunión conxunta das centrais sindicais Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia), S.N. de Comisións de Galicia Obreiras de Galicia (CCOO-Galicia) e Confederación Intersindical Galega (CIG), na súa condición de sindicatos máis representativos, en reunión conxunta celebrada en Santiago de Compostela o pasado día 27 de maio do 2002, decidiron convocar FOLGA XERAL no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, decisión ratificada posteriormente polos órganos de dirección dos respectivos sindicatos, estatutariamente establecidos. A indicada FOLGA XERAL, que afecta a tódalas actividades públicas e privadas, laborais e funcionariais desempeñadas polos traballadores e empregados públicos das empresas e organismos públicos, privados, Administración autonómica, local, institucional e estatal establecidos dentro do ámbito xeográfico e xurídico da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolverase entre as 22.00 horas do día 19 e as 22.00 horas do día 20 de xuño de 2002. As causas que levaron á decisión de convocar folga por parte das tres centrais sindicais máis representativas en Galicia vén motivada fundamentalmente polo que a seguir imos expor.
Así, no ámbito de Galicia é indicativo o incremento da taxa de precariedade producido nos últimos 14 anos, en que pasamos dunha taxa do 17,48% no ano 1988 a unha practicamente do 35% no ano 2001. Esta temporalidade agrávase aínda máis polo alto grao de fraude que se vén detectando nas contratacións temporais. Ó anterior únese o alarmante incremento de incumprimentos da normativa de prevención de riscos laborais, que leva aparellado un extraordinario aumento da sinistralidade laboral, o que vén a situa-la nosa Comunidade, infelizmente, á cabeza do ranking de traballadores mortos ou gravemente lesionados polo desenvolvemento da súa actividade, sendo para o efecto moi significativo o dato de que nos últimos 5 anos os accidentes mortais na nosa Comunidade se incrementaron un 126,53 por 100 e os accidentes con baixa, a preocupante cifra dun 146,53 por 100. Unido á situación precedente, hai que salienta-lo actual proceso de desmantelamento de sectores productivos de suma importancia en Galicia, como son a pesca e a gandería. No sector da pesca é especialmente significativo que no ano 1988 figurasen de alta no Instituto Social da Mariña un censo superior a 80.000 traballadores cando no ano 2001 ese censo se reduce a uns 36.000 pescadores. Situación que cada ano se agrava, dada a falta de políticas activas tendentes a conseguir caladoiros alternativos ou de establecer unha política de diversificación industrial que evite a profunda crise que están a sufrir importantes zonas de Galicia. Xustamente na dirección contraria ás últimas medidas propostas pola Comisión Europea. A carón da profunda crise que está a sufri-lo mar sitúase a tamén endémica situación do sector AGRO-GANDEIRO galego, onde a perda de activos nos últimos anos supuxo unha reducción dun tercio. Semellante diminución do 33 por 100 se produce paralelamente na renda familiar, o que leva a un progresivo despoboamento rural, feitos ante os cales a administración non procurou, a través de políticas de fomento axeitadas, a creación e establecemento dun tecido industrial que garantise o crecemento e desenvolvemento económico do agro. A todo o anterior, hai que suma-la progresiva deterioración económica e social dos traballadores da función pública, que levan arrastrando unha crecente perda do seu poder adquisitivo coas anuais conxelacións salariais que se ven amplamente superadas pola inflación real e polo cada vez máis coartado dereito á negociación colectiva, o cal vén sendo reiteradamente substituído polas sucesivas normas orzamentarias, feito que levou a unha perda de poder adquisitivo do 18% nos últimos dez anos. Deste xeito serven sempre ás súas xa deterioradas retribucións de chave para acadar obxectivos da política económica do Goberno que non é capaz de conseguir a través de sistemas máis equitativos e redistributivos. Na nosa firme vontade de atallar tal situación, por parte das organizacións sindicais sempre se mostrou unha clara vontade de contribuír a cambia-las cousas achegando as nosas experiencias e propondo solucións, fornecendo distintas alternativas en tódolos foros e mesas nas que temos participado. - Paralelamente a esta situación, estamos a padecer unha batería de reformas, impulsadas polo goberno do Partido Popular, con efectos perversos para o conxunto da clase traballadora, en particular, e para o conxunto da sociedade, en xeral. - Distintas reformas que afectan á fiscalidade, que están a producir un profundo cambio estructural no noso sistema tributario, tendente a un aumento da presión fiscal soportado polas clases menos podentes, sen que, ó mesmo tempo, esta maior carga tributaria lles repercuta nun aumento do benestar, xa que os gastos en protección social –que se deberían destinar maioritariamente a estas capas sociais– diminúen, mentres aumentan as subvencións a grupos empresariais poderosos. - Este aumento de regresividade do sistema fiscal vai en contra do espírito constitucional, tan mentado ultimamente, que no seu artigo 31 ordena un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade. - O Goberno do PP impón, sen nengún tipo de negociación, unha contrarreforma educativa a través da Lei Orgánica de Universidades e da Lei de Calidade, que afondan, aínda máis, nun sistema educativo centralizador, privatizador, segregador, selectivo e antidemocrático. - Por último, imponos outra reforma contida no Real Decreto Lei 5/2002, do que máis adiante analizamos as súas consecuencias.
