Actualidade / Artigo Emprego e desemprego no ciclo neoliberal Adrián Sotelo Valencia-
Iso xera grandes benefícios eleitorais a eses governos que apresentan esa realidade e as reformas consecuentes, como "encamiñadas" a consolidar os ditos cámbios. Claro, contando cos bos ofícios das direccións "brandas" dos sindicatos e do mesmo sindicalismo "branco". Certamente poderíamos supor, sen conceder, que esa foi a realidade do mundo do traballo despois da crise de 1997, cando a OIT situa ese ponto de inflexión para plantexar demagoxicamente os "bos benefícios" das políticas neoliberais que se aplicaron sistematicamente na rexión. Pero, en calquer caso, destacamos como fenómeno relevante o iminente proceso de pauperización e precarización do emprego das grandes masas de traballadores, que se expresa en múltiplas formas, entre elas: o emprego a meio tempo ou emprego parcial; o traballo asalariado a domícilio e pagamento por peza, traballos "regulares" pero remunerados pola metade ou ben, traballadores que son pagados polo patrón de acordo co salário mínimo, pero obrigando-o a aumentar a sua xornada de traballo. Un caso intermédio que veu cobrando forza no contexto da actual crise estrutural e de longo prazo do capitalismo mundial, son os chamados "paros técnicos" na fábrica, que obrigan a reducir a produción e, ao mesmo tempo, a xornada de traballo e o salário como na empresa automotriz VW de Puebla, en México. Esta realidade para milleiros de famílias traballadoras de feito veu-se impondo pola via dos feitos: en México, en Brasil, etcétera, onde legalmente ainda existen leis e regulamentos laborais que corresponden ao anterior patrón de acumulación capitalista dependente: tal é o caso das leis de consolidación do traballo de 1943 en Brasil e da LFT en México de 1931 que, por certo, agora está na mira para ser reestruturada através da reforma laboral neoliberal, tanto por parte dos patróns, do sindicalismo corporativo, como do governo conservador de Fox e dos partidos políticos. O capital e o Estado descobriron a "chave" para incrementar a sua taxa de ganáncia a custo do traballador: precarizar o traballo e remunerá-lo por baixo do seu valor. Pero, ademais, engadindo-lle a representación ideolóxica de que o sistema é capaz de xerar os empregos que "necesita" a sociedade ainda que nas cidades e nas ruas existan millóns de desempregados. A precarización do traballo, xunto a fenómenos tradicionais como a superexplotación, a marxinación, a pobreza e a pobreza extrema, está-se configurando como un fenómeno estrutural, de longo prazo, que se intensifica en función da aplicación do desenvolvimento da técnica e da ciéncia ao proceso produtivo e de traballo. Os organismos internacionais mencionados máis arriba ocupan-se da precariedade laboral, pero ocultan o que para nós constitue o seu núcleo básico: a crecente perda de direitos laborais e sociais para os traballadores de ambos os sexos, tais como educación, saúde, enfermidade, prestacións económico-sociais, vivenda, lecer, etcétera. A dita precariedade está-se configurando como a peza mestra das políticas de reforma do Estado acordes coas dos intereses dos organismos monetários e financeiros que representan aos grandes monopólios transnacionais, ás empresas do capital privado nacional e ás burocracias dos governo civis dos países imperialistas. A reforma laboral en marcha en México, pero con antecedentes de implantación desde a década dos oitenta en Chile (1981) e noutros países como Arxentina e Colómbia, pretende codificar, non os direitos dos traballadores que, pola contra, son tripados a cada intre, senón os do capital a partir de legalizar a realidade da precarización xa existente nos feitos. Recorte de direitos e de prestacións, aumento da xornada de traballo, ataque ás formas independentes e autónomas de organización e loita dos sindicatos, recortes salariais, aumento do persoal de confianza e da fiscalización nas empresas, son outras tantas formas de precarizar o traballo e flexibilizá-lo para o axustar ás necesidades de explotación e valorización do capital.
