Actualidade / Artigo Palestina é unha gran cárcere Manuel Mera- Neste contexto, no que se incumpren as decisións das Nacións Unidas e os palestinos foron abandonados por todas as grandes potencias e a maioría das nacións árabes, non é estraño que as acións terroristas teñan alimento cotiá. Reflicten a desesperación, a falta de futuro da maioría da mocidade palestina, mesmo daquela que era considerada privilexiada por ter cidadanía israelí. Ademais, como esquecer que as organizacións que practican este tipo de actos foron potenciadas polo governo de Israel pra debilitar a Al-fatah. Por outra banda ¿non é tamén un acto terrorista matar a dirixentes palestinos sen probas contrastábeis e xuízo, por consideralos vinculados á loita contra a ocupación israelí?... ¿non é terrorismo atacar con elicopteros artillados ou tanques a edificios con civís dentro?... O terrorismo resta forza as razóns dunha loita, degrada ao ser humán,... non é aceptábel nen defendíbel dende posturas progresistas, de esquerda (por algo o condenaba Lenin)... Mais neste caso, as responsabilidades que ten o governo de Israel son moito maiores que as que lles corresponden aos palestinos. Aínda máis, o governo Sharon ten nas súas mans a saída a esta espiral de violencia, capacidade da que carece Arafat. Abonda coa proclamación do Estado Palestino (recoñecido hoxe pola maioría dos países), un acordo sobre o retorno dos desprazados e que Xerusalén leste sexa a capital. Non é tanto!, cando se garante a paz actual e futura entre dous povos que están condenados a convivir xuntos. Pechariamos os ollos á realidade se non dixeramos que pasa o que pasa en Palestina porque os Estados Unidos apoia esta política agresiva de Sharon. Mais tamén, porque a Unión Europea non se atreve (ou non quere) enfrontarse as decisións norteamericanas no governo unilateral da situación internacional (Palestina, Afganistán, Iraq, Libia, Colombia, Venezuela, Cuba...). Todo indica que, dentro do mesianismo imperialista dos Estados Unidos, o control militar de Israel-Palestina é fundamental pra invadir ou presionar sobre Iraq, Siria e Iran, controlando daquela as maiores fontes de enerxía do mundo. E esto, no proxecto neoliberal, é máis importante que a vida de millóns de persoas,... cando menos eso amosa a historia das últimas décadas. Se fora así, a loita do povo palestino non terá respiro; este país, vitima da violencia e da negación dos direitos máis elementais, seguirá a aportar heroísmo e reflectir as tremendas contradicións que hai entre os avances técnicos e o progreso colectivo e individual.
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/07/2002 |