a) O rechazo e a eliminación das medidas impostas polo Goberno mediante Real Decreto Lei 5/2002, de 24 de maio, que supoñen un profundo cambio das prestacións por desemprego e unha sustancial modificación dos despidos improcedentes. Medidas antisociais e insolidarias que pretende levar a cabo o Goberno con apoio dos empresarios. b) A mellora do funcionamento e a cobertura do sistema de protección por desemprego e o establecimento de medidas para alcanza-lo obxectivo do pleno emprego, contribuíndo así á converxencia real na Unión Europea, para o que se require a apertura dun proceso de negociación que, de maneira certa, contribúa a estes obxectivos. c) Muda-las políticas antisociais que está a practica-lo Goberno do Partido Popular.
1. Facilitar e abarata-lo despedimento dos traballadores. Elimina-los salarios de tramitación, correspondentes ó período transcorrido entre a data do despedimento e a declaración de improcedencia deste, só ten como obxectivo abarata-lo despedimento e facilita-la libre decisión empresarial de extinguir unilateralmente o contrato de traballo, aínda que o despedimento producido non se axuste a dereito nin teña causa xusta. Unha medida que desdebuxa a diferencia entre os contratos indefinidos e os temporais ó eliminar en boa parte as consecuencias derivadas da finalización do contrato nun e noutro caso. Desdebuxa, igualmente, a diferencia entre un despedimento procedente e outro improcedente. Unha medida que prexudica de maneira directa a calquera traballador despedido de forma improcedente. Perde a indemnización complementaria por salarios de tramitación que corresponde a un período de tempo no que debeu estar traballando, dado que o despedimento foi inxusto. Perde as cotizacións, correspondentes a este período, tanto á Seguridade Social, como ó desemprego, e con isto redúcese a base de cálculo para as prestacións que, se é o caso, puidesen corresponderlle. E perde un tempo que agora é computable para efectos das prestacións sociais. 2. Recorta-los dereitos e prestacións dos traballadores. As medidas do Goberno producen modificacións negativas no contrato de inserción e deinxa sen protección por desemprego aos que son fixos-descontinuos en actividades e campañas que se repiten en datas certas, establece un novo sistema contributivo para os traballadores do agro para todo o Estado. Pero dada a precariedade laboral no sector do agro, estes traballadores e traballadoras terán moi difícil reuni-las cotizacións suficientes para acceder a el (un mínimo de 360 días). Ademais, é discriminatorio respecto do sistema xeral: por cada ano de cotización os traballadores do agro terán dereito só a 3 meses de prestación, cando no sistema xeral son 4 meses, e tampouco non se poderá acceder ó subsidio. Ós recortes mencionados engádense fortes límites para acceder á protección por desemprego para os emigrantes retornados ou para quen, ademais de estar despedido, ve como a indemnización percibida por iso o impide logo acceder ó subsidio, algo especialmente dramático para quen ten máis de 52 anos. Recortes na posibilidade de capitalizar en pagamento único a protección económica por desemprego, que dificulta as posibilidades de integración das sociedades laborais nas cooperativas de traballo asociado ou de instalarse como autónomos. E dificultades para os traballadores, sobre todo para os que teñan un contrato temporal, que verán atrasado o seu acceso á prestación durante o tempo no que deberan ter disfrutado de vacacións, penalizando o traballador por incumprimento dunha obriga empresarial. 3. Expulsar do sistema, de forma arbitraria, a quen recibe algunha clase de protección por desemprego. Os beneficiarios de prestacións terán a obriga de acepta-las ofertas de traballo que o Servicio Público de Emprego considere adecuadas, aínda que non se axusten á profesión demandada, ou que o salario sexa inferior ós anteriores, ou que teña que se desprazarse ata 30 km (sempre e cando non supoña máis de 2 horas de viaxe e non supere en gasto o 20% do salario). E todo isto aínda que os contratos ofrecidos sexan temporais e/ou a tempo parcial. Quen estea a cobra-lo subsidio para maiores de 52 anos ou a Renda Activa de Inserción poderá verse obrigado a aceptar ofertas de emprego con baixo salario, aínda que siga recibindo unha parte da prestación mentres esta dure. Esta medida beneficia ó empresario, afonda na precariedade laboral destes traballadores e non resolve os seus problemas de emprego. 