A precarización do traballo é un fenómeno que veu compaxinando-se co crecimento do desemprego; pero o dito fenómeno foi diferenciado respeito aos seus efeitos nas clases obreiras dos países latinoamericanos. En canto ao primeiro a CEPAL recoñece que: "Tal como o suxere a crecente proporción de empregos de baixa produtividade, a precariedade das ocupacións acentuou-se durante os anos noventa. Desde 1990, a proporción de empregos informais na área urbana elevou-se en máis de cinco pontos porcentuais, o que equivale a un crecimento do sector informal próximo dos 20 millóns de persoas. Máis ainda, a proporción dos novos empregos absorbidos polo sector informal pasou do 67.3% no período 1990-1994 ao 70.7% no de 1997-1999"(1). Ainda que é certo que se reduciu o desemprego a longo prazo en benefício do subemprego e da flexibilización laboral, iso non debe levar-nos a facer contas alegres xa que este fenómeno obedece a políticas diferenciadas que teñen que ver coas características económicas, sociais e políticas de países e rexións. A CEPAL recoñece esta realidade cando diagnostica que "O sustido aumento da povoación activa exerceu grande presión sobre a necesidade de criar novos empregos. Nese sentido, a demanda de traballo non logrou responder axeitadamente ao importante crecimento rexistrado pola forza laboral. A consecuéncia diso, no decénio de 1990 houbo un considerábel aumento do número de desempregados, a razón dun 10.1% anual concentrado sobretodo no período 1997-1999. Durante a década, máis de 10 millóns de persoas aumentaron as fileiras da desocupación, que en 1999 atinxiu ao 8.6% da forza de traballo a nível nacional (pouco máis de 18 millóns de persoas), en contraste co 4.6% de 1990. Este fenómeno afectou particularmente á povoación urbana, até o ponto de que entre 1990 e 1999 a taxa de desemprego nesas zonas se elevou de 5.5% a 10.8% no conxunto da rexión. O aumento do desemprego ao longo da década pasada non foi xeneralizado na rexión, e afectou maiormente aos países de América do Sul. En Arxentina, Brasil e Colómbia, os tres países sudamericanos de maior tamaño, o desemprego medrou persistentemente. Este fenómeno tamén mostrou unha tendéncia á alza en Bolívia, Chile, Ecuador, Paraguai, Uruguai e Venezuela. En México e na maioria dos países de Centroamérica e o Caribe predominou, pola contra, unha tendéncia á redución da desocupación. Nos países centroamericanos o desemprego tendeu a reducir-se (O Salvador, Honduras e Nicarágua) ou mantivo-se en níveis relativamente moderados (Costa Rica). Esta tendéncia tamén predominou no grupo de países insulares do Caribe (Barbados, Cuba, República Dominicana e Trindade e Tobago), ainda que os níveis de desemprego nestes países, con excepción de Cuba, se mantiveron en taxas máis elevadas que no grupo anterior, próximas ou superiores a 10%"(2). Segundo o organismo en Centroamérica, O Caribe e en México predominou a caída da taxa de desemprego. Pero este feito de nengunha maneira nos autoriza a facer contas alegres, como fan os organismos financeiros e governos como o mexicano. Apesar de que as cifras oficiais de INEGI e da Secretaria do Traballo non son fiábeis e, máis ben, distan moito, sequer, de se achegar á realidade laboral do noso país, porén, o feito de que se rexistase un período no cal se reduciu relativamente a taxa de desemprego aberto, sen embargo, a precariedade laboral tal e como a conceptualizamos, aumentou exorbitantemente, a grao tal que a maior parte dos (poucos) empregos que cria o governo e o capital son empregos precários que non resolven de nengunha maneira as necesidades básicas das clases traballadoras en matéria de saúde, alimentación, vivenda, educación, lecer e de satisfactores "histórico-morais" como sinalou Marx cando indica o procedimento para determinar o valor real da forza de traballo. Eu coido que na actualidade a análise do emprego, o desemprego e a precariedade do traballo, ten que ser dividida en duas fases: a primeira antes dos acontecimentos do 11 de setembro de 2001 en Estados Unidos e a segunda, desde o período posterior até a actualidade. Na primeira fase o capitalismo xa viña acelerando a recesión e a crise; os ataques do 11 de setembro non fixeron máis que imprimir-lle nova velocidade ao proceso. En Europa o desemprego viña en ascenso e en Estados Unidos, desde marzo de 2001 en que se apreciou por primeira vez a aparición da recesión despois do "milagre" da 'new economy' do período 1993-2000(3), comezou un brutal proceso de perda de empregos produtivos a partir de políticas masivas de despedimentos implementadas polas grandes corporacións multinacionais. En Xapón, como se sabe, case 11 anos de recesión ameazaron aos empregos. Conquistas obreiras como o "emprego vitalício" –que cobre só a algunhas categorias de traballadores cualificados, e exclue as mulleres traballadoras–, o direito de folga, o salário garantido, a redución da xornada de traballo, etcétera, están na actualidade ameazadas. En Corea do Sul, impuxo-se a flexibilidade laboral, pero a clase obreira dese país librou, e libra na actualidade, grandes batallas nas fábricas e nas ruas por preservar os seus direitos e intereses laborais e sindicais. E ainda asi, as xornadas de traballo