Actualidade / Artigo A debilidade do imperio Manuel Mera- Contra o que moitos pensan, aínda sendo os Estados Unidos a nación máis poderosa e ningún país atreverse a enfrontala, o recurso constante á forza é un signo de flebeza que amosa a debilidade do modelo económico e social que defende. Canto máis recurre aos bombardeos, ás ocupacións militares e as sancións económicas, será maior a oposición que se xerará nos países que son vitimas destas actuacións e no resto das nacións dependentes e/ou empobrecidas. Como Roma, chegará e conquistará, mais despois terá que manter as conquistas e, como en Afganistán hoxe, meter a man nun niño de abellas ou abandoar debilitando o mito (como en Somalia). O actual é un escenario moi diferente ao que había cando a queda do socialismo real. Daquela, a guerrilla deixou as armas en moitos países do mundo, a oposición ao neoliberalismo recuou, e os presidentes da Unión Europea paseaban por Amsterdam en bicicleta dándolle a man aos transeúntes. Hoxe, poucos anos despois, calquera deles ten que reunirse tras muros de seguridade e coa proteción de miles de policías e soldados. Non semellan ser estes sinónimos de fortaleza, só son signos de poder, de forza bruta. Posiblemente Bush e Tony Blair pensen que poden terminar con métodos militares ou policiais dunha vez por todas coa oposición aos seus dictados. Teñen capacidade dabondo pra esmagar a Iraq, ao povo palestino, facer sufrir un cruel bloqueio aos habitantes de Cuba e Libia, e intervir en Colombia e Venezuela. Agora ben, a consolidación con man de ferro da inxustiza e da desigualdade xerará protestas masivas e novas rebelións, mesmo dentro dos propios estados imperiais, como consecuencia do seu xeito de actuar e das políticas sociais e culturais que impoñen. Eso si, a oposición utilizará, seguramente, métodos de loita que terán en conta esta hexemonía militar e o control da información. A forza das ideas, a paz, é o contrario da forza militar, sempre orixe de novos conflictos. A historia da humanidade é o millor exemplo. ¡E a historia non rematou!. Os imperios e os seus lideres sempre acaban destruídos pola ambición e a avaricia... a rebelión e a sangue xenerosa dos máis humildes.
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/09/2002 |