4. Cambia-la natureza xurídica da protección por desemprego. A consecuencia do conxunto de medidas descritas é que a protección por desemprego cambia radicalmente a súa natureza. Tódalas as prestacións, incluídas as contributivas, quedan condicionadas a que o traballador ou traballadora asine obrigatoriamente un “compromiso de actividade” co Servicio Público de Emprego. As prestacións non se considerarían así un dereito por ter traballado e cotizado previamente, que se exerce nunha situación indesexada, senón que se culpabiliza ás persoas en paro por percibir aquelo para o que teñen contribuído, como se estivesen “defraudando” ó conxunto da sociedade. Inténtase pasar dun modelo baseado en dereitos recoñecidos para cada traballador, e por tanto esixibles por cada un deles, a un modelo basado na concesión administrativa na que o traballador ou traballadora parece carecer de dereito algún. 5. Nega-lo diálogo social e as canles de negociación. Lamentablemente, tanto polo contido das medidas como pola forma en que foron impostas, o Goberno renuncia con isto, unha vez máis, ó camiño do diálogo e da negociación, que debe servir para resolver problemas e encarreira-la nosa economía nunha dirección axeitada, na que o emprego, a protección e a igualdade contribúan a fortalece-lo tecido productivo e a incorporar valor engadido. O Real Decreto Lei 5/2002 vén a significar exactamente o contrario. Esta negación por parte do Goberno púxose tamén de manifesto cos empregados e empregadas públicos. A eficacia dos acordos e a negativa á aplicación de cláusulas de garantía salarial danan seriamente tanto a negociación colectiva nese ámbito como o poder adquisitivo dos empregados e empregadas públicos. De aí que sexa necesario reforza-lo vínculo da negociación colectiva no caso dos empregados públicos, asegura-la negociación dos incrementos salariais con cláusulas de garantía e resolve-los problemas específicos de representación e negociación dalgúns colectivos. En definitiva, máis aló do concreto, as medidas parecen optar por un modelo de crecemento económico que nos arreda en termos económicos e sociais da converxencia coa Unión Europea. 6. Optar por un modelo económico improductivo e inxusto. O Real Decreto Lei significa a opción por unha economía baseada na reducción dos custos laborais como única vía para a competencia, á que se lle engade a reducción dos sistemas de protección por consideralos inadecuados e custosos, e na que o valor que se lle confire á formación e á cualificación resulta marxinal. Non consideramos conveniente modifica-lo actual sistema da protección ó desemprego nos termos decididos nin vemos motivos para isto. O propio “Plan de Acción para o Emprego do Reino de España 2002”, elaborado polo Goberno, sinala que “en termos xerais, o sistema español de protección social non enxendra trampas de pobreza, xa que a prestación é claramente inferior ó salario... Un traballador con salario medio que queda en desemprego percibe durante os primeiros meses uns ingresos netos en torno ó 72% do seu salario neto anterior (salvo no sector agrario, en que a taxa de substitución é inferior ó 40%)”. Ademais, tendo en conta que neste momento as cotizacións por desemprego teñen un excedente duns 3.600 millóns de euros mentres que ó mesmo tempo hai no Estado un 43% de persoas en desemprego sen ningunha protección, acadando en Galicia o 51,4%, ¿cal é a urxencia e a necesidade de propor fortes recortes na prestación? Máis parece que a nova reducción de impostos anunciada puidese requirir asegurar este colchón de ingresos, algo que sería profundamente inxusto e intolerable.
