Actualidade + Opinión  Santiago, 6 de setembro de 2002
A Xustiza segue a desprezar a língua própria de Galiza O TSXG dá-lle a “razón legal” á Xunta na discriminación do galego no aceso á Función Pública
| |  | | Para conforto noso, temos un idioma que leva resistindo máis de cincocentos anos de situacións adversas (longa noite de pedra franquista incluída); un idioma que segue a ser a língua habitual de dous terzos da povoación galega (mália a regresión das últimas décadas); un idioma que segue a contar cun importante número de entusiastas que pelexan decote pola sua dignificación como língua nacional de Galiza. Contándomos con isto, nen sequer unha sentenza tan rematadamente torpe como a do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza nos vai acovardar nen silenciar. | | | O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) deu en desestimar, en sentenza firme (xa que logo, contra a que non cabe apelación), o recurso da CIG-Administración Pública mediante o que o sindicato denunciaba a marxinación do noso idioma nos procesos selectivos para o ingreso nos corpos Superior da Administración, de Xestión e Administrativo da Xunta. Esta denúncia, en forma de recurso, viña motivada pola arbitrária decisión da Xunta de Galiza no pasado mes de xuño de 2000 de eliminar o exercício de coñecimento da língua galega, que tiña carácter eliminatório, das probas selectivas para o ingreso en diferentes corpos da dita Administración. A CIG-Administración Pública entendia que o proceder da Administración autonómica constituía unha clara vulneración dos direitos lingüísticos dos galegos e galegas e da própria lexislación lingüística, como a Lei de Normalización Linguística (nomeadamente no seu artigo 11) ou inclusive da Lei da Función Pública (no seu artigo 33). Para maior escárnio, esta vulneración de direitos proviña de quen deberia ter precisamente a función de velar polo seu cumprimento e quen ademais deberia ser o motor na recuperación lingüística da idioma próprio de Galiza. A sentenza que agora se dá a coñecer, pola que o TSXG lle dá a razón á Xunta, incide nesta vulneración de direitos lingüísticos, ao conceder-lle á língua própria de Galiza un papel marxinal no proceso selectivo dos futuros funcionários da Administración galega. Deste xeito, o TSXG entende, ao igual que a Xunta, que a simple realización dos cursos de iniciación e perfeccionamento (de apenas 60 horas efectivas) ou os estudos de bacharelato se constituen en eximentes da realización dunha proba de coñecimento da língua galega. Xa que logo, o que viña sendo unha eiva –a escasa galeguización da Administración autonómica (a case 19 anos despois da posta en marcha da Lei de Normalización Lingüística)–, en lugar de ser emendada, mercé á sentenza do TSXG vai converter-se xa en algo de difícil solución: dificilmente, un persoal que acede ao seu posto sen ter que demostrar a sua capacitación lingüística en galego vai desenvolver as suas tarefas no noso idioma. Coñecida a sentenza, representantes da CIG-Administración Pública cualificaron a sentenza do TSXG de "política" e anunciaron a sua intención de seguir a loitar pola dignicación do noso idioma e por facer que avance o proceso de normalización da língua galega no eido da administración. Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2002.
Opinión Rafa Villar Máis unha vez, está-se a ver que o Partido Popular –no Governo autonómico e central– está virado de costas á realidade lingüística de Galiza e teima en discriminar o galego. Máis unha vez, está-se a ver que a Administración de Xustiza está igualmente virada de costas á realidade lingüística de Galiza e teima en discriminar o galego.
Neste tempo de confusión entre poderes (un xa case non sabe onde acaba o executivo e comeza o xudicial, ou por onde vai o lexislativo), non parece nada casual que se dean as circunstáncias descritas, tristes en si mesmas: o galego arrombado a un recanto marxinal, coa conivéncia duns poderes públicos praticamente autistas. Para conforto noso, temos un idioma que leva resistindo máis de cincocentos anos de situacións adversas (longa noite de pedra franquista incluída); un idioma que segue a ser a língua habitual de dous terzos da povoación galega (mália a regresión das últimas décadas); un idioma que segue a contar cun importante número de entusiastas que pelexan decote pola sua dignificación como língua nacional de Galiza. Contándomos con isto, nen sequer unha sentenza tan rematadamente torpe como a do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza nos vai acovardar nen silenciar.
|