Actualidade CIG-Comunicación- Esta alta participación cidadán nas mobilizacións evidencia o rexeitamento total da cidadanía galega á política socioeconómica do Governo do PP e a unha reforma do desemprego que foi imposta de costas aos cidadáns deste país. O feito de que a folga fora secundada polo 85% dos traballadores e traballadoras desta comunidade xa evidenciaba o éxito da mesma que se ve reforzado pola participación masiva dos cidadáns nas mobilizacións. O sucedido durante toda a xornada de folga e as propias manifestacións celebradas ao mediodía cuestionan claramente as análises que están a facer e as contas que están a botar os voceiros dos governos de Galiza e de Madrid, que se viron desmentidos pola realidade dos feitos. UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG consideran que non hai que esquecer o paro, sen precedentes, dos centros de El Corte Inglés en A Coruña e Vigo, Coren, Inditex, Citroën, e dos traballadores dos medios de comunicación desta Comunidade, que se cifra nun 75% en prensa escrita (no día de onte), o 50% na radio e do 95% na televisión. Resulta relevante a participación dos traballadores dos medios de comunicación que constitúe unha verdadeira novidade neste tipo de mobilización. Os secretarios xerais de UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG valoraron moi positivamente o resultado da folga e agradeceron o amplo apoio recibido de diversas asociacións, organizacións políticas, cargos públicos, comités de empresa e a todos os que fixeron posíbel que esta xornada de folga se convertese nun éxito sen precedentes. Os sindicatos convocantes lémbranlle ao Governo que se continúa coas súas medidas e leva a cabo outras que ten anunciado debe saber que a loita sindical e a mobilización social vai seguir con todas as consecuencias. Os sindicatos non van permitir que conquistas que custou moito traballo conseguir lles sexan arrebatadas por unha direita política impresentábel. | ||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/06/2002 |