a) Sistema de protección por desemprego. Hai que reforza-lo nivel asistencial da protección por desemprego e a modalidade contributiva da protección por desemprego. Igualmente, hai que crear un sistema de prestacións por desemprego para os traballadores agrarios por conta allea, que equipare a estes traballadores cos do Réxime Xeral. Hai que delimitar mellor as fontes de financiamento da protección por desemprego, o reforzamento da modalidade contributiva da protección por desemprego, integrando a tódolos traballadores, sexa cal for a situación de temporalidade do actual mercado de traballo, e ampliando o acceso á prestación contributiva cun período mínimo de cotización de 180 días. De maneira inmediata deberíanse flexibiliza-los requisitos de acceso para xera-lo dereito ó subsidio e estendelo ás persoas en paro con responsabilidades familiares e a maiores de 45 anos. Ademais, hai que configurar como un subsidio máis a Renda Activa de Inserción, de xeito que sexa un dereito subxectivo non suxeito á discrecionalidade ozamentaria e incluíndo o pagamento da cotización á Seguridade Social por parte do Inem. b) As políticas de emprego. As centrais sindicais sinalamos reiteradamente como obxectivos prioritarios os relativos a incrementa-la participación das mulleres na actividade laboral e no emprego; reduci-los niveis de desemprego entre as mulleres e a xente nova; mellora-la estabilidade e a seguridade nos empregos; aumenta-los niveis de escolarización, reduci-la taxa de fracaso escolar, incrementa-la participación da poboación ocupada e desempregada na formaciónp profesional; aumenta-lo investimento en investigación e desenvolvemento e na sociedade da información; garanti-la igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e favorece-la inserción laboral dos colectivos con máis dificultades para acceder ó emprego. En concreto, propuxemos aumenta-la intensidade e eficacia das políticas activas dirixidas ás persoas desempregadas; xeneraliza-la formación permanente e establecer unha vinculación máis estreita da formación ocupacional co emprego; desenvolver servicios comunitarios e de proximidade, establecendo como prioritarios os dedicados á atención de persoas dependentes; mellora-la calidade dos postos de traballo para reduci-la elevada temporalidade e sinistralidade laboral; moderniza-la organización do traballo mediante a reducción e reordenación do tempo de traballo; e reforza-la igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, favorecendo o acceso e a promoción das mulleres ó emprego, combatendo as discriminacións salariais e aumentando a rede de infraestructuras sociais de apoio. A situación, con ser grave a nivel de todo o Estado, é especialmente nefasta en Galicia, onde a Xunta fai oídos xordos e a vista gorda ós intensos e graves problemas que existen. Ademais do anterior, hai que facer referencia á destrucción do tecido productivo galego, que é a máis intensa que se está a producir no marco da Unión Europea.
(Por UGT-Galicia) Jesús Mosquera Sueiro con DNI 33.153.473. (Por CIG) Xesús Eladio Seixo Fernández DNI 32.402.822. (Por CCOO) Juan María Castro con DNI 32.327.329. Como domicilio do Comité de Folga fíxase o de UGT-Galicia, sito na Rúa do Xeneral Pardiñas nº 26, 1º, de Santiago de Compostela; o do S.N. de CCOO de Galicia sito na Rúa do Xeneral Pardiñas 26, 2º, de Santiago de Compostela; ou da CIG, sito na Rúa do Forno nº 1, baixo, Santiago de Compostela.
Asinado: Jesús Mosquera Sueiro, Sec. Xeral UGT-Galicia, DNI 33.153.473. | ||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/06/2002 |