son extenuantes con tendéncias a sobrepasar as 50 horas semanais. En México, como país dependente do ciclo de reprodución do capitalismo norteamericano, a fracasada política do novo governo en matéria de criación de empregos, tocou fundo e somente durante o ano 2001 foron despedidos pola patronal nacional e estranxeira arredor de 1 millón de traballadores dos máis diversos sectores, indústrias e ramas da producción, destacando o caso da Indústria Maquiladora de Exportación –que fora o baluarte neoliberal da burguesia mexicana e do capital estranxeiro– a cal despediu a máis de 250.000 traballadores. A crise da nova economia que se esfarelou despois da desfeita das Torres Xémeas de Nova York provocou o despedimento de perto de 2 millóns de traballadores no transcurso de 2001, case tres veces o número de despedimentos notificados en 1999. Desta forma, a taxa de desemprego aberto atinxiu o 5.8% nese ano, segundo a firma de colocacións Challenger, Gray & Christmas(4). Como resultado do anterior, para abril de 2002 a taxa de desemprego subira ao 6%, de acordo co Departamento do Traballo dos Estados Unidos(5). Do anterior non se pode concluir, como fan os ideólogos do capitalismo neoliberal, que no mundo actual de capitalismo globalizado, xa se "superou" a tendéncia ao aumento do desemprego; máis ben o que si confirmamos é que non importando se se está nunha fase de descenso ou de ascenso do ciclo económico, tanto a taxa de desemprego como a de emprego dependen das políticas xerais do capital en matéria de obtención de ganáncias e de expansión dos seus negócios. Isto significa que o Estado e o capital, de maneira conxunta, tratarán por todos os meios, de dobregar o traballo para se axustar ao ciclo dos negócios para ser utilizado e desbotado cando asi o requiran os empresários en calquer país do mundo. Ante un panorama tan adverso para os traballadores, non se pode contentar con asumir as reformas neoliberais que axusten o traballo á lóxica e normatividade das empresas transnacionais. Os actuais proxectos excluintes de reforma laboral –como a que pretende impor o goberno foxista e as contempladas nos anteproxectos de reforma laboral postos no Congreso(6)– calquera que sexa o seu signo ideolóxico (tricolor, amarelo e azul), non perseguen outro obxectivo que o de actualizar o proceso de compra-venda, contratación e uso da forza de traballo ás características universais da explotación e dos mercados globalizados. O eixo reitor dos novos contratos flexíbeis de traballo é, e será, o seu carácter temporal e a sua auséncia de direitos para os vendedores da sua forza de traballo. Con iso afianzan-se as políticas de libre contratación e despedimento por parte do capital no ciclo actual do capitalismo neoliberal.
Considero que o panorama actual da clase obreira en México e do sindicalismo non é o máis axeitado e favorábel para impulsar unha loita de resisténcia para derrotar os intentos do neoliberalismo por reformar o artigo 123 constitucional e a mesma LFT. Porén, iso non debe ser obstáculo para non debater e construir plataformas de loita que impulsen tacticamente os traballadores a loitaren por preservar e recuperar os seus níveis de vida e de traballo tan duramente golpeados desde a instauración do neoliberalismo. A loita e a vontade debe-se dirixir cara á formación de empregos non temporais, senón permanentes; non precários, senón integrais, con alta cualificación e ben remunerados. Pero isto non debe ser un obxectivo estratéxico, porque seria limitar-se a aceitar o marco capitalista de explotación e dominación. A estas alturas da história, a loita debe contemplar obxectivos estratéxicos e, coa unidade dos traballadores, esta deberá de se sintetizar nun proxecto que erradique a explotación e a dominación do traballo polo capital e o Estado. Isto, dirá-se, é unha utopia, pero non o é se comezamos a dar os primeiros pasos.
| |||
Notas: (2) Ibíd., p. 21. (3) Unha análise pormenorizada da crise da chamada nova economia nos Estados Unidos, realizo-a no meu libro de próxima aparición intitulado: 'Centralidad y reestructuración del mundo del trabajo, ¿nuevos paradigmas?', Coedición Editorial ÍTACA-UOM, México, 2002 (en prensa). (4) 'El Universal', 3 de xaneiro de 2002. (5) 'El Universal', 4 de maio de 2002. (6) Ao respeito vexa-se: Max, Ortega, "Programa neoliberal, reforma de la LFT y resistencia sindical y popular", relatório apresentado en "La legislación laboral a debate", Mesa de Debate núm. IV: "Los investigadores del mundo del trabajo, su análisis y sus posturas ante la Lei Federal del Trabajo", apresentada o 22 de agosto de 2002, no Auditorio do Sindicato Mexicano de Electricistas (SME). Neste traballo o autor salienta a existéncia de tres anteproxectos de reforma laboral postos no Congreso para a sua aprobación: o do governo federal-PAN, o da Unión Nacional de Traballadores (UNT) e o do Partido da Revolución Democrática (PRD). Sen atender aos intereses do povo e dos traballadores mexicanos, os tres anteproxectos están de acordo en reformar a lei, tanto a LFT como o Artigo 123 da Constitución Política do país e o seu ingrediente comun é o seu profundo carácter neoliberal. | |||
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/09